De acordo co Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, non se produciu ningunha incitación directa ou indirecta á violencia terrorista na homenaxe a Argala en 2008, polo que foi procesado e condenado o ex dirixente da esquerda abertzale Tasio Erkizia.

 

El ex dirigente de la izquierda abertzale Tasio Erkizia, en un acto.O ex dirixente da esquerda abertzale Tasio Erkizia, nun acto. EFE

 

Fallo europeo contra España pola condena a Tasio Erkizia a un ano de cárcere por enaltecemento do terrorismo. Así se desprende da sentenza publicada nesta terza feira polo Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, con sede en Estrasburgo, que ampara o recurso do ex dirixente da esquerda abertzale e condena o Estado español a pagar ao demandante 6.000 euros en concepto de dano material e 5.000 en concepto de costas e gastos.

“Dado que non se estableceu unha incitación directa ou indirecta á violencia terrorista e que o discurso do demandante alentara máis ben a continuar por un camiño democrático cara aos obxectivos políticos da esquerda abertzale, a inxerencia das autoridades públicas no dereito á liberdade de expresión do demandante non podería ser considerada ‘necesaria nunha sociedade democrática’. Portanto, produciuse unha violación do artigo 10 do Convenio Europeo dos Dereitos Humanos [que versa sobre a liberdade de expresión]”.

En xullo de 2016, o Tribunal Constitucional confirmou a pena, hoxe contestada o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos, dun ano de prisión e sete de inhabilitación absoluta para o histórico militante da esquerda abertzale Tasio Erkizia por enaltecemento do terrorismo, ao apreciar incitación ao odio e “nacionalismo agresivo” na homenaxe a un etarra.

Nunha sentenza o TC, denegaba o amparo a Tasio Erkizia, que foi condenado pola Audiencia Nacional á citada pena, confirmada posteriormente polo Tribunal Supremo, ao estimar que non supuxo vulneración dos dereitos á liberdade ideolóxica e de expresión.

Segundo a sentenza da Audiencia Nacional, en decembro de 2008, Tasio Erkizia interveu como principal orador nun acto celebrado en Arrigorriaga (Biscaia) en recordo e homenaxe do responsábel da organización terrorista ETA José Miguel Beñaran Ordeñana, alias “Argala”, cuxo asasinato en Francia polo Batallón Vasco Español producírase 30 anos antes.

No seu discurso, Erkizia pediu unha “reflexión para escoller o camiño máis idóneo, o camiño que máis dano faga ao Estado, que conduza este pobo a un novo escenario democrático”, e terminou con berros de “Gora Euskal Herria Askatuta” “Gora Euskal Herria euskalduna” e “Gora Argala”.

E neses límites da liberdade de expresión, que a xustiza española considerou excedidos, o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos falla o contrario.

En primeiro lugar, o TEDH sinala que, no momento dos feitos, o demandante non actuara na súa calidade de político: “Os comentarios en cuestión referíanse a un tema de interese xeral no contexto da sociedade española, particularmente no País Vasco. Contodo, o feito de que un tema determinado sexa de interese xeral non significa que o dereito á liberdade de expresión nese ámbito sexa ilimitado. Portanto, pediuse ao Tribunal que decidise se a pena imposta ao demandante podía ser cualificada de proporcionada ao obxectivo lexítimo perseguido, tendo en conta os diversos factores que caracterizan o discurso de odio e o feito de tolerar ou defender o terrorismo”.

No que di respecto ao primeiro dos criterios que caracterizan o discurso de odio, “o Tribunal sinala que as declaracións do demandante foran realizadas nun contexto político e social tenso. Canto ao segundo criterio, hai que ver se os comentarios impugnados poden considerarse un chamado directo ou indirecto á violencia ou unha defensa da violencia, o odio ou a intolerancia”. E o Tribunal con sede en Estrasburgo sinala que, “aínda que o demandante participaba como orador principal nun acto celebrado para render homenaxe a un membro recoñecido da organización terrorista ETA e eloxialo, o discurso no seu conxunto non avogou polo uso da violencia nin a resistencia armada, xa sexa directa ou indirectamente”.

Así, “o demandante recomendou explicitamente que a xente tomase o camiño máis adecuado cara a un escenario democrático. Mesmo se algunhas das expresións utilizadas polo demandante poderían ser consideradas ambiguas, non había razón, en opinión do Tribunal, para concluír que o demandante tiña a intención de incitar ás persoas a recorrer á violencia, tolerando e encomiando a violencia terrorista”.

O Tribunal tamén sinala que o demandante “non organizara o acto nin se encargou de proxectar as fotografías dos membros de ETA mascarados”. Así, o Tribunal sostén que “o mero feito de o demandante participar neste evento non podía ser considerado en si mesmo como un chamamento ao uso da violencia ou como unha manifestación de discurso de odio”.

Por último, canto ao terceiro criterio que caracteriza o discurso de odio, “a saber, a formulación dos comentarios e a súa capacidade directa ou indirecta de ter consecuencias prexudiciais”, o Tribunal observou “que as declaracións do demandante foran pronunciadas no cadro dun acto ao que asistiron simpatizantes do movemento separatista vasco, e nas circunstancias particulares do caso, que a forma en que o demandante formulou as súas palabras non tivo evidentemente o obxectivo de producir consecuencias negativas”.

Así, Estrasburgo afirma que “tendo en conta todos os criterios pertinentes con respecto ao contexto do caso, o Tribunal non puido, portanto, seguir a avaliación do tribunal nacional que conduciu á condena do demandante. Á luz das circunstancias que rodearon o evento impugnado, o discurso do demandante non tivo nada a ver cun ‘discurso de odio’. O Tribunal non puido concluír que o demandante estivese tentando eloxiar o terrorismo. Todo o contrario: os discursos pronunciados polo demandante plasmaran unha chamada á reflexión destinada a buscar un novo camiño cara á democracia. Aínda que, no momento material, a violencia terrorista perpetrada por ETA aínda era unha dura realidade, a condena do demandante, a quen se responsabilizaba de todos os feitos realizados durante a homenaxe a Argala, era totalmente inxustificada”.

E conclúe: “A inxerencia das autoridades públicas no dereito á liberdade de expresión do demandante non podería considerarse ‘necesaria nunha sociedade democrática’. Portanto, produciuse unha violación do artigo 10 do Convenio Europeo de Dereitos Humanos [que versa sobre a liberdade de expresión]”.

Andrés Gil

elDiario.es