Comezou o día participando nas manifestacións convocadas contra a cimeira do G-7 en Baiona e acabou detido no centro de retención de migrantes de Hendaia. Alfonso Martínez ten 25 anos e é militante do centro social La Cosa Nostra de Castelló, un espazo de asociacionismo xuvenil e de traballo de bairro en que se encontra a veciñanza e organizacións con consciencia social. Mais, no 25 de agosto Martínez figuraba no atestado policial de persoas detidas durante a contracimeira do G-7, organizada polas plataformas G-7 EZ de Euskal Herria e Alternatives G-7 do Estado francés. Está acusado de participar nunha manifestación non autorizada, de pertencer a un grupo violento e de danos viarios. A única proba é unha mochilla con tres pedras que a policía asegura ser del. Mais Martínez non participara en ningunha marcha que non estivese autorizada, levaba unha bolsa de cinto e minutos antes da detención vira como a policía metía tres pedras grandes na mochila.

Que pasou o 25 de agosto, xornada de mobilizacións contra a cimeira do G-7, porque te detiveron en Baiona?

Segundo a policia, o 25 de agosto eu estaba cun grupo violento e participara nunha manifestación non autorizada. Iso é o que me dixeron cando me empurraron contra a parede. Mais, eu estaba nun bar, non moi lonxe da manifestación. Na marcha había vinte persoas e dixeron: “Merda, aquí non hai ninguén, voume a un bareto“, e foron a un bar próximo. A min e a un rapaz de Euskal Herria píllanos cunha birra na man, fora do bar. Pédenos a documentación, téñenos alí unas 45 minutos sen sabermos que pasa e, durante este tempo, vexo que os propios policías collen unha mochila e comezan a meter pedras dentro. Poñen a mochila ao pé de nós e, nun dado momento, os policías agarran na mochila coas tres grandes pedras dentro e din que é miña. Non dixen que vira como a policía as metía na mochila, mais o rapaz de Euskal Herría si que o dixo. Estamos aí uns 45 minutos, sen explicación ningunha e eles preguntando se atiráramos pedras. Eu, obviamente, dixen que non e contestan: “Sen problema, en 10 minutos poderás marchar”. Mais, de repente, póñenme as alxemas, atíranme dentro do furgón, nun cubículo para unha persoa e sen me daren explicacións, sen motivo algún. Despois de dicirme que non pasaba nada, detéñenme e métenme na furgoneta. Eu non sabía por qué estaba detido, nin me leran os meus dereitos, lánzanme dentro dun armario, un a un, onde non podes moverte e morres co calor.

Que responde a policía cando o rapaz do País Basco di que os vira meter as pedras dentro da mochila?

 

“Pédenos a documentación, téñenos alí unas 45 minutos sen sabermos que pasa e, durante este tempo, vexo que os propios policías collen unha mochila e comezan a meter pedras dentro”.

 

O rapaz díxoo porque a policía non paraba de lle facer preguntas e o único que responden é que os está acusando falsamente. Eu non dixen nada. Cando estamos no furgón, non sabía aonde íamos. Só sabía que circulábamos pola autoestrada. Tamén apañan un terceiro rapaz, de orixe magrebí, creo. Éramos tres: o rapaz de Euskal herria, eu e este mozo, que logo soltan. O traxecto dura uns 45 minutos até chegarmos a Hendaia. Aí féchanme e lenme os meus dereitos: dereito a ter un avogado, dereito ao silencio e dereito a un telefonema. Mais pasárono polos collóns, porque non me deixaron facer ningunha chamada. Creo que se acolleron ao feito de que durante as seis primeiras horas é apenas unha retención e non tiven avogado nin nada.

Antes de chegardes a comisaría, cando te detiveron, como foi o trato dos axentes?

Foi un trato totalmente intimidatorio, de estar presionando, de preguntarme se atirara pedras e se estaba seguro que non o fixera. A min chamoume a atención un símbolo, que non sabía o que era. Vin que o policía tiña un ícone tatuado no brazo e pensei: “Merda, soame de algo, mais non sei de qué”. Pois despois dixéronme que ese axente levaba tatuado no brazo o símbolo da Frente Nacional. Que pasa? Pois que a min a policía me vé no brazo a tatuaxe de “No passaran” e comezaron a facer piadas e continuaban preguntando se estaba seguro de non ter lanzado nada.

Daquela a túa detención foi por motivos politicos?

 

“A miña detención é arbitraria, mais de evidente carácter político para amedrontar a xente que participa no movemento.”

 

A miña detención é arbitraria, mais de evidente carácter político para amedrontar a xente que participa no movemento. Chega con fixarse na situación excepcional en Francia. Entre novembro de 2015 e maio de 2017, o Estado francés utilizou poderes de excepción co contexto dos protestos de carácter revolucionario, xunto cos ataques terroristas, ditando até 155 decretos para prohibir dereitos fundamentais, como a liberdade de reunión de persoas na rúa. Expresamente, na Francia, négase este dereito a 574 persoas que protestaron contra as reformas propostas na lexislación laboral francesa, como pasa co G-7, onde hai informacións que falan da existencia dunha lista negra de persoas.

