O relatorio de’Amnistia Internacional (AI) relativo á sentenza do Tribunal Supremo español contra o procés non satisfai talvez todas as persoas, mais ten unha importancia e un impacto que poden ser determinantes en Europa para defender os dereitos vulnerados pola xustiza española. En resumo, a organización de defensa dos dereitos humanos que ten maior recoñecemento internacional di nun texto de seis páxinas que a sentenza é excesiva, que a condena por sedición é desproporcionada, que ameaza o exercicio de dereitos como o de liberdde de reunión e de manifestación e, sobretodo, que Jordi Sànchez e Jordi Cuixart terían de ser postos en liberdade inmediatamente. Amnistía Internacional tamén di que o xulgamento non foi inxusto, apesar de algúns feitos esporádicos que poden ser preocupantes, pasa por alto os abusos flagrantes e mede en todo momento a critica ao ordenamento xurídico español. Mais fai a crítica, e de maneira rotunda.

Apesar de os medios españois teren rebaixado, menosprezado, atacado ou ocultado o relatorio, este ten un grande valor, porque a denuncia que fai é internacional e, portanto, o silencio mediático español terá pouco efecto. Aliás, destes relatorios deriva unha certa ‘xurisprudencia’, entre aspas, porque son documentos que o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos poderá ter en conta cando lle chegar o dossier catalán. O ex-maxistrado do Tribunal de Estrasburgo Josep Casadevall dicía nesta entrevista que os pronunciamentos que fan sobre un caso concreto organizacións co prestixio e recoñecemento de Amnistía son importantes. ‘Trátase de ONG recoñecidas internacionalmente que, sen seren parte no procedemento, poden ser admitidas a presentar observacións ao TEDH contribuindo cunha ou outra das partes. Se o solicitan, costuman ser admitidas polo presidente da sala a participar coa consideración de amicus curiae

Contundencia sobre Sànchez e Cuixart

Amnistía deixa claro que con esta sentenza se vulneraron dereitos fundamentais. O caso que vé máis claro desde o inicio do proceso, xa na fase de instrución, é o de Cuixart e Sànchez, como dirixentes de entidades sociais. Di que nunca deberían ter sido encarcerados e que o feito de teren sido privados de liberdade e condenados a nove anos de prisión ‘viola os dereitos de liberdade de expresión e de reunión pacífica’. Lembra que ‘a desobediencia civil pacífica está protexida pola lexislación internacional sobre dereitos humanos’. E resalta: ‘Como cidadáns particulares e presidentes destas organizacións [ANC e Òmnium] da sociedade civil, as autoridades teñen a obrigación de garantirlles o dereito de expresaren opinións contrarias á decisión do Tribunal Constitucional que prohibía a celebración do referendo e a organizaren reunións pacíficas de apoio ao referendo e á independencia de Catalunya, sempre que non se recorra á violencia nin se incite ao uso da violencia ou a discriminación.’

A sentenza, unha ameaza

A argumentación que fai é importante neste punto, o da violencia, porque é unha das grandes contradicións da sentenza do Supremo. ‘O tribunal considera acreditada a existencia dalgúns feitos violentos -ainda que ningún deles é atribuído de maneira directa aos acusados-, mais non se basea nese elemento para a condena, senón que afirma que a violencia non é necesaria para o tipo penal de sedición.’ Que fan, entón, Manuel Marchena e o resto de maxistrados? Falan dun ‘levantamento multitudinario, xeneralizado e proxectado de forma estratéxica`, e acrecentan que ùnha oposición isolada e singularizada excluiría algúns ingredientes que talvez poderían derivarnos a outras tipicidades.’

Amnistía critica esta afirmación. Acha preocupante que ‘a gravidade da conduta imputada […] se vincule directamente ao feito de a oposición ser multitudinaria ou xeneralizada’. Quer dicir, que o castigo penal se deba ao feito de ter sido moita xente en moitos lugares a que se manifestase ou participase no referendo. É un elemento de arbitrariedade que permite a definición vaga e imprecisa do tipo penal da sedición na lexislación española e que a organización critica. Amnistía Internacional, en resumo, di que ve ‘con preocupación que a sanción, tanto aos membros da sociedade civil como aos que exercían un cargo oficial, alicerce no delito de sedición, vagamente definido e interpretado de maneira extensiva, que derivou na actual sentenza e podería abrir a porta no futuro a unha criminalizaicón maior dos actos relacionados directamente co exercicio pacífico dos dereitos de liberdade de expresión e de reunión pacífica.’

