A policía española denunciou dous xovens militantes da Assemblea Popular d’Elda i Petrer (APEP), localidades do Vinalopó Mitjà, por corearen cánticos contra a coroa, a policía e o estado. Os feitos ocorreron no pasado 4 de xullo, despois dunha concentración en solidariedade co rapeiro Pablo Hasél. Os encausados terán de declarar no próximo 3 de febreiro.

 

 

Concentración convocada en solidariedade co rapeiro Pablo Hasél / ARQUIVO

.

O próximo 3 de febreiro, no Xulgado de Instrución número 3 de Elda, dous xovens militantes da Assemblea Popular d’Elda i Petrer (APEP) terán de declarar en calidade de investigados por un suposto delito de odio. Tal como confirmou a defensa xurídica á Directa e corrobora o atestado policial, a denuncia foi interposta polo Corpo Nacional da Policía española, que estivo presente durante a concentración organizada pola asemblea no pasado 4 de xullo, co obxectivo de solidarizar-se co rapeiro Pablo Hasél. Os axentes presupoñen que “podería terse incorrido nun delito de odio, dados os slogans proferidos polos alí presentes” contra a coroa, a Policía e o Estado españois.

A concentración fora convocada despois de o Tribunal Supremo confirmar a sentenza da Audiencia Nacional que condenaba Hasél a unha pena de nove anos de cárcere. Tal como explicaba a La Directa, a defensa de Hasél recorrera a condena da Audiencia Nacional, que o inculpaba dun delito de enaltecemento do terrorismo e dun delito de inxurias á coroa e ás institucións do Estado pola súa canción’ Juan Carlos el Bobón’ e pola publicación de 64 mensaxes no Twitter. Diego Herchhoren, avogado de Hasél, explicaba nun artigo que este delito ten exceptio veritatis, xa que é posíbel “acreditar a veracidade dos feitos que se describen sobre os funcionarios públicos no exercicio do seu cargo”. “Foi condenado por facer un xuízo de valor sobre uns feitos que son públicos”, acrecentaba. A esta sentenza súmanse outras dúas. No 5 de xuño de 2020, o xulgado penal número 1 de Lleida condenaba o rapeiro a seis meses de prisión por un delito de lesións por agredir un xornalista de TV3, así como a indemnizar a vítima con 12.150€. E o 15 do mesmo mes o xulgado penal número 3 de Lleida condenábao a dous anos e medio de cárcere e unha multa de 2.400 € por agredir un home que declarara como testemuña nun xulgamento por unha suposta agresión dun axente da Guàrdia Urbana de Lleida a un menor.


Feitos obxectivos e persecución sistemática

Foi este principio de exceptio veritatis o que alegou a Assemblea Popular d’Elda i Petrer en diversos comunicados. Un dos represaliados, que quer manter o anonimato e asinou a convocatoria do evento para pedir a autorización do Concello, asegurou á La Directa que durante a concentración foron coreados máis de dez slogans. No entanto, a policía na súa denuncia recolle apenas tres: “Los borbones son unos ladrones”, “La policía tortura i assasina” e “Estat terrorista, estat feixista”. Tanto os acusados como os membros do colectivo reafírmanse nas frases coreadas, xa que “se trata de palabras de orde obxectivamente certas e demostrabeis”. “Somos citados a declarar por dicir que os Borbóns roubaron, cousa que está demostrada que é así; por dicir que a policía tortura, cando hai centenares de probas; e por dicir que o Estado é fascista e, na nosa análise, é así, porque entendemos que non se rompeu co réxime que comezou no 39”, denuncian nun dos comunicados.

 

Despois da concentración, efectivos da policía -presentes durante o acto- foron directamente identificar os dous membros do colectivo

 

A concentración fora convocada para as 20.00 h, na praza América de Petrer, onde se reuniron unhas trinta persoas que respectaron as medidas de seguranza. O ambiente era tranquilo, apesar de que “algúns veciños, talvez por confundiren o motivo da concentración, lançarom algúns berros e puxeron o himno español”, explica o xoven. Contodo, foi posíbel realizar a concentración e esta acabou ás 21:00 h coa lectura dun poema. Despois da concentración, efectivos da policía -presentes durante o acto- foron directamente identificar os dous membros do colectivo. Un era quen levaba o megáfono durante a concentración, o outro, o que notificara a convocatoria ao Concello.

Agora, o xulgado de instrución número 3 de Elda vai tomarlles declaración. O avogado dos mozos asegura que o caso será derivado ao Ministerio Público, xa que, como non hai acusación particular, “o xuiz non pode acusar, só pode instruir”. Aliás, explica que a denuncia “non segue a figura de inxuria, senón que se aferra a acusar de delito de odio, xa que este si que pode ser tratado na marxe penal”. Quer dicir, coa modificación da Lei Orgánica 10/1005 do Código Penal, no ano 2015, o delito de inxurias desaparece da marxe da via penal e pasa á via administrativa, se se considera un delito leve e non se dirixe a persoas sinaladas no artigo 173.2 -relacionadas co ámbito familiar ou doméstico. Caso o Ministerio Público considerar que foi cometido un delito, os acusados terán de facer frente a diferentes sancións, que van de un a catro anos de cárcere, alén dunha multa económica a pagar durante seis meses segundo o patrimonio do encausado -normalmente, nestes casos, son uns seis euros por día durante o período establecido.

 

O avogado afirma que o caso “ataca directamente o dereito crucial de manifestación” e é un exemplo máis de como “o poder non consente ningún movemento disidente, movementos que son obxecto constante de intimidación e persecución”

 

O avogado matiza que se trata dunha incongruencia. “Son acusados de delito de odio, mais este só pode cometerse contra colectivos precarios ou vulnerabeis. Que dicir, cando se trata seres humanos ou colectivos susceptibeis de seren obxecto de odio ou de hostilidade por motivos de xénero, relixión, ideoloxía, orientación sexual, orixens…”, e nin o Estado nin a policía nin a monarquía o son. “En todo caso, de que policía e de que estado falan?”, pregúntase. De feito, o avogado non está sorprendido pola denuncia dos axentes, senón por esta ter sido admitida. Así pois, o avogado non descarta que podería haber indicios de criminalidade contra os encausados. Para el, os mesmos convocantes ou os que toman a palabra foron “obxecto de criminalización”, “non só por parte da policía, senón da autoridade competente que decidiu pasar o caso aos xulgados”. Portanto, o avogado afirma que o caso “ataca directamente o dereito crucial de manifestación” e é un exemplo máis de como “o poder non consente ningún movemento disidente, movementos que son obxecto constante de intimidación e persecución”.

A Assemblea Popular d’Elda i Petrer descríbese como “unha asemblea de traballadoras e estudantes antifascistas organizadas nun espazo autoxestionado, horizontal e independente”. Aseguran que estas acusacións non son un feito isolado, nin un único ataque contra dous militantes antifascistas, senón que se inscriben nun cadro de accións contra todo o movemento antifascista, autónomo e anticarcerario, especialmente de localidades en que pode ser máis fácil sinalar os militantes. E lembran as detencións dunha decena de antifascistas en Pego ou as do 12 de outubre en Benimaclet: “Trátase dunha persecución ao antifascismo e ás militanzas das vilas e bairros. Hai dez anos que foi creada a Asemblea e non é a primeira vez que pasa isto. Queren meternos medo, mais nós reafirmámonos e continuamos, conclúe o represaliado entrevistado.

SARA ROMERO

Directa