O deslocamento forzoso dos habitantes do arquipélago de Chagos entre 1963 e 1973 obrigado polo Reino Unido constitúe un crime contra a humanidade, asegura Human Rights Watch, que na pasada cuarta-feira presentou un relatorio intitulado “That’s when the nightmare started”.
O obxectivo do deslocamento da poboación autóctone era construír unha base aérea e naval estadunidense no atol de Diego García.
Human Rights Watch esixe que os responsabeis sexan xulgados pola deportación dos chagosianos. Mais algúns xa faleceron e os poucos sobreviventes están no final da vida. Na época, o Reino Unido conservou as illas a pedido dos estadunidenses cando negociaba con Mauricio a concesión da independencia. Oficialmente, eran necesarias para as telecomunicacións. Daí a creación do Territorio Británico do Océano Índico (BIOT) despois da expulsión dos seus habitantes a Mauricio e as Seychelles.
O Reino Unido cometeu outros dous crimes contra a humanidade. Un é que recusou aos chagosianos o dereito de regresaren ao arquipélago apesar da decisión do máis alto tribunal da ONU que declarou ilegal a ocupación británica do arquipélago. Por outra parte, perseguiu os chagosianos por motivos raciais, pois a maioría deles descenden de escravos de orixe africana. Human Rights Watch afirma que os habitantes de Chipre, as Illas Malvinas e as Illas Sándwich recibiron un trato diferente das autoridades británicas.
A ONG esixe reparacións para os chagosianos. Os Estados Unidos e o Reino Unido teñen o deber de indemnizar as xeracións afectadas pola deportación dos habitantes do arquipélago -unha dependencia mauriciana no medio do Océano Índico- entre 1963 e 1973 para deixarem sitio a unha base aérea e naval estadunidense en Diego García.
Ainda que os chagosianos que desembarcaron en Mauricio recibiron unha indemnización, o mesmo non aconteceu cos das Seychelles. Algúns morreron na máis absoluta indixencia. O relatorio da Human Rights Watch cita chagosianos que afirman que as crianzas morreron por causa das dificultades económicas, en tanto os adultos foron arrastrados pola dor de ser expulsos das súas illas de orixe.
Nunha reportaxe de vídeo proxectado na cuarta-feira en Mauricio con motivo da presentación do relatorio, un chagosiano de segunda xerazón falaba da discriminación e o racismo que tivo que soportar o seu pobo.
Cando finalmente recibiu un pasaporte británico en 2002, moitos dos seus concidadáns foron obrigados a permanecer no aeroporto de Gatwick durante unha semana antes de encontraren aloxamento. O goberno británico non fixo o suficiente para apoiar a comunidade chagosiana. O relatorio, pola súa parte, menciona a discriminación no acceso á vivenda e ao traballo.
Nos documentos oficiais faise referencia aos chagosianos como “Sexta-feira”, en referencia ao personaxe do libro Robinson Crusoe, unha proba máis do racismo contra os insulares.
Olivier Bancoult, dirixente do Grupo de Refuxiados de Chagos, declarou: “A loita que estivemos librando estaba xustificada e este relatorio ven demostralo. No pasado novembro, o Reino Unido aceptou devolver as Chagos a Mauricio; as negociacións ainda están en andamento”. Mais a Human Rights Watch esixe unha garantía dos Estados Unidos e o Reino Unido para financiaren o regreso dos chagosianos ás súas illas. Tamén esixe unha desculpa do rei Carlos III ás persoas actualmente dispersas en Mauricio,o Reino Unido e as illas Seychelles.
Bancoult lamenta que o seu pobo ainda non poda vivir no arquipélago cando hai filipinos, entre outros, que viven e traballan na base militar e naval de Diego García. “Alí é fácil levantar casas prefabricadas. Os chagosianos vivían a 45 minutos da base de Diego García. Ten que haber unha forma de que os chagosianos volten a vivir ao atol e teñan traballo na base militar”, declarou Bancoult.
Un inquérito realizado polo goberno británico revelou que o 99 por cen da comunidade chagosiana desexa voltar a vivir no arquipélago.
Olivier Bancoultl mantivo que obtivera a garantía do Primeiro Ministro mauriciano, Pravind Jugnauth, de que participaría nas negociacións entre Londres e Port Louis para o retorno de Chagos sob bandeira mauriciana.