Entre as moitas cousas que evidencia o CatalanGate podemos destacar que moitos, para defender o indefendíbel, recorren a explicacións absurdas co fin de dotar de legalidade aquilo que, sen dúbida, non a ten, mais, alén diso, nese esforzo e no marco dunha incomprensíbel precipitación, actuaron por ter ouvido dicir sen sequera comprender de que estamos realmente falando. Esta foi, tamén, a reacción do goberno español que, ao que parece, non contou co debido asesoramento antes de comezar a crear unha sorte de cortina de fume que en pouco ou nada lle beneficiará.

 

CatalanGate

 

Gonzalo Boye

Se nun comezo houbo quen mesmo sostiña que a espionaxe masiva desenvolvida contra o independentismo catalán e o seu contorno podía provir de servizos estranxeiros, agora, e nomeadamente desde o Ministerio de Defensa, empéñanse en barricarse en que sería o CNI coa preceptiva autorización do ‘xuíz do Supremo’, como forma de pór unha barreira que impida calquera “investigación efectiva”. As precipitacións son malas e máis cando se trata dun tema que afecta o núcleo duro do que ha de ser un sistema democrático.

Unha aproximación intelectualmente honesta ao CatalanGate obriga a non descartar ningún tipo de autoría, mais hai algunhas posibeis, que son rapidamente descartabeis, como son a dos servizos de intelixencia estranxeiros ou a de que se contou con autorización xudicial, nin máis nin menos que do Tribunal Supremo, para unha espionaxe así de masiva cuxos datos iniciais xa revelan unha cifra de 65 espiados.

Antes de precipitarse a dar unha versión oficial, deberon analisar o tema de conxunto, asesorarse e ver de que estamos a falar, porque a realidade e perversidade do sistema Pegasus implica, necesariamente, que o seu uso foi ilegal, á luz de calquera criterio. Explicareime.

Pegasus non é un sistema de escoita telefónico senón unha arma que ataca, neste caso, os terminais telefónicos na súa integridade, permitindo non só o acceso ás comunicacións do afectado senón a todo o contido do seu teléfono, así como ao conxunto do contorno do terminal mediante a posibilidade de activar o micrófono e a cámara do aparello afectado, podendo gravar todo o que acontece no seu contorno; tamén pode introducir, extraer e modificar os arquivos contidos na memoria do aparato en cuestión.

Por outras palabras, ainda máis  claras, Pegasus permite facer o que a lei contempla como diferentes medidas de investigación, todas elas revestidas da necesidade de autorización xudicial individualizada e sometidas, entre outras, ao principio de necesidade que, ao ser unha espionaxe masiva, nunca se cumpriría, nin sequera acudindo á fraude de lei de pedir as autorizacións unha a unha.

Mais, alén diso, e sorpréndeme que a ministra de Defensa non o saiba, o uso de Pegasus, polo seu propio deseño e estrutura de funcionamento, non cumpre nin tan sequera coas normas que regulan as escoitas telefónicas, aínda que as faga o CNI: Pegasus non é operado por funcionarios españois senón por empregados dunha empresa privada estranxeira e, aínda que só sexa por iso, xamais poderían ser escoitas (neste caso espionaxe) legal conforme ao dereito español.

Por outra banda, o resultado da espionaxe nin tan sequera sería da exclusiva titularidade do cliente, senón que a empresa prestadora do servizo, NSO, quedaría cunha copia do resultado da espionaxe polo que, tamén por esta vía, a legalidade que din tería a espionaxe que tantos sufrimos estaría sendo incumprida.

E como se nada disto fose suficiente, para poder usar Pegasus, antes ha de cometerse unha ilegalidade previa: entregar os datos, suxeitos a protección, dos titulares dos terminais afectados. Tratouse dun transferencia masiva de datos dunhas bases europeas -as das compañías operadoras dos nosos teléfonos- a unha empresa extra-comunitaria, co que iso representa en materia de protección de datos… que sería, entre as ilegalidades, seguramente a de menor intensidade, mais de maior calado económico. Obviamente, antes de transferir estes datos foi preciso acceder a eles e iso apunta a unha posición estatal, ou paraestatal, de quen puido obter eses datos… e continúo no plano da determinación da autoría.