Amnistía pon a énfase nesta ameaza, na possibilidade, co texto da sentenza na man, de que no futuro poidan ser perseguidos penalmente os millares e millares de cidadáns que participaron nos feitos do 20 de setembro e do 1-O que o Supremo califica de tumultuarios. Porque é estraño, tal como subliña Amnistía, que dacordo co delito de sedición teñan sido condenados aqueles que son considerados os instigadores deste delito, mais non aqueles que o levaron a cabo de maneira efectiva, quer dicir, os manifestantes. Para estes, o código penal prevé penas de catro a oito anos de prisión. É portanto unha incongruencia da sentenza e unha ameaza, sobre a cal alerta.

O caso de dirixentes políticos… incluída Forcadell

A organización diferencia, iso sí, entre Sànchez e Cuixart e o resto de presos políticos. No caso das autoridades públicas, non é categórica, embora sinale claramente a vulneración dun dereito fundamental, que é o principio de legalidade. O principio de legalidade establece que calquera conduta ten de ser claramente definida, de maneira que sexa previsíbel dun punto de vista penal. E iso, segundo Amnistía, non aconteceu neste caso. Explícao así: ‘A previsibilidade implica que as persoas poidan saber que actos as farán penalmente responsabeis e cal será a pena por eses actos.’ A falta de definición do delito de sedición na lexislación española impédeo -din-, e permite a imposición de restricións indebidas aos dereitos de liberdade de expresión e reunión pacífica porque criminaliza unha ampla gama de accións directas non violentas protexidas polo dereito internacional dos dereitos humanos’.

Apesar desta vulneración clara dun dereito fundamental e da desproporción na pena de sedición contra os dirixentes políticos, non esixen a posta en liberdade inmediata, senón que demanda á procuradoría española e ao Tribunal Constitucional que a teñan en conta cando chegaren os recursos de amparo que presentarán os prisioneiros condenados. É sorprendente que non diferencie entre Carme Forcadell, que era presidenta do Parlament e non tiña responsabilidades de goberno, e os ex-membros do executivo. Non tiña Forcadell, como presidenta dunha cámara parlamentar, prerrogativas que lle foron vulneradas, como por exemplo a de permitir o debate parlamentar? Segundo Amnistía, iso non está claro, dun punto de vista normativo nin da xurisprudencia internacional; os feitos que lle son atribuídos segundo a acusación poden ser constitutivos de algún tipo delitivo, mais a condena por sedición é excesiva. Tratan o caso de Forcadell como os de Oriol Junqueras, Raül Romeva, Dolors Bassa, Jordi Turull, Josep Rull e Joaquim Forn.

Un xulgamento xusto?

Hai outros aspectos que poden ser desconcertantes. Na hora de xustificar o argumento dun xulgamento xusto no Tribunal Supremo, os responsabeis da organizaicón tiraron importancia, na comparecencia que fixeron en Barcelona, a abusos do presidente da sala, Manuel Marchena, contra a defensa de Jordi Cuixart e a súa estratexia xurídica. Considérano un feito isolado e que non marcou o ton xeral do tribunal. Segundo eles, incidentes deste tipo poden ser máis ou menos habituais, se son esporádicos, nos procedementos xudiciais. Minimizaron tamén o feito de o tribunal non ter permitido contrastar as declaracións das testemuñas da acusación cos vídeos e documentos que as desmentían. Sobre isto, Amnistía di que a sentenza xa tira valor a todos estes testemuños cando di que son contraditorios.

No seu conxunto, o valor do relatorio de Amnistía Internacional sobre a sentenza está nas peticións concretas con se que dirixe directamente ao estado español. A primeira, que se revise a fondo o tipo penal de sedición no código penal, ‘para garantir que non se criminaliza indebidamente actos de desobediencia civil pacífica nin se impoñen penas desproporcionadas por accións relativas ao exercicio da liberdade de expresión e de reunión pacífica’.  A segunda, a liberdade inmediata para Sànchez e Cuixart, e que se tomen as medidas pertinentes para anular a súa condena por sedición. E a terceira, que a procuradoría do TC e o mesmo TC respecten o principio de legalidade, ‘dacordo cos estándares internacionais de dereitos humanos’, cando chegaren os recursos dos presos contra as condenas por sedición. E se España (como é previsíbel) non fai caso? Amnistía responde que é unha entidade non só de análise, senón tamén de acción e combate, e que fará campaña e emprenderá accións de presión para que todas estas peticións sexan atendidas.

Josep Casulleras Nualart