O Proxecto Identificación Policial Eficaz (PIPE) consistía nun ensaio do Goberno de Manuela Carmena para determinar como inflúen os criterios raciais nos controis preventivos que utiliza a Policía Municipal. A eliminación deste proxecto piloto, que durou cinco meses e se circunscribía ao distrito de Ciudad Lineal de Madrid, é a medida estrela dos acordos asinados por Partido Popular, Cidadáns e Vox no que respecta á policía local para a presente lexislatura.

 

El PP logra gobernar Madrid junto a Cs con apoyo de Vox, que tendrá cargos

 

 

O proxecto afecta as identificacións que se fan na rúa sen que os axentes presenciasen un posible delito. Trátase, en último termo, de detectar posibeis preconceptos raciais nos axentes e eliminalos. En definitiva, que o policía unicamente aplique o criterio de “sospeita razoábel” no momento de elixir a persoa que vai parar na rúa, proceder á súa identificación e talvez rexistrala.

O obxectivo era triplo. O principal consistía en “garantir de forma especial un trato igualitario e non discriminatorio a colectivos minoritarios, máis vulnerabeis”, segundo un relatorio de avaliación do proxecto, datado este mesmo xuño. Mais tamén, aumentar a “eficacia” dos controis e dotar de “certeza xurídica” os axentes ante unha posíbel denuncia. O PIPE obriga os policías a preencher un formulario e actuar cunha elemental cortesía.

Para o Partido Popular, Cidadáns e Vox, o único obxectivo do proxecto de identificacións é “obstruir o labor policial”, unha idea estendida por algúns sindicatos da Policía local. As reivindicacións laborais destas centrais tinxíronse de ideoloxía radical desde que se produciu a histórica mudanza na Alcaldía de Madrid en 2015.

Nun protesto pola supresión dos anti-disturbios da Policía Municipal, trescentos axentes rodearon con bandeiras de España o delegado de Seguranza daquele momento, Javier Barbeiro, en tanto lle gritaban “vermello de merda” e “perroflauta”. Un chat de axentes para reivindicar melloras no turno de noite revelaba tempo despois comportamentos fascistas e graves insultos a Carmena no seo do Corpo, segundo revelou o xornal eldiario.es.

Cando se deu a coñecer o Proxecto Identificación Policial Eficaz, en setembro do ano pasado, o portavoz dun destes sindicatos, CCPM, declarou ao País: “Parece que están dando por certo que estamos a facer algo mal contra colectivos vulnerabeis e iso non é así. Contrólannos como se fixésemos algo malo e o único que fan é pornos obstáculos”.

Os sindicatos, punta de lanza da oposición no últimos catro anos en materia de seguranza local, ven agora como o tripartito de dereitas se presenta como un aliado incondicional do seu labor policial. “Imos apoiar e protexer a Policía Municipal de Madrid. Garantiremos o correcto desempeño do seu labor de protexer e servir o cidadán, así como cumprir e facer cumprir as normas”, din os textos acordados polo PP con Cidadáns, por unha banda, e con Vox, por outra. En ambos os documentos concrétase: “Derrogaremos as instrucións que poñen entraves ao desenvolvemento das súas funcións e deixaremos sen efecto o Plano de Identificacións Policiais Eficaces, que non busca senón obstruir o labor policial”.

Práctica habitual noutros países
En maio do pasado ano, a área de Saúde, Seguranza e Emerxencias do Concello organizou un seminario denominado Policía Comunitaria e Identificacións que reuniu especialistas nacionais e estranxeiros, profesores de universidade e representantes dos colectivos cidadáns. Como consecuencia das súas conclusións foi creado un grupo de traballo nas diferentes unidades integrais da Policía Municipal e elixido o distrito de Ciudad Lineal como o idóneo para o proxecto piloto sobre as identificacións. Un grupo de axentes desa zona foron enviados a Norfolk, no Reino Unido, para comprobar a súa implantación sobre o terreo.

Entre novembro e maio, o persoal da Policía Municipal na Ciudad Lineal puxo mans á obra. Un total de 44 axentes preencheron nalgún momento o formulario. Nese sete meses só foron cumprimentados 70 deles. A cifra, que recoñecen pequena os autores do relatorio, ten a ver con que son identificacións aleatorias e non ante a sospeita de que se estivese cometendo un delito. O resultado, segundo a procedencia étnica establecida previamente, foi o seguinte: 32 suramericanos identificados, 20 europeos do sur, 5 africanos do norte, 5 afroamericanos, 4 ciganos, 2 asiáticos do sur e 2 individuos do resto de Europa.

