Nove presos mapuches en Angol e o machi Celestino Córdova en Temuco completan 65 días en greve de fame. O machi, orixinario da comunidade mapuche Chicahual Córdova, Lof LLeupeco, na Rexión da Araucanía, permanece privado de liberdade no cárcere de Temuco desde o ano 2013. O seu protesto é en demanda de condicións carcerarias conformes ao Convenio 169 da OIT. Tamén se sumaron á greve de fame os 11 presos mapuches do cárcere de Lebu.

 

 

O Machi Celestino solicitou reiteradamente autorización para visitar o seu rewe, de quen -conforme á cosmovisión mapuche- adquire a súa forza espiritual e de sanación. Como se lembrará, o rewe é un espazo cerimonial sagrado, situado no lar do machi, ante o cal este selou o compromiso espiritual e social que o vincula a ese territorio permanente, onde periodicamente debe levar a cabo, xunto coa súa familia e comunidade, unha cerimonia de renovación espiritual chamada geikurewen. Ao non ser atendida a súa demanda, iniciou accións xudiciais por medio do Instituto de Dereitos Humanos (INDH).

A constitución chilena garante a liberdade de culto, independentemente de se a persoa está ou non privada de liberdade. No caso de membros de pobos orixinarios, o Estado debe velar porque estes teñan dereito a desenvolver as súas prácticas culturais. Así mesmo, nos seus Principios e boas prácticas sobre a protección das persoas privadas de liberdade nas Américas, a Comisión Interamericana dos Dereitos Humanos indica que todas as persoas presas deben ser atendidas e tratadas segundo a súa cosmovisión.

As autoridades gobernamentais do Estado de Chile desatenderon as peticións do machi Celestino Córdova e dos presos políticos do cárcere de Angol, apesar da normativa internacional e a emerxencia derivada da pandemia Covid-19. As súas condicións de saúde son graves e as súas vidas están en serio perigo.

Insurgente