O xuízo suspéndese porque dous curas chamados a declarar non apareceron nunha xornada en que o documentalista Clemente Bernad recoñeceu que só el colocou as cámaras na grella que dá á cripta do Monumento aos Caídos de Iruñea onde se celebran misas en honra aos golpistas.

 

Resultado de imagen de aplazado juicio clemente bernad iruñea

 

Clemente Bernad asegurou hoxe no xuízo contra el e a súa muller, Carolina Martínez, que colocou as cámaras de vídeo e audio na grella que dá á cripta do Monumento aos Caídos, mais que afirmou que o fixera legalmente xa que o Concello de Iruñea lles concedera autorización para traballar no recinto. Ante a ausencia de dous párrocos o xuízo quedou suspendido e renovarase o 12 de decembro.

Neste xuízo celebrado o xulgado do Penal n.º 3 de Iruñea a Fiscalía pede dous anos de cárcere e unha multa de 12.000 euros por un suposto delito de revelación de segredos após a denuncia interposta por un membro da Irmandade de Cabaleiros Voluntarios da Cruz. Esta organización creada polos requetés en 1939 oficia misas todos os días 19 de cada mes na cripta do Monumento aos Caídos, unha escena que pretendía documentar a cámara instalada. Bernad declarou que a intención de publicar parte desa gravación no documentario A sus muertos, que se publicou sen ese contido nas xornadas realizadas polo colectivo memorialista ZER en xaneiro de 2017, tiñan un fin artístico, xa que era unha parte imprescindíbel do documentario sobre o Monumento ao Caídos para mostrar que esas misas se desenvolvían. De feito, no documentario foron incluídas despois imaxes en animación.

Sobre o acceso a esa grella, Bernad declarou que tiñan autorización para traballar no interior outorgada pola área de Cultura do Concello de Iruñea, como ratificaron os técnicos municipais interrogados, e que esa autorización era válida para todas as partes do recinto que non estivesen clausuradas. Un dos axentes da Policía Nacional interrogados que acudiron á cripta após a denuncia de Jose Juan Urroz, membro da Irmandade de Cabaleiros Voluntarios da Cruz, afirmou que desde a sala de exposicións até a grella había vía libre.

Doutra banda, o documentalista tamén afirmou que desde a posición onde estaba a cámara só se vé o altar onde se ofician as misas, mais é imposíbel que desde ese punto de vista sexan gravados os asistentes. Pola súa banda, Carolina Martínez, socia da editorial Alkibla xunto con Clemente, declarou que ela non colocou o dispositivo e que soubo da súa instalación ese fin de semana.

Unha das testemuñas chamadas a declarar, o membro da Irmandade de Cabaleiros Voluntarios da Cruz, Jose Fermín Garralda Arizcun, acolleuse á condición de protexido, o que para Clemente Bernad é ‘indignante’, xa que ‘dalgún xeito a mensaxe que se nos transmite desde a xudicatura é que somos perigosos e podemos atentar contra el dalgunha maneira’. ‘É unha persoa suficientemente coñecida, ademais foi unha das persoas que estiveron presentes nas exhumacións de novembro de 2016 e que puiden fotografar’, afirma.

Unha vez terminada a sesión, Clemente declarou aos xornalistas que lle parece ‘un esperpento’ que as institucións’ ‘non se teñan dotado das ferramentas necesarias para impedir que unha asociación que ten orixe nos crimes cometidos no 36, xa que foi creada polos que antes deron un golpe de estado en Nafarroa e mataron 3.500 persoas, traia a xuízo cidadáns decentes que queremos informar e pór sobre a mesa o que acontece na cidade de Iruñea. Paréceme indignante’. De feito, Bernad afirmou que ‘a propia existencia da Irmandade de Cabaleiros Voluntarios da Cruz parécelle ‘esperpéntica’, xa que depende absolutamente do Arcebispado de Iruñea que ‘ten ferramentas suficientes para disolver a Irmandade e as súas actividades’.