Unha das xovens denunciou en 2010 abusos sexuais e vexacións por parte do dono do clube de alterne.

 

Club Liverpool do Corgo (Lugo) en que foron prostituidas as menoresClub Liverpool de O Corgo (Lugo) en el que fueron prostituidas las menores.

 

 

A demora en interrogar os acusados e o feito de a fiscalía considerar “tratos de cortesía que non comprometen a imparcialidade” os presentes e consumicións gratuitas no prostíbulo con que eran obsequiados os gardas civis deixarán sen castigo penal os seis imputados, catro deles precisamente axentes do instituto armado.

A causa é unha peza separada do caso Carioca, o macrosumario aberto en Lugo en 2009 contra unha suposta mafia policial de explotación sexual de mulleres que acumula 270 tomos, 47 pezas e 150.000 follas. A xuíza Pilar de Lara, titular do xulgado número 1 desta cidade galega, investigou sete supostos delitos, entre eles abusos sexuais, prostitución coactiva, tráfico de influencias, revelación de segredos, omisión do deber de perseguir delitos e suborno impropio. Despois de oito anos de pescudas, a fiscalía pediu o arquivo nun informe moi criticado pola Rede Galega contra a Trata e cualificado de “machista” por partidos políticos. Sendo o ministerio público a única acusación comparecente (os feitos ocorreron antes da aprobación en 2015 do Estatuto da Vítima que facilita a asistencia legal gratuíta), o caso está abocado ao encerramento.

O fiscal xefe de Lugo, Roberto Brezmes, que supervisionou e defende o informe, sinala que os delitos de abusos e omisión do deber de perseguir delitos xa estaban prescritos cando en maio de 2016 os fiscais que solicitan agora o arquivo fixéronse cargo do caso. Brezmes atribúe a demora en tomar declaración aos acusados á magnitude da Operación Carioca, que desbordou os medios cos que contan os xulgados lucenses. E sobre a exculpación dos gardas civís esgrime que “algúns feitos poden ser reprobabeis moral e disciplinarmente” mais “non son delito”.

O calvario de abusos e vexacións que sufriu Verónica (nome suposto) desde que chegou ao Reino de España con 17 anos ficará impune. Ela, de familia moi humilde e cunha nena dun ano ao seu cargo, contou que viaxou enganada desde Romanía a Granada en 2004 para traballar supostamente de camareira. Acabou nun bordel desta cidade andaluza, un chalé ao que, segundo o seu testemuño, acudían “homes endiñeirados” e eran prostituídas 400 mulleres de diferentes nacionalidades. Despois foi levada polos seus explotadores a outro local de Málaga e finalmente recalou no club Liverpool do Corgo (Lugo), un antro frecuentado por gardas civís e rexentado por Eladio R. H., alcumado A Media Orella polas pegadas dunha liorta.

Verónica denunciou en 2010 que fora prostituída nestes bordeis sendo menor de idade e que no Liverpool de Lugo, entre 2004 e 2005, foi agredida sexualmente de forma repetida por parte da Media Orella. Con todo, Eladio R. H. non foi chamado a declarar até decembro de 2016 e o suposto delito de abusos prescribira ao teren decorrido máis de dez anos. O mesmo aconteceu co delito de omisión de perseguir delitos que se imputa aos gardas civís José V. T. e Miguel Anxo P., clientes habituais do prostíbulo. Non compareceron ante o xuíz até 2015.

O ministerio público sostén que non hai probas de que o Media Orella cometese un delito de prostitución coactiva. Dos testemuños recolleitos no sumario, aduce a fiscalía no informe, “inférese que o imputado tiña mal carácter, que era esixente co traballo, que as aconsellaba, suxería, nunca impuña, con que clientes podían subir, aproximando ao lugar no que estaba o cliente no mostrador unha baeta ou un cinceiro, ou se era careca tocábase a cabeza, así como que non usasen preservativo nas relacións íntimas xa que se gañaba máis”.

A fiscalía descarta que o feito de as mulleres que se prostituían no Liverpool seren inmigrantes, en moitos casos sen papeis, e con cargas familiares teña relevancia penal para considerar que fosen coaccionadas polo proxeneta amigo de gardas civís. “Non é a clase de necesidade derivada de tal extracción a que require” o artigo 188 do Código Penal para cualificar o delito de prostitución coactiva, sostén o ministerio público no seu escrito.

Após a análise do escrito en que se pide o arquivo do caso, a Asociación de Mulleres Xuristas Themis aprecia unha “mala praxe” do ministerio público na instrución xudicial da causa. A entidade afirma que o feito de as mulleres prostituídas no Liverpool seren inmigrantes, boa parte delas en situación irregular, é unha circunstancia que apunta a un presunto delito de prostitución coactiva, polo que pon en dúbida que a fiscalía “fixese unha indagación correcta da especial situación de vulnerabilidade das menores”. “O ministerio fiscal é o garante da legalidade e da protección das vítimas e cremos que aquí houbo un abandono destas funcións. O escrito parece unha defensa dos imputados, non unha acusación”, subliña Themis.

Eladio R. H. foi detido en 2009 cando a policía localizou no Liverpool María (nome suposto), a outra menor prostituída pola que se abriu a causa. Ela, orixinaria de Colombia, declarou que modificara cun bolígrafo o seu ano de nacemento no pasaporte e mostrou a súa sorpresa porque a basta falsificación convencera os axentes nunha redada anterior noutro prostíbulo de Lugo, o Queen’s, apesar de a base de datos do computador de comisaría telos alertado de que era menor de idade. Este episodio leva a fiscalía a exonerar o proxeneta, “ao que non se lle pode esixir unha dilixencia e celo maior” que “aos funcionarios de policía”, argumenta o ministerio público.

 

OS SOPLOS DOS AXENTES AO MEDIA ORELLA

Ao exculpar o dono do bordel de forzar as menores e o resto de mulleres do local a prostituírse, a fiscalía tamén exonera os gardas civís José V. T. e Miguel Anxo P., clientes asiduos do Liverpool e agasallados, segundo as testemuñas, con barra libre no local e presentes do Nadal. O ministerio público descarta que cometesen un delito de colaboración coa prostitución ou suborno impropio e reduce os convites e botellas de viño que recibían do Media Orella a “tratos de cortesía que non comprometen a imparcialidade” como membros das forzas de seguranza. “Aínda que é posibel que algúns feitos sexan reprobabeis moral e disciplinarmente, non son delito; a efectos xurídico-penais o informe é correcto”, defende o fiscal xefe de Lugo. O proxeneta do clube onde eran prostituídas menores foi alertado por outro garda civil, José B., de que estaba a ser investigado. A fiscalía tampouco ve un delito de revelación de segredos neste comportamento porque considera que non existiu “prexuízo á causa pública”. Do delito de tráfico de influencias líbrase tamén o garda civil Armando L. T., a quen as picadas telefónicas pillaron realizando xestións para o Media Orella perante a Brigada de Estranxeiría da policía nacional, todo iso en relación coa posibel expulsión dunha das prostitutas do seu bordel. Estes manobras, alega a fiscalía, non tiveron “influencia determinante en quen tiña de ditar a resolución pretendida“.

 

Sonia Vizoso

Fonte: El País