Un novo relatorio de Amnistía Internacional denuncia “desaparecementos forzados” en Marrocos, “expulsións sumarias” da Garda Civil e “omisión de axuda de emerxencia” aos feridos durante o cruzamento mortal do 24 de xuño.

 

Un refugiado sudanés en una escuela abandonada de Casablanca, Marruecos, donde se refugian decenas de de personas tras ser aleadas forzosamente de los montes de Nador tras la tragedia en la valla de Melilla del pasado 24 de junio.Un refuxiado sudanés nunha escola abandonada de Casablanca, Marrocos, onde se refuxian decenas de persoas expulsadas dos montes de Nador despois da traxedia na cerca de Melilla no pasado 24 de xuño.

 

 

Un novo relatorio, resultado doutra investigación internacional, acusa de “crimes contra o dereito internacional” as autoridades españolas e marroquinas durante a tentativa de salto á cerca de Melilla no pasado 24 de xuño, en que polo menos 23 persoas morreron e máis de 70 están ainda desaparecidas.

Nesta ocasión trátase dunha investigación de Amnistía Internacional (AI) que recolle testemuños de 15 dos sobreviventes, de familiares de persoas desaparecidas, análises das imaxes e a (escasa) información facilitada polas autoridades de ambos os países. A ONG é contundente ao sinalar que tanto as forzas de seguranza españolas como as marroquinas fixeron un uso indebido da forza contra os migrantes —a grande maioría potenciais refuxiados sudaneses—, déuselles un trato inhumano, negóuselles a atención sanitaria de emerxencia e foron devoltos de forma ilegal unha vez que cruzaran todos as cercas.

“As persoas negras sufriron violencia letal, tortura e outros malos tratos, abusos, devolución, transferencias forzosas e desaparicións forzadas, entre outras atroces violacións dos seus dereitos humanos, a mans de gardas de fronteiras marroquinos e españois”, recoller o relatorio.

As conclusións de AI coinciden en grande parte coas do Defensor del Pueblo, a BBC e a última e máis completa investigación, coordenada por Ligthhouse Report —xunto con El País, The Guardian ou Der Spiegel, entre outros medios—, que tamén sitúa en territorio español polo menos un dos 23 falecidos que recoñece a versión oficial marroquina. Tamén coincide con parte importante dos testemuños dalgunhas das persoas devoltas a Marrocos recollidos por Público en Casablanca poucos días despois da traxedia, que falaban de malos tratos e devolucións a Marrocos de persoas vulnerabeis, entre elas, menores de idade e feridos.

Aínda hai máis de 70 persoas en paradeiro descoñecido. Por iso, AI fala de “desaparecemento forzado” e acusa Marrocos de non ter investigado as denuncias medio ano despois dos feitos. Tampouco “tomaron todas as medidas adecuadas para determinar onde están esas persoas desaparecidas”, especifica o relatorio.

O réxime de Mohamed VI impediu a asistencia de organizacións que tratan de axudar as familias dos desaparecidos a coñecer o seu paradeiro, e non permitiu identificar ou examinar os cadáveres que si chegaron ás morgues, denuncia AI. Os testemuños recollidos por Público tamén coinciden neste punto.

A ONG recolle o testemuño de familiares de desaparecidos en que afirman que non teñen noticias deles. En concreto, publica unha breve entrevista cunha familiar de Anwar, un dos mozos sudaneses dos que se perdeu o rastro o día do salto.

A responsabilidade española

AI sinala a falta de información e escasa transparencia por parte do Ministerio do Interior e incide en que non se dispón de material audiovisual chave para esclarecer os feitos. Contodo, sinala tamén que as devolucións realizadas pola Garda Civil— 470, segundo revelou o Defensor del Pueblo— mostran un “desprezo absoluto” polo principio de non devolución recollido na Convención de Xenebra para os refuxiados. O Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR) tamén recoñeceu que houbo devolucións en quente sen o debido proceso.

“Á grande maioría das persoas que tentaron cruzar a fronteira o 24 de xuño viron como se lle recusaba a oportunidade de que o seu reclamo de protección internacional fose escoitado e avalidado”, sostén o relatorio.

Entre os testemuños dos migrantes que publica a ONG, destaca o dun mozo do Chad, Zacharias, que asegura ter sido golpeado na cabeza por un Garda Civil despois de caer do alto da cerca.. Despois foi entregado aos axentes marroquinos, xa coas mans atadas e coa cara cuberta de sangue.

Outros testemuños tamén aseguran que os axentes españois devolveron persoas feridas de forma automática, sen un procedemento que lles permita defenderse legalmente.

Tamén sinala un uso indebido da forza por parte dos axentes, sobretodo, ao empregar material antidisturbios, como gases lacrimoxéneos, de alto risco nun espazo cercado do que non podían saír.

Sen asistencia sanitaria de emerxencia

Outra das vulneracións de dereitos que documenta o relatorio é a falta de atención sanitaria de emerxencia durante horas aos feridos, non só ás persoas que caeron das cercas, mais tamén ás feridas coas concertinas, as asfixiadas polos gases lacrimoxéneos e ás vítimas da avalanche mortal que se produciu nas portas interiores da pasaxe fronteiriza de Bairro Chinés.

Esta suposta omisión do deber de socorro, tanto polo Reino de España como polo de Marrocos, tamén foi denunciada polo Defensor del Pueblo, investigacións xornalísticas e varios deputados españois que visitaron Melilla no mes pasado. Interior sempre xustificou esta falta de asistencia no momento máis críticos pola falta de seguranza para as equipas médicas ante a violencia empregada no intento de salto.

Tanto a Cruz Vermella Española como o Hospital Comarcal de Melilla confirman que atenderon varias persoas feridas, mais todas formaban parte das 134 que conseguiron chegar ao CETI de Melilla. “As autoridades españolas non axudaron de ningún xeito as persoas feridas que ficaron no chan en territorio español unha vez concluída a operación policial, polo que violaron os seus dereitos de múltiplas formas, incluído o seu dereito a atención médica rápida e adecuada e a non sufrir tortura e outros malos tratos”, denuncia AI.

Nas súas conclusións, a ONG lamenta que estes feitos sexan debidos á política de externalización de fronteiras de España e de Europa a terceiros países que non respectan os dereitos humanos. Esixe investigacións independentes sobre os feitos e denuncia que non se apurou ningún tipo de responsabilidade penal, civil nin política, tanto en España como en Marrocos.

Público