Podes detallar o teu paso pola comisaría?

Unha vez en comisaría, durante dúas horas estiveron fichándome como delicuente en Francia, fixeron as fotos e preguntáronme de todo: de que marca é o meu móvel, contas bancarias, canto tempo levaba en Francia, se viaxara… No inicio pensei que tiña que contar a verdade, mais era un erro.

Por qué?

Porque eles non queren axudarte. Non queren saber a verdade. A verdade xa a tiñan, porque a rúa estaba chea de cámaras cando me detiveron. De feito, o bar está nunha rúa que dá a unha praza xigante. Eu xa case pensaba mal cando vin as pedras… total, que me fixeron a ficha e metéronme nun calabouzo. Sacáronme, voltaron meterme, así catro veces. Non sei que hora é, non sei se é de día ou de noite. En min non bateron, mas vin como a policía mallaba noutras persoas. Viras tolo porque non sabes onde estás. Cando estaban facéndome a ficha, negueime a ter avogado porque querían imporme o de oficio e non me deixaban chamar. Eles mesmos me din: “Recusado”. Ou sexa, que estaban incumprindo os meus dereitos fundamentais. Si que tiña unha tradutora, mais tampouco me fiaba dela. Eu dicia todo o tempo: “Papel, papel”, e facía sinais de que me deran o papel cos meus dereitos e tiña que poder chamar. A miña primeira declaración foi sen avogado, porque todo ía moi depresa, había moito tránsito de persoas. Cando viron que non quería un avogado de oficio, métenme no calabouzo, non sei cantas horas. Sácanme pola noite e voltan preguntar se quero avogado e dígolles: “Quero, mais non o de oficio”. Eles din todo o tempo que recusaban a petición, até que de repente din: “Á unha da mañá virá un avogado”. Como que a unha da mañá? Non sabía que hora era.

 

 

Quen era o avogado? Como o contactaras?

No inicio, deilles o contacto dunha persoa que estaba conmigo en Francia, viaxando, porque tampouco podías chamar a España. Portanto, finalmente o primeiro avogado que teño é un avogado de confianza, dunha asociación de avogados. Nesa altura el explícame todo, en francés, mais eu vou entendendo. O avogado dime que me negue a todo e que non diga nada se el non está diante. Claro que eu xa falara antes sen a presenza de avogado.

Preguntáranche sen a presenza de avogado?

A segunda vez que me sacan do calabouzo comezan a preguntarme: “Sóanche esta pedras?”, “estas fotos?”. Eran fotos de tres pedras de calzada. Mais dixen que non sabía nada. Despois de falar co avogado, aconséllame negar todo, que non diga nada, e penso: “Merda, xa a caguei!”, porque dixera que non sabía nada e xa falara. O avogado dime que me poden caer de un a dous anos e penso: “Mi madriña, isto é unha loucura”.

Nesa altura, cantos cargos hai en contra de ti?

 

 

“Nese momento xa teño un terceiro cargo, porque me neguei a que me tomasen impresións dixitais e o ADN e iso tamén é unha infracción. De feito, negarme a que me tomasen as impresións dixitais, dinme que é sospeitoso”

 

Na comisaría, o avogado dime que me imputan dos cargos. No inicio, cando entro e me fichan, dinme que hai un cargo, o de participación nuha manifestación non autorizada e pertenza a un grupo que ía facer actos violentos. Despois, a medida que falan, comezan a dicir que son dous, este e outro de danos na vía pública. Nese momento, teño estes dous e un terceiro cargo, porque me neguei a que me tomasen impresións dixitais e o ADN e iso tamén é unha infracción. De feito, negarme a que me tomasen as impresións dixitais, dinme que é sospeitoso. Eu realmente quería colaborar, mais non sen o meu avogado. Por se non tivese xa bastante, no día seguinte sácanme pola mañá, moi cedo, e dinme tres cusas: “O teu avogado esqueceuse”, “marchou”, “esqueceuse de ti”. Eu xa non podía máis. Despois de dez minutos voltan dicir: “Chamámolo e non contesta”. Afundinme, comecei a chorar. Pensaba na miña familia, non sei que estarían pensando, que terían feito. É que non fixen nada, tio, de verdade. No fin dixéronme que era un problema de homologación.

A que se referían?

Non o sei, non fago a máis mínima idea. No fin impuxéronme unha avogada de oficio. Explicoume que escollera un “risco mínimo”, que foi negarme a que me tomasen as impresións dixitais e o ADN e explicoume o mesmo que o avogado da asociación. Mais as mentiras son do tipo de que se eu non permito que mas tomen, iso xa é un elemento de sospeita. Tamén me din que é a última vez que mo peden. Mais no día seguinte, volven pedirmo. Todo iso sen eu saber que me podian caer de un a dous anos de prisión. Si que se tivo en conta que non me informaran e que descoñecía o que me podía pasar. Diso tomaron nota. No día seguinte, ameázanme dicindo que podo pasar de catro a seis semanas no calabouzo. Non tiña sentido. Estaban encurralándome.

