O xeneral da Garda Civil José Manuel Santiago dixo que traballan para combater a desafección ao goberno de Pedro Sánchez nas redes. Pouco despois foi feita pública unha ordre interna que demostraba que había instrucións de perseguir informacións e contidos divulgados nas redes contrarios á xestión do goberno español da crise da Covid-19. Onte, esta  noticia de eldiario.es, revelaba que a Garda Civil fixo relatorios sobre ‘a situación de contrariedade coa actual xestión da crise’ que inclúen chíos das contas oficiais de Twitter de EH Bildu e Vox, e mesmo un vídeo da activista feminista Irantzu Varela en que critica as forzas de seguranza do estado. Son relatorios da Unidade de Coordenación de Ciberseguranza, que depende da Dirección Xeral Operativa da Garda Civil.

Esta unidade de vixilancia é resultado do acordo entre o goberno de Rajoy, o PSOE e Ciudadanos no outono do 2017 para combater o independentismo na rede, consecuencia da Estratexia de Seguranza Nacional española aprobada en decembro do 2017. Era portanto unha extensión do acordo dos tres partidos que fixo posíbel a aplicación do 155 e a persecución política, xudicial e policial do independentismo catalán. Mais a unidade non funcionou até finais de xuño do pasado ano, que foi cando se activou. E agora, a medio da crise da Covid-19, funciona a toda máquina. Traballan nela unha decena de axentes que elaboran relatorios, divididos en ‘ciber-delincuencia, hacktivismo, ciber-ataques e desinformación’. No apartado de desinformación figuran as subseccións ‘creación dun ambiente contrario á actual xestión da crise’ e ‘produción de estrés social na poboación’.

 

 

Tamén foron incluídos no relatorio cinco comentarios publicados en contas de Twitter escritos en euskera relacionados cos vídeos da homenaxe que a Ertzaintza e a policía de Donosti renderon na comandancia de Gipuskoa a un garda civil morto: ‘Estes vídeos foron divulgados nas redes sociais acompañados de diversas mensaxes contra a Garda Civil’, di. Entre os comentarios hai un da conta oficial de EH Bildu en Donosti. No chio pregúntase quen decidiu que o Concello de Donosti participase nesa iniciativa, se foi unha decisión do goberno municipal, unha decisión política do PNV ou os axentes actuaron pola súa propia conta.

 

EHBildu Donostia@HiriBizia

Vídeo incrustat

Noutro parágrafo, intitulado ‘produción de estrés social na poboación’, aparece incluída unha páxina web en que se denuncia que, co pretexto da Covid-19, os casos de brutalidade policial son cada vez máis frecuentes e se dá un número de teléfono para que os cidadáns poidan denunciar estes abusos.

VilaWeb