O outro día lin casualmente unha noticia sobre a condena a un ano e nove meses de cárcere ao mozo que roubou un bocadillo nunha panadería da súa cidade. A sentenza estimou que o home colleu o bocadillo “coa intención de enriquecerse” e non por un “estado de necesidade porque tiña fame”, tal e como asegurou a súa defensa.

 

Resulta especialmente rechamante que o xuíz fallase en contra do rapaz, por cometer un delito de roubo con intimidación, aínda que quedase probado que este non proferiu ameaza ningunha e que finalmente tirou o bocadillo ao chan da panadería, sen chegar a facerse con nada alleo.

Se a noticia anterior a comparamos coa decisión do Tribunal Supremo, que deixou sen efecto, recentemente, a sentenza que obrigaba aos bancos a pagar os impostos hipotecarios que antes recaían sobre os clientes, unha decisión que segundo distintas estimacións forzaba ás entidades financeiras a devolver entre 4.000 e 6.500 millóns de euros aos seus usuarios e pola que os bancos debían ser os responsábeis de abonar os impostos relacionados coa concesión de créditos hipotecarios, concluímos que a xustiza non é neutral e as súas decisións sempre terminan favorecendo aos sectores máis poderosos da sociedade.

Escoitamos en repetidas ocasións, de boca de altos cargos e dignatarios ilustres, unha repetición mecánica dunha morea de verbas pomposas que repiten como papagaios acotío: «a xustiza é igual para todos» e «España é un estado de dereito». Porén os menos privilexiados, os que recibiron poucas ou nulas oportunidades na súa vida senten que o dereito e o aparello xudicial convertéronse en factores que multiplican as desigualdades sociais. Durante moito tempo o sistema penal español foi unha arañeira na que as que quedaban atrapadas eran as moscas e os mosquitos… E a quenlla? A quenlla de pescozo branco pasaba tranquilamente. Hai que procurar que os fíos desa tea da arañeira sexan de aceiro. Non hai unha clase de delincuentes, hai delincuentes de clase. E cada clase delinque ao seu xeito: as altas fano con gravata e co cabelo engoumado, con tres idiomas e catro mestrados –as veces falsos– e as clases desfavorecidas, esfarrapadas, fedendo e esfameadas.

Opino que a Xustiza non é igual para todos porque quen teña menos recursos para litigar vai estar en desvantaxe con respecto ás persoas que contraten os servizos dos principais bufetes de avogados. No entanto, desde o punto de vista dos xuíces e fiscais a xustiza debería esforzarse por alcanzar a igualdade e iso evitando a distinción en canto á capacidade económica das persoas, pero loxicamente o que ten máis medios consegue máis cousas que o que non os ten. Iso é indiscutíbel.

Óscar Lomba