O teu avogado informoute sobre a condena a que de enfrentabas?

Poden caerme dun a dous anos, mais non está claro. Non o teñen claro nin eles mesmos. É moi flexíbel. O único que me salva é que non teño antecedentes, mais vai caerme unha multa de collóns. Nestes días, o avogado sí que me dixo que pode ser dun a dous anos, mais unicamente pola infracción de non permitir que me tomasen as impresións dixitais, portanto, ainda non está claro.

Como foi o trato na escuadra de polilcía?

O ton era moi ameazador, dicíanme: “Vas pasar unha temporadiña aquí”. Despois, viron que tiña no móvel a fouce e o martelo e dixeron: “Oh, oh, oh, non sei o qué, allez, allez“.

Estiveche detido aproximadamente 24 horas. Como foron esas horas na cela?

 

 

“Xusto diante da miña cela, había un rapaz que pedía axuda. Trouxérono moi mal, cun brazo no pescozo e mallando nel. Flipei. O rapaz de Euskal Herria vía mellor e díxome que estaba todo rebentado. Ouvía como batían nel.”

 

Estiven nun centro de detención de migrantes. Era o peor. Foi unha loucura. non porque sexan 24 horas, senón por todo o que ves. Estaba na cela número oito, na sete había un rapaz de Irún, e na seis o rapaz de Euskal Herria. Diante de min, había uns franceses que parecía que levaban moito tempo encerrados. Xusto diante da miña cela, había un rapaz que pedía axuda. Trouxérono moi mal, cun brazo no pescozo e mallando nel. Flipei. O rapaz de Euskal Herria vía mellor e díxome que estaba todo rebentado. Ouvía como batían nel. Mais era moi flipante o dispositivo policial. Andei catro días de viaxe polo norte e uns colegas de Markina-Xemein explicábanme que a policía non paraba de revistar mochilas. Se levabas unha camisola preta, xa ollaban mal para ti e dicíanche: “Black block, black block, eh?”. O avogado explicoume que non era necesario que cometeses un delito violento para que te detivesen, senón que chegaba con que mostrases que ías ou querías facelo e que estabas vinculado.

Citáronte a declarar?

Suponse que o 25 de setembro teño que voltar, mais o avogado ainda non ten a ficha completa do meu caso e non pode traballar nel. Faltan menos de dúas semanas e non sei nada. Estou en contacto co avogado da asociación, mais non sei nada ainda. Dime que non pode facer nada por non ter a ficha. Non sei que pode pasar o 25 de setembro e a verdade é que se ninguén me informa, non irei. O que queren é demorar o máximo posíbel para que non teña tempo de preparar nada. Creo que queren intimidar e xa está. É unha montaxe. O elemento principal é unha mochila con pedras, mais eu só levaba unha bolsa de cinto. Son pedras moi grandes e toda a xente viu que foi a policía quen as colleu.

Como valoras o traballo colectivo que se fixo para organizar a contracimeira do G-7?

 

 

“ É unha montaxe. O elemento principal é unha mochila con pedras, mais eu só levaba unha bolsa de cinto. Son pedras moi grandes e toda a xente viu que foi a policía quen as colleu.”

 

Estiven en Iruña e despois con compañeiros de Markina-Xemein. Deime conta que había mal ambiente por parte dun sector da contracimeira. Un sector da contracimeira estaba en contacto co Ministerio de Interior francés, tal como publicou un xornal francés e, sabendo iso, acaban cadrando moitas cousas. Directamente, foi negociado o trato dalgunhas manifestacións en contra da cimeira e ao final, de repente, xente da contracimeira comezou a suspender convocatorias. O que non se pode facer é organizar unha cousa e despois que algúns se poñan a falar co Ministerio francés. Se se demarcan da loita máis directa, estan dando pé a desincentivar a inconformidade social organizada. Se obrigas a facer as cousas dentro de certos límites, xa estás encadrando a xente que salta eses límites, pondo etiquetas estrañas, en lugar de unir á volta dunha loita que é a mesma.

Como describirías a operación policial durante a cimeira?

Biarritz estaba chea de policía. En Baiona non había moita presenza de manifestantes, mais de policia, helicópteros… si. De feito, cando me deteñen, veñen moitas motos, seis ou sete furgóns, anti-motíns… Non había nada e arrasaron con todo.

Pensas que vivimos un retroceso no dereito á manifestación?

Había un cadro legal particular e por iso facían tantas detencións en quente, escudándose en que podían facer de todo, porque é o G-7 e son medidas temporais. Mais realmente non é así. Por exemplo, cos coletes amarelos, sempre actúan así. É un retroceso brutal no dereito de manifestación. Voltamos onde estaban os nosos pais, mais de maneira que non se visibiliza. Estamos en tempos modernos, mais a represión é a mesma. Non nos matan, só faltaría que nos desen un tiro na cabeza. Eu estiven encerrado 24 horas, mais había un rapaz que levaba tres días que non sabía nada de ninguén, estaba tolo. Brigou cos gendarmes. Era todo unha loucura. O único que nos resta é a solidariedade, a ternura dos pobos.

Directa