Manifestació Madrid
.
.
Primeiro de outubro de 2017. No serán, a Puerta del Sol de Madrid enchíase de cidadáns solidarios coa Catalunya para denunciaren a violencia da policía española e a Garda Civil contra votantes do referendo de autodeterminación. As imaxes dos policías agredindo votantes e abrindo cabezas á paulada correran como a pólvora por todo o mundo, e as organizacións madrilenas solidarias coa Catalunya convocaron aquela mobiización. Como comeza a ser costume na capital española, cada convocatoria das organizacións anti-fascistas e de esquerdas vai seguida dunha mobilización de ultras e nazis para a rebentaren.
.
Houbo momentos de tensión, e a policía española interviu contra os anti-fascistas. Acabada a mobilización, os axentes dedicáronse a identificar algúns manifestantes, a maioiría xente nova, en vez de protexer a mobilización autorizada e isolar os grupos de extrema dereita. Catro dos manifestantes anti-fascistas, hoxe procesados, foron identificados na rúa cando ían andando e nun bar da Gran Vía de Madrid, perto da Puerta del Sol. Poucas semanas despois, foron detidos en casa por axentes á paisana. Era o 2 de novembro, o mesmo día en que a maxistrada Carmen Lamela enviaba a prisión os consellers do goberno catalán que se presentaran a declarar na Audiencia española. Dous dos seis detidos, aliás, aseguran que nin sequer foran á manifestación. Os outros catro si que estiveran e marcharon unha vez acabada. Están sorprendidos de que os dous ultras que os denunciaron e exercen a acusación particular os acusen de lesións porque, garanten, en ningún momento participaron de ningunha briga nin agrediron ninguén.

.

Tres anos e medio despois dos feitos, os xovens anti-fascistas, coñecidos como os Seis de Madrid, enfréntanse a un xulgamento, no xulgado penal 30 da cidade, que pode levalos ao cárcere. O xulgamento tiña de comezar hoxe, mas foi adiado porque non compareceu o procurador. Cando se poda celebrar, declararán como testemuñas os axentes que escribiron o atestado policial, a única ‘proba’ contra eles, e os compañeiros e amigos dos encausados. A procuradoría pede para eles dous anos e a acusación particular, exercida polos dous ultras e un dos avogados dos fascistas do asalto a Blanquerna, tres anos e medio. Son acusados de desordes públicas e lesións, cos agravantes de odio ideolóxico, intimidación e traizón. Tamén queren facerlles pagar unha fianza solidaria de 13.000 euros e unha multa de 4.500 euros cada un.

Os acusados negan calquera vínculo cos feitos que lles imputan e cren que queren facerlles pagar o feito de se teren solidarizado coa Catalunya o 1-O para espallar o medo. Sergio R. explicaba nunha entrevista en VilaWeb de hai uns meses que as acusacións son inventadas e que non hai proba algunha contra eles que os incrimine. Esperan unha absolución, mais teñen algunhas incertezas a respecto do xulgamento.

O avogado dos seis procesados, Erlantz Ibarrondo, explica que a única ‘proba’ contra os xovens é un atestado policial ‘enganoso’. “Os policías din que foron testemuñas da suposta agresión, que os seguiron e os identificaron. O que é estraño e non explican é por qué non os detiveron até un mes mais tarde”, di. “Se eu fose policia e vise persoas cometendo un delito, deteríaas. É paradoxal a maneira como actuaron”, acrecenta. Este será un dos argumentos que a defensa utilizará no xulgamento para furgar na contradición do relato da policía española e conseguir a absolución dos mozos. “Están orgullosos de ter ido á manifestación, de ter exercido os seus dereitos e se ter solidarizado co pobo catalán, e non o negarán”, afirma. “Os meus clientes só foron a unha manifestación. Se queren condenalos por iso, que o fagan. Mas sería por un motivo alleo á cuestión xurídica”, adverte.

Os precedentes Dani Gallardo e Elsa Vilki

Dani Gallardo foi condenado a catro anos e medio de prisión por ter protestado contra a sentenza do procés en Madrid, o 16 de outubro de 2019. A Audiencia de Madrid avalou a versión da policía española e sentenciouno por lesións leves, desordes públicas e atentado contra a autoridade. Atribúelle agresión a un policía cun bastón con puntas. A súa copañeira Elsa Vilki foi condenada a un ano de cárcere por desordes públicas.

Gallardo sempre defendeu a súa inocencia e sostivo durante o xulgamento que só se interpuxo entre a policía e Vilki no momento en que o axente a detiña. Foi preso e pasou máis dun ano en prisión preventiva en tanto non se celebraba o xulgamento. Agora está pendente da resolución do recurso de apelación contra a sentenza. Se o recusan, Gallardo terá de voltar ao cárcere para cumprir o resto da condena.

Se a acusación contra Gallardo e Vilki xa era fraca, sustentada apenas sobre o atestado da policía española, ainda son máis fraxeis os argumentos contra os Seis de Madrid, precisamente porque non houbo detención no día dos feitos. No entanto, teremos de ver se o xuiz actúa con vontade de escarmento ou se atén á pouca base probatoria para condenala e resolver o caso cunha absolución.

Roger Graells Font

VilaWeb