 

O relato que están vendendo, por agora, non é máis que unha cortina de fume ou, por outras palabras, deitan migallas de pan para ver se son capaces de conducirnos a unha versión oficial que faga imposíbel calquera investigación

 

Se alguén ten aínda algunha dúbida acerca de que a persoa responsábel da espionaxe fixo a operación á marxe da legalidade, sirva outro exemplo que nos leva non a descartar, porque non hai que descartar ninguén, mais si a pór serios reparos á “versión oficial” sobre a autoría do CNI con respaldo do Supremo. Trátase do feito de termos sido espiados tanto aforados (que gozan de inmunidade) como avogados, Andreu Van dean Eynde, Josep Costa ou eu que, durante o período de tempo en que fomos espiados contábamos coas inmunidades que recoñecen o artigo 44.2 do Regulamento de Procedemento do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) e o 53.2 do Regulamento de Procedemento do Tribunal Xeral da Unión Europea (TXUE), onde defendíamos e defendemos outros espiados.

Máis claramente: é inimaxinábel que un xuíz do Tribunal Supremo non soubese, autorizando, dunha parte, espiar deputados, senadores, eurodeputados e persoal adscrito ao Parlamento Europeo, así como avogados, que estas defensas contan con inmunidade; as consecuencias son de tal gravidade, e refírome ás consecuencias en Europa (que se verán porque serán devastadoras), que é impensábel que esa autorización teña existido xamais.

Non existe un único xuíz do Tribunal Supremo que non coñecese as especificidades dalgúns dos espiados nin os impedimentos legais para tales medidas, polo que a versión oficial sobre a espionaxe masiva de que fomos vítimas desmorónase por todos os lados. En calquera caso, de existir un maxistrado no Supremo que puidese ignorar todas esas normas, sería conveniente que se nos dixesen quen é.

Son moitas as arestas que ten o CatalanGate e, antes de tratar de instalar un relato, deberon estudalas todas, porque a pouco e pouco irán sendo desvelados elementos que desmontan unha a unha as respostas que, dunha forma tan confusa, tratáronnos de vender como verdades absolutas.

 

Non descarto nada nin ninguén no plano da autoría, mais si descarto o esencial: que todo isto fose legal e contado con respaldo xudicial porque non puido ser.

 

O relato que están vendendo, por agora, non é máis que unha cortina de fume ou, por outras palabras, deitan migallas de pan para ver se son capaces de conducirnos a unha versión oficial que faga imposíbel calquera investigación, como sería de crermos a versión de que foi o CNI con autorización xudicial do “xuíz do Supremo”… mais insisto, non descarto ningún posíbel autor, só descarto que isto teã sido legal porque non o foi.

O problema de precipitarse a dar explicacións, sen contar con todos os datos nin ter clara a dimensión do escándalo, sempre leva a resultados nefastos, a resultados que acaban virándose contra de quen trata de explicar o inexplicábel sen ter, por agora, todos os elementos para poder dar unha versión coherente, verosímil e minimamente lóxica do acontecido.

Saen a toda presa a instalar un relato cando aínda non saben todo o que hai, aínda non saben até onde chega isto nin quen afecta e, tampouco parece que saiban como aconteceu e quen o fixo. Deféndense sen saber quen nin o que e iso sempre ten riscos que despois se transforman en mortais de necesidade. Manter a calma costuma ser unha virtude.

As responsabilidades teñen distintos planos de esixencia, eu céntrome nas legais que, en principio, son por acción, mais no plano político tamén as hai e poden ser por acción ou por omisión. A reacción dalgúns foi tan brutalmente irracional que mesmo se apenas tiñan responsabilidade por omisión parece que están penetrando o plano da acción, ao trataren de impedir que os feitos sexan investigados.

O CatalanGate non fixo máis que comezar e aquí ocorre como cando un sumario está secreto: o mellor consello é non declarar até ver todo o que hai porque todo o que se diga, actuando a cegas, poderá terminar sendo falso ou estar mal dito.

O CatalanGate é, sen dúbida, un dos maiores escándalos políticos non xa de España senón de Europa porque quen o montou e executou non era conscientes das dimensións dos seus delitos ou, peor aínda, pensou que o manto de impunidade co que xa viña actuando o cubriría elén dos Pireneos. Esta vez caeu con todo a equipe e é cuestión de tempo que así se demostre e creo que, nesta altura, todos saben que se algo temos é temperanza, paciencia e persistencia.

Tanto se España quere como se non, existirá unha “investigación efectiva” destes feitos e, afinal, veremos como nin isto era legal nin moito menos democrático porque nin sequera en contra do inimigo todo vale… Tempo ao tempo, que isto só acaba de comezar.

El Nacional