O porta-voz do BNG no Congreso, Néstor Rego, interpelou o Goberno polo “aumento producido nos últimos meses nas multas impostas pola Garda Civil a embarcacións que non levan a bandeira española”, segundo informa a formación nacionalista.

 

Barco en augas arousás (Foto: Arxina)                  Barco en augas ourensás (Foto Arxina)

 

 

“Esta intensificación case parece unha campaña de persecución específica con ánimo exemplarizante e de afección ao simbolismo español alén de recadatorio, tanto por parte do Servizo Marítimo da Garda Civil, como por parte das unidades de patrulla por terra deste Corpo” destacou Rego. Os nacionalistas preguntaron se foron dadas instrucións desde o Goberno español á Garda Civil para que realice esta campaña sancionadora e o motivo da mesma.

O BNG considera que esta obrigatoriedade de levar a bandeira española pode ser entendida no caso dos buques que saen a augas internacionais ou a augas territoriais doutros Estados, pois nese suposto a embarcación é considerada territorio do Estado español e debe ser facilmente identificada a bandeira baixo a cal navega, mais esta necesidade non se dá no caso de embarcacións que navegan exclusivamente por augas interiores ou que están atracadas en porto.

Rego sinalou que “a falta de bandeira visíbel non afecta á posibilidade de identificación da embarcación, pois debe lembrarse que todas elas deben levar tamén de forma obrigatoria o denominado folio de matriculación que permite aos axentes da Garda Civil comprobaren a situación dunha embarcación amarrada ou que está nas augas dunha ría”.

As embarcacións afectadas por esta campaña abusiva de multas son principalmente pertencentes a barcos de pesca ou de marisqueo á boia, embarcacións auxiliares e embarcacións “recreativas”, mais tamén pequenas barcas, chalanas ou dornas utilizadas para recreo ou para a captura de peixe para autoconsumo.

O deputado nacionalista salientou que “todas estas embarcacións estarían en principio obrigadas de forma absurda a levar a bandeira española para facilitaren a súa suposta identificación mesmo aínda que non saian do porto. É máis, a lexislación vixente obriga mesmo ás bateas, que non teñen consideración de buques senón de artefactos á boia a se identificaren mediante bandeira, o que resulta curioso cando non hai posibilidade de deslocamento e nin tan sequera dispoñen dun mastro onde a pór”. Rego solicitou ao Goberno mudar a normativa que obriga estas pequenas embarcacións a se identificaren mediante a bandeira española.

En 2013 mariñeiros da Ría de Arousa denunciaban que a Garda Civil multaba embarcacións pesqueiras por non levaren a bandeira española.

En 2017 as autotridades multaron un pesqueiro da Coruña con 100 euros por levar izada unha bandeira galega de igual tamaño á española.

O uso da bandeira de España e doutras enseñas a bordo de navíos no Estado está regulada polo Real Decreto 2335/1980, do 10 de outubro. Unha norma que contén tres puntos ben esclarecedores: calquera barco, sen importar do tipo que for, enarborará como “único pavillón” a bandeira española. Que, ademais, deberá ondear no pao de popa e o cumio do pao máis alto da embarcación. Este RD deixa ben claro que non se poderá izar ningunha outra bandeira se non o está a española. E sempre que as dimensións desas bandeiras non superen o terzo da área da enseña española.

Pode ser izada a bandeira galega? Pode, indica esta lexislación, como calquera bandeira recoñecida nos estatutos de autonomía. Pode ser izada en portos nacionais e augas interiores, iso si, sempre que estea ondeando tamén a española, e a galega non supere 1/3 do tamaño desta.

Nós Diario