Nas conclusións advírtese que resulta imposíbel establecer unha porcentaxe de persoas identificadas por perfil racial xa que os datos de que dispón a Administración sinalan o país de procedencia, mais non da raza. Desas 70 identificacións, 33 foron “positivas” (47,14%), isto é, provocaron algún procedemento de denuncia ou detención.

O intendente a cargo do proxecto escribe que o PIPE permitiu “formar” os axentes na nova Lei de Seguranza Cidadá, deixar constancia do traballo que realizaron na rúa e que tamén provocou “unha mellora de relacións Policía-Cidadanía, do momento en que a actividade policial fica encadrada por un procedemento coñecido por todas as partes”. Durante o desenvolvemento do programa piloto non se produciu ningunha queixa pola actuación dos axentes.

O proxecto que vai eliminar o novo Goberno municipal foi reclamado polo Defensor del Pueblo para que se aplique no Corpo Nacional de Policía, sen que o Ministerio do Interior o teña tomado en consideración. Ademais, o Comité para a Eliminación para a Discriminación Racial de Nacións Unidas instou reiteradamente España a “tomar medidas para pór fin definitivamente aos controis de identidade baseados en perfís raciais e étnicos”, así como outras para que sexan investigadas e sancionadas. En termos similares expresáronse a Comisión Europea contra o Racismo e a Xenofobia e a Axencia Europea de Dereitos Fundamentais.

O acordo do PP con Vox fai máis alusións á Policía Municipal que o redactado con Cidadáns. Por exemplo, proponse facer do corpo local unha sorte de “policía verde” para a vixilancia do coidado do medioambiente. Tamén recolle unha das queixas dos sindicatos da Policía Municipal acerca da prohibición do goberno Carmena de actuar contra os manteiros, dous centenares de mozos subsaharianos que venden falsificacións de roupa e complementos no centro de Madrid.

No acordo de Vox co PP pódese ler: “Loitaremos contra as mafias de venda ambulante ilegal, dotando de maiores recursos á Policía Municipal para que poida combater este problema que tanto prexuízo causa ao comercio e á imaxe da cidade, con especial confiscación das mercadorías nos almacéns ilegais”. As policías locais en España, contodo, non realizan labores de investigación porque non teñen atribuídas competencias de policía xudicial.

A morte dun deses mozos manteiros, Mmame Mbaye, por causas naturais, a mesma tarde en que fuxía da Policía Municipal provocou un dos confrontos máis enconados entre os sindicatos e a equipa de Carmena. A concelleira Rommy Arce falou de “asedio policial”, foi denunciada por un delito de odio por dous sindicatos e levada finalmente a xuízo por un delito de inxurias e calumnias que lle atribúe a Fiscalía.

“Por favor, pode ensinarme o seu documento de identidade?”
O PIPE inclúe un “procedemento a seguir na identificación de persoas en lugares públicos” que se divide en catro fases e que, de forma texutal, recolle:

a) Saúdo de cortesía e tratamento. Os policías actuantes saudarán á persoa afectada levando a man dereita, de forma natural á cabeza, á vez que formularán un saúdo de cortesía do tipo ‘bo día’ ou ‘boa tarde”. Durante a conversa, independentemente do tipo de tratamento que utilice a persoa afectada, os/as axentes da Policía Municipal, sempre, utilizarán o tratamento de ‘vostede’.

b) Solicitude de documentación. A continuación solicitarán o documento oficial de identidade coa seguinte fórmula: Estamos a realizar un control de documentación. Por favor, pode ensinarme o seu documento de identidade? Se é necesario explicarase, á persoa afectada, a obrigación legal que existe de identificarse ante os Axentes da Autoridade e, sempre que non supoña un risco engadido para os axentes, tamén se facilitará unha breve explicación do motivo da identificación.

c) Cumprimento do Formulario de Identificación Policia (FIP). A seguir, os/as axentes pasarán a cumprimentar o Formulario de Identificación da Policía Municipal, explicando á persoa afectada, que os seus datos serán anotados para unha mellor garantía dos seus dereitos, xa que, de non facerse, non existiría ningún documento probatorio da actuación policial. Así mesmo, informarán que se recollerá o seu perfil étnico con fins meramente estatísticos, que en ningún caso será relacionado cos seus datos persoais.

d) Despedida. Unha vez realizadas as xestións anteriores, devolverase a documentación á persoa identificada e os/as axentes actuantes, do mesmo xeito que fixeran ao presentarse, despediranse utilizando fórmula de despedida de cortesía e pedindo desculpas polas molestias ocasionadas.

eldiario.es