Nun ano marcado pola pandemia, Repórteres Sen Fronteiras (RSF) alerta que a liberdade da prensa no estado español, e por tanto, a fiscalización do poder, víronse gravemente afectados.

 

Periodistes Manifestacio Aldarulls Sentencia Proces - Sergi Alcazar

               Xornalistas durante as manifestacións contra a sentenza do procés / Sergi Alcàzar

A Clasificación Mundial da Liberdade de Prensa é un índice de referencia global sobre a calidade democrática en 180 países e territorios da perspectiva dun dereito fundamental: a liberdade de expresión. Alfonso Armada, presidente da sección española de Repórteres Sen Fronteiras e a vicepresidenta Edith R. Cachera, presentaron a clasificación anual da lista que se publica desde o 2002.

 

 

210420 mapa clasificacion 2021 905x613

 

Aínda que España fica na mesma posición que no ano pasado (29/180), a organización sinala a falta de transparencia política con respecto á xestión da crise sanitaria e o crecente odio cara á figura do xornalista, feitos que ameazan a liberdade de información no Estado e por todo o mundo.

O impacto da pandemia
Na conferencia de prensa, Armada e Cachera resaltaron o impacto da Covid sobre a liberdade de información no ámbito mundial. En xeral, os xornalistas alertan da falta de transparencia política na xestión da pandemia.

Máis concretamente, RSF denuncia a represión de xornalistas tanto por parte das forzas de seguranza como polos propios manifestantes nos protestos contra as medidas anti-Covid por todo o mundo. Por exemplo, esta práctica viuse en Zimbabue e en Irán, onde o goberno controlou os contidos xornalísticos relacionados coa xestión da pandemia.

Na Alemaña e na Francia destacan a violencia por parte de manifestantes negacionistas contra os medios. En relación con iso, Cachera sinalou o feito de que o 58% das persoas cren que os xornalistas menten deliberadamente. Con respecto aos Estados Unidos, RSF atribúe un auxe de ataques e detencións á administración do expresidente Trump, quen declarou a guerra aos medios desde o inicio.

Alén diso, RSF alerta sobre aqueles gobernos que aproveitaron a crise sanitaria para endurecer o seu control sobre os media, como é o caso da Siria.

A prensa no estado español
Segundo recolle RSF, o estado español sitúase na posición número 29 do ranking. Cachera atribuíu o feito de o Estado se manter na mesma posición que o ano pasado a certas melloras e empeoramentos.

Por unha banda, as agresións contra xornalistas foron á baixa con respecto aos tres últimos anos, un feito lóxico tendo en conta que unha grande maioría producíanse en manifestacións independentistas en Catalunya por parte das forzas de seguranza.

Por outra banda, o avance foi imposibilitado pola preocupante falta de transparencia por parte do Estado durante a pandemia. Concretamente, Cachera denuncia as dificultades sufridas polos foto-xornalistas na hora de capturar a realidade nos hospitais. Así mesmo, a falta de datos oficiais sobre a mortalidade da Covid tamén afecta á transparencia, xa que os xornalistas tiveron que extrair as cifras pola súa propia conta.

Esta falta de transparencia tamén foi evidente na fronteira sur española, sobretodo nas Illas Canarias, onde as forzas do estado, seguindo ordes do Ministerio do Interior, limitaron a cobertura da chegada de inmigrantes. En relación con iso, RSF destaca unha actitude “paternalista” por parte do goberno, que puxo como escusa querer “evitar a difusión de imaxes morbosas” ou a “protección contra a xenofobia”. “Non é competencia do Estado decidir que informacións poden ser divulgadas”, lembrou Cachera.

Cachera sinala o auxe da extrema dereita, en concreto os ultras de Vox polo aumento do odio irracional contra os xornalistas e o escepticismo aberto cara á prensa en xeral. De feito, a maioría de agresións contra xornalistas producíronse en durante actos políticos deste partido.

O ranking
Para elaborar o ranking da liberdade de prensa, a organización “aplica criterios estatísticos” e “consulta a centenares de especialistas e observadores mediante un cuestionario que recolle varios factores que inflúen na prensa.”

O índice clasifica os 180 territorios estudados segundo o grao de liberdade de prensa. No grao máis alto, quer dicir, alí onde a situación xornalística é “boa”, apenas hai 12 países, deles só 3 están situados fóra de Europa: Costa Rica, Xamaica e Nova Zelandia, nesta orde.

Nos primeiros lugares da lista e sen moitas mudanzas con respecto á clasificación do ano pasado, achamos os noreuropeos da Noruega, Finlandia, Suecia e Dinamarca. Neste sentido, Armada sinalou a correlación entre as democracias que deron mellor resposta á Covid e as que respectaron a transparencia informativa durante a pandemia.

Na pinza onde a situación é considerada “moi grave”, RSF inclúe 20 territorios. Aqueles que están nas posicións máis baixas son: a China, o Turkmenistan, Corea do Nord e Eritrea, respectivamente. Segundo explicaron desde a organización, estes son os territorios onde os xornalistas sonn vixiados, perseguidos, detidos, encarcerados e asasinados sistematicamente polo goberno, e onde o estado impón duras restricións á liberdade informativa.

En concreto, Armada explicou como a China exerce un control absoluto sobre os medios de comunicación, sobretodo no espazo dixital. Através da Administración Cibernética do país (CAC), a China asegura unha vixilancia total tanto aos emisores de información como aos seus receptores, medidas que agora tamén se estenden até Hong Kong.

Sara Brull i Ortega

El Nacional