A ONG Amnistía Internacional culpou as forzas de seguranza iranianas de perpetrar abusos de forma sistemática contra quen saíu a manifestarse nestas últimas semanas, por mor do suposto asasinato dunha muller, Mahsa Amini, despois de ser detida por levar mal colocado o veo, e reclamou unha investigación internacional.

 

A revolta de iranianas contra uso obrigatório de véu islâmico - BBC News Brasil

 

As análises levadas a cabo pola propia ONG, que examinou a vaga de mobilizacións iniciada despois da morte de Amini o 16 de setembro, detectou un uso indiscriminado da forza por parte da Policía, que vén utilizando fogo real contra os manifestantes.

A organización non gobernamental tamén inclúe dentro deste patrón de abusos casos de violencia sexual contra mulleres e o fechamento deliberado dos servizos de internet, que limitou a posibilidade da poboación de comunicarse nun momento decisivo.

A secretaria xeral de Amnistía Internacional, Agnès Callamard, subliñou que “non deben ignorar as voces dos cidadáns valentes do Irán que piden a berros e desesperadamente apoio internacional”, nun contexto de “impunidade sistemática” e de represión sobre calquera indicio de disidencia.

“Revolta sen precedentes”

Os últimos protestos, en que as mulleres tiveron un peso fundamental, “desencadearon unha revolta nacional sen precedentes”, no parecer de Callamard, que pide algo máis que “palabras vacías” para que a violencia termine xa e os seus responsábeis rendan contas. “Un mecanismo internacional debe investigar urxentemente as mortes de manifestantes”, subliñou.

Nós Diario