A asociación de xuízas e xuíces Ágora Judicial criticou no pasado día 29 através dun comunicado a decisión do goberno español sobre o amparo ao xuíz do Tribunal Supremo, Pablo Llarena. A asociación cre que “un dos camiños para preservar a independencia xudicial é a observancia de maneira estrita do principio de división de poderes” e apuntan que este podería ficar “estragado” polo feito de o executivo do Estado pagar a defensa na demanda interposta contra a actuación particular dun xuíz.

 

pablo llarena manso acn

 

Segundo a asociación, que o Estado se faga cargo da defensa podería ser contrario ao “principio de responsabilidade persoal dos xuíces e maxistrados”. No comunicado tamén aseguran que é “primordial” o cumprimento dos prazos fixados para a realización de determinadas actuacións e engaden que a súa execución extemporánea invalídaas en relación ao feito de Llarena ter presentado o recurso de amparo fóra de prazo.

Independencia do poder xudicial
En relación ao prazo para presentar o recurso de amparo, Ágora Judicial asegura que o artigo 320 Regulamento 2/2011 “fixa con clareza que o prazo para solicitar o amparo é de 10 días desde a produción dos feitos ou do seu coñecemento por parte do xuíz afectado”. Así, a asociación cre que “a resposta desigual en supostos análogos esixe unha especial motivación para non converterse en arbitrariedade e en tratamento discriminatorio”.

Por outra banda, Ágora Judicial cre que os feitos que fundamentarían a “inquietude ou perturbación da independencia do xuíz instrutor Pablo Llarena derivan do exercicio, por parte de nacionais españois residentes en países da UE, de accións legalmente previstas, cuxa cuantificación pertence só ás partes”. Ante o exercicio deste dereito, apuntan os xuíces, “só corresponde aos órganos xudiciais españois, de acordo coa normativa europea de cooperación xudicial en materia civil, prestar o auxilio reclamado”.

Comunicado de Ágora Judicial

El Nacional