Salhaketa advertiu da morte dun preso en Zaballa. O falecido tiña 23 anos e levaba catro anos en prisión. «Unha traxedia evitábel que engrosa as macabras cifras de persoas morta en prisión, a maioría novas que aparecen mortas por motivos non naturais nos cárceres españois».
Cárcere de Zaballa. (Juanan RUIZ | FOKU)
Salhaketa informou na pasada terza-feira da morte dun preso no cárcere de Zaballa. Trátase dun mozo de 23 anos, con residencia en Araba, que respondía as iniciais L.F.B.C. e levaba catro anos en prisión. O seu corpo foi achado sen vida na sexta-feira anterior, 17 de xullo.
«Unha nova morte na macro-cárcere alavés de Zaballa. Unha traxedia evitábel que engrosa as macabras cifras de persoas morta en prisión, a maioría xovens que aparecen mortas por motivos non naturais nos cárceres españois. Este feito tráxico, non notificado por Institucións Penitenciarias, significa a nova crónica dunha morte en prisión anunciada», denunciou a asociación, que censurou a «sistemática política de ocultamento destas mortes e sobretodo por mor da epidemia da covid-19».
«Non se proporciona ningún tipo de información pública, como parte da estratexia de impunidade ante as mortes non naturais que acaban coa vida destes mozos, no seo de institucións públicas coas que manteñen unha relación de suxeición especial e cuxo dereito á saúde e á vida depende única e exclusivamente das mesmas. Que pasa? Por que se ocultan estas mortes? Por que non se esixen responsabilidades ou ao menos se investigan? Actuarían igual se as vítimas fosen outras? É posíbel tolerar impunemente estas mortes no seo dunha institución do estado como é o sistema penal?», preguntouse nun comunicado.
A asociación incidiu en que lle preocupa «a nula iniciativa de actuación por parte das autoridades políticas e xudiciais competentes para esclarecer as circunstanciaas destas mortes». «Esta situación é inaceptábel, sobre todocando a maioría desas mortes poderían ser evitadas, simplesmente aplicando de maneira estrita a actual legalidade vixente», engadiu antes de reclamar que o Ministerio Fiscal «non se inhiba e investigue sempre de oficio estas mortes a maioría delas en estrañas circunstancias, tal e como lle corresponde, para o esclarecemento das circunstancias e motivos as mesmas, co fin de apurar as responsabilidades políticas, administrativas e penais que se desprenderen dos feitos».
Tamén reclamou que as direccións das prisións «informen con imparcialidade as familias e non se limiten a procurar que o cadáver sexa incinerado para poder evitar autopsias posteriores que esclarezan as circunstancias en que se produciron as mortes»; e que se faciliten ás familias «todos os apoios necesarios para poder solicitar as responsabilidades civís e penais que se desprenderen do mal funcionamento da administración de xustiza, así como o apoio psico-social que se ha de prestar ás vítimas do cárcere do mesmo xeito que ao resto ante o estado de golpe shock que provoca a morte do seu familiar en prisión».
Así mesmo, esixiu que que se desenvolvan medidas de substitución en fase procesual e suspensión condicional da condena en fase executoria polo cumprimento en programas de deshabituación das drogo-dependencias dentro e «sobretodo» fóra das prisións, xa que «demostraron a súa maior eficacia na prevención e loita contra o delito e contra as consecuencias que o actual cumprimento de condenas ten en relación coa violación dos dereitos humanos en especial á vida nos cárceres».
«Os cárceres son espazos de risco para a aparición e agravamento das drogo-dependencias que, asociadas con determinadas doenzas mentais en condicións de encerramento prolongado e de desespero son o terreno fértil máis propicio para a deterioración do estado de saúde das persoas presas e en ocasións con consecuencias mortais», engadiu, e insistiu na «inmediata excarceración, tal e como contempla a lei, das persoas presas gravemente doentes, en especial aquelas en fase terminal, así como as que padezan doenzas mentais que en moitos casos supoñen a indución ao suicidio. Estas persoas necesitan coidados e seguimento médico incompatibeis co cárcere, que en moitas ocasións xera problemas de desequilibrio e doenza mental».
Alén diso, Salhaketa reclamou a reforma da lexislación penal e prisional «que prolonga innecesariamente as condenas e restrinxe o acceso a licenzas de saída, terceiro grao e liberdade condicional que son as formas de cumprimento máis conformes co obxectivo final que a lei outorga ás penas privativas de liberdade». «O aumento das mortes en prisión está en proporción directa co prolongamento das condenas e coas modificacións lexislativas tendentes á restrición no acceso a beneficios prisionais», manifestou, e esixiu «a redución do número de reos até a capacidade óptima de cada prisión para evitar a actual masificación, que, aínda que non é o único, si é un dos motivos que inflúen nestas mortes».
Compre lembrar que no ano pasado perderon a vida cinco presos en Zaballa. O 16 de xaneiro faleceu un preso por unha posíbel sobredose, o 7 de febreiro informouse dun suicidio en isolamento, o 1 de abril dun enforcamento, o día 25 dese mesmo mes dunha morte por «causas sen determinar» e o 19 de setiembre notificouse outro feito tráxico, outra morte provocada por unha suposta sobredose.