A Unión Americana de Liberdades Civís (ACLU) reclamou á empresa que non siga fornecendo ás autoridades dos EUA o seu programa de recoñecemento facial, por supor unha ameaza para a privacidade dos cidadáns.

 

Cámaras de videovigilancia. Imagen:maxpixel.net (CC0)
Unha tecnoloxía capaz de identificar até 100 rostros diferentes nunha única foto. Iso é Amazon Rekognition, un controvertido desenvolvemento do xigante de internet que chegou a ofrecer a varias autoridades dos EUA para ser utilizado nas imaxes captadas polas cámaras da policía. O risco do uso deste sistema é dobre: non só pode supor un ataque á privacidade das persoas, senón que existe o risco de ser utilizado de maneira abusiva.

“A xente debería ter a liberdade de poder percorrer as rúas sen ser observada polo Goberno”, denuncia a organización social nun comunicado divulgado na súa páxina web.

O programa en cuestión “ofrece unha análise facial de alta precisión que permite detectar, analizar e comparar rostros para unha ampla variedade de usos, como a verificación dun usuario, a catalogación e o reconto de persoas e para casos de seguranza pública”, detalla Amazon na súa descrición do sistema.

Contodo, a ACLU teme que este software poida ser empregado “para controlar inmigrantes” ou para establecer quen “participou nun protesto”.

“Ao automatizar a vixilancia de masas, os sistemas de recoñecemento facial -como Rekognition– pon en risco a liberdade, e supoñen unha ameaza concreta para comunidades que xa están a ser tratadas inxustamente no actual clima político”, sostén o comunicado da organización.

A ACLU advirte que diversas localidades, en estados como Orlando e Florida, xa utilizan o programa e que outras cidades mostraron interese en contratar os seus servizos.

A organización critica ademais que o xigante tecnolóxico pida ás autoridades dos municipios en que xa se usa Rekognition que lle fagan chegar calquera comentario que permita afinar o sistema, que se usa polo menos desde o ano pasado.

O desenvolvemento deste tipo de programas é un dos principais proxectos das empresas tecnolóxicas para desenvolveren as chamadas cidades intelixentes, xa que facilitaría os mecanismos de seguranza dos usuarios, mais tamén serviría como unha ferramenta de mercadotecnia directa de inestimábel utilidade.

Con todo, até o momento ningunha empresa conseguiu desenvolver un sistema completamente confiábel, tal e como ficou patente no ano pasado cando saíu á luz que un software de recoñecemento de imaxe desenvolvido por Google confundía con frecuencia persoas de raza negra con primates.

“Amazon opúxose publicamente á vixilancia secreta gobernamental. O seu director executivo, Jeff Bezos, criticou o discriminatorio veto aos musulmáns da Administración (do presidente Donald) Trump. Mais as accións falan máis alto que as palabras”, conclúe a ACLU.

Fonte: Público