Economista, avogado, auditor e técnico de Facenda en excedencia, este fiscalista avanza que prepara unha querela contra a Procuradora Xeral do Estado e o director da Axencia Tributaria pola “omisión” das súas funcións en supostos delitos fiscais do rei emérito

Economista, avogado, auditor e técnico de Facenda en excedencia, o fiscalista Antón Beiras (Vigo, 1954) é delegado en Pontevedra da Asociación Española de Asesores Fiscais (AEDAF) e membro do Círculo de Empresarios de Galicia. Colaborador habitual en revistas especializadas de dereito tributario e autor do libro ‘A Verdade Xurídica, o Pensamento Zombi e a Tradición Republicana’, Beiras vai a querelarse, en nome da Asemblea Republicana de Vigo, contra a Procuradora Xeral do Estado, Dolores Delgado, e o Director Xeral da Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT), Jesús Gascón, por suposta prevaricación ante o que cualifica de abandono “intolerábel” das súas obrigacións.

 

Os indicios que apuntan a un tratamento especial da Axencia Tributaria a Juan Carlos I antes da súa regularización fiscal

 

Segundo Beiras, ambas as institucións deron a Juan Carlos I o privilexio de regularizar e ter “unha escusa absolutoria no ámbito penal”. Nunha entrevista telefónica con elDiario.es, admite que “non é fácil” que prospere a querela, que prepara en nome dunha entidade á que define como “unha asociación cívica, cultural e de defensa dos valores republicanos”. Mais “o dereito non é unha ciencia exacta” e cre que a sociedade civil debe rebelarse ante unha conduta “inimaxinábel en Bélxica, Holanda, ou Inglaterra, que son sistemas monárquicos parlamentares” e onde xa habería demisións no Goberno” ante unha situación similar.

Beiras cre que “é absolutamente falso que a Axencia Tributaria estea amarrada de pés e mans” polo seu papel de auxilio xudicial neste caso. “A Axencia Tributaria cometeu posibelmente un delito de prevaricación por omisión. E no caso de todos estes meses levar negociando a regularización do Rei cos seus avogados, sería un delito de prevaricación por omisión en concurso real con outro de negociacións prohibidas”.

 

*********************************

 

Na pasada sexta-feira, despois de ser coñecida a nova regularización do emérito, vostede publicou no blog especializado Taxlandia un duro artigo co expresivo título de: “Mais que collóns está a pasar aquí! A Procuradoría, a Axencia Tributaria e os impostos do Rei”. Falaba do “privilexio” do que gozou ante unha regularización “impensábel para calquera outro cidadán”. Hai razóns para indignarse?

Todas. O principio de igualdade ante a lei nas democracias avanzadas é, no económico, un principio de igualdade ante a lei tributaria: a obrigación que todos temos de contribuír ao sustento dos gastos públicos de acordo cun sistema tributario xusto, progresivo e non confiscatorio. Ese principio de igualdade, que está nos fundamentos da obrigación de contribuír, foi quebrado por unha conduta absolutamente criminal.

A Fiscalía leva trece meses investigando o rei por tres causas diferentes e non lle notificou que está a ser investigado. A Axencia Tributaria estivo investigando o rei desde hai tamén un ano e en lugar de facer como con calquera cidadán, presentar denuncia ao Ministerio Fiscal, fixo informes. Como se fosen o Consello Superior de Investigacións Científicas ou un órgao consultivo do Estado. O Consello do Estado fai informes; a Axencia Tributaria, non. Ten que formular denuncias, e non o fixo. Como consecuencia de todo iso, deron á súa maxestade o rei o privilexio de regularizar e ter unha escusa absolutoria no ámbito penal, e mesmo sancionador administrativo.

Cando tería que actuar a Axencia Tributaria? 

Desde o primeiro momento en que tivo sospeitas de que había negocios e patrimonios e rendas non declarados por parte da súa maxestade e, indubitabelmente, desde que fixo a primeira regularización.

Cre que nesa primeira regularización xa había indicios para sospeitar dun posíbel tratamento especial a favor do monarca? 

Si. O tratamento especial existe desde o momento en que toda a sociedade civil española, o Goberno e o propio presidente do Goberno estaban alarmados e indignados coas noticias sobre os patrimonios e as rendas do rei emérito. Isto é moi sinxelo. Desde o momento en que a Fiscalía se pon a investigar porque cre que hai algo, tiña que notificar formalmente a condición de investigado á súa maxestade o rei. Iso é o que faría con vostede. É o que faría comigo. Eu, como avogado tributarista, teño moitos clientes no penal provincial de Pontevedra da Lama por moitísimo menos fraude que eses 4,4 millóns de euros. A ver con que ética uns padecen condena e outro regularizan e fican impunes.

O demolidor neste caso non é a conduta de Juan Carlos de Borbón, senón a de dúas institucións básicas en calquera sociedade democrática”

Nesta nova regularización, eses catro millóns e pico foron pagados con achegas de empresarios e amigos do Rei. Debe sinalarse a orixe deses fondos? pode haber delitos atrás deses empréstimos ou doazóns?

Habería delito se ese empréstimo fose unha doazón disimulada. Con todo, esta só confírmase se co transcurso dos anos non se devolve o principal, polo que é moi difícil combater esa fraude, no caso de que exista e a súa maxestade non devolva o diñeiro. O sindicato Gestha de técnicos de Facenda así o sospeita. Pero a realidade é que neste punto sería infundado acusar dun novo delito. Nese caso, o cidadán Juan Carlos de Borbón estaría a entrar en bucle, porque para pagar e omitir un delito estaría a cometer outro, que é percibir sen pagar impostos un agasallo de 4,4 millóns de euros. Pero eu non teño ningunha certeza, nin lin os contratos, que creo legalizáronse na Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Madrid. Supoño que terán bos avogados e farían todos os trámites. Por aí creo que é infundado indignarse e acusar a eses empresarios e a súa maxestade dun delito. O rei emérito xa se retratou.

Aquí a indignación non é co cidadán Juan Carlos, que fixo uso dun dereito. Quen lle deu ese dereito? Déronllo por omisión a Axencia Tributaria e a Procuradoría. E por iso vou presentar querela criminal contra Dolores Delgado e Jesús Gascón. Teño o encargo da Asemblea Republicana de Vigo para formular esa querela, que ten os seus problemas xurídicos, como se a prevaricación é por omisión e non só por acción. Ademais, dona Dolores Delgado está aforada no Tribunal Supremo e don Jesús Gascón, non… En definitiva, hai que estudala, mais isto non pode ficar así. Aquí o problema, o lesivo, o absolutamente demolidor neste caso non é a conduta de Juan Carlos de Borbón. É a conduta de dúas institucións básicas en calquera sociedade democrática.

Aquí non estamos a falar dun bando de trapaceiros, nin dunha policía patriótica que subtrae probas á xustiza para protexer o partido que está no Goberno. Estamos a falar de dúas das principais institucións dunha sociedade democrática: a Procuradoría, que ten que velar polo principio de legalidade; e a Axencia Tributaria, que ten que velar pola contribución de todos ao sostemento dos gastos públicos. Isto é inimaxinábel na Bélxica, a Holanda, ou a Inglaterra, que son sistemas monárquicos parlamentares. Alí terían xa dimisións no Goberno e centos de denuncias. Aquí no Reio de España haberá a miña ou algunha máis. Mais isto é absolutamente intolerábel.

O argumento que dá a Asociación de Inspectores de Facenda é que están “amarrados de pés e mans” ao traballar como auxilio xudicial. 

Falso. O auxilio xudicial nace da denuncia. No momento en que eu investigo un cidadán e chego á convicción de que hai unha fraude superior a 120.000 euros, denúncioo á Procuradoría e nese momento convértome en órgao auxiliar da Procuradoría. Mais previamente investiguei o cidadán e notifiqueille o inicio de actuacións inspectoras polo IRPF de 2015, 2016, 2017 e 2018. Quer dicir, eu convértome en escravo dun servizo de auxilio xudicial desde o momento en que xa notifiquei ao cidadán do inicio de actuacións inspectoras e teño uns indicios probatorios suficientes como para determinar unha fraude que é constitutiva de delito. E o tipo obxectivo do delito é defraudar ás arcas públicas máis de 120.000 euros por exercicio e por tributo. De maneira que é absolutamente falso que a Axencia Tributaria estea amarrada de pés e mans. A Axencia Tributaria cometeu posibelmente un delito de prevaricación por omisión. E no caso de todos estes meses levar negociando a regularización do Rei cos seus avogados, sería un delito de prevaricación por omisión en concurso real con outro de negociacións prohibidas.

 

“Isto non pode ficar impune. E se fica impune, será porque un xuíz diga que non hai delito. Non porque a sociedade civil non se rebele contra iso”

 

Cando prevén presentar a denuncia e ante que instancias se presentaría?

Estou niso. A noticia saíu na quinta feira á noite. Iso dependerá tamén da Asemblea Republicana de Vigo. Dolores Delgado está aforada, así que se tería que presentar ante a Sala Segunda do Tribunal Supremo. E ao non estar don Jesús Gascón aforado, posibelmente tería que soltarse. É moi lamentábel. Aínda que non trato persoalmente Jesús Gascón, teño a mellor das opinións del. É un grande funcionario. Non trato tampouco Dolores Delgado mais teño a mellor das impresións da súa valentía e o seu servizo ao país perseguindo tramas criminosas. Mais cando se soslaia a lei de semellante maneira, creando uns efectos devastadores para a cultura de contribuír ao sustento dos gastos públicos nun país que ten endémicamente unha porcentaxe de PIB oculto moi superior aos nosos socios comunitarios, isto non pode ficar impune. E se fica impune, será porque un xuíz diga que non hai delito. Non porque a sociedade civil non se rebele contra iso.

Antonio M. Vélez