A Audiencia de Barcelona anulou a absolución dun garda civil que bateu coa porra dous veciños de Sant Esteve Sesrovires no 1 de outubro, segundo unha sentenza que avanzou o xornal Público e a que tivo acceso a ACN. O tribunal que dita repetir o proceso argumenta que a sentenza do xulgado de instrución número 7 de Martorell que absolveu o axente o 31 de xaneiro do 2019 omite catro das testemuñas que declararon durante o xulgamento.

guardia civil 1-o sant julia de ramis - acn

 

Estes axentes que non figuran na sentenza absolutoria declararon “sobre a ausencia dunha orde concreta de carregar contra as persoas concentradas e os obxectivos que tiñan as forzas que actuaban nesta intervención, o que afecta directamente ao cargo e o deber co que se pretende xustificar a agresión sufrida pola vítima”.

O maxistrado apunta que a xurisprudencia non pode justificar a ausencia “da máis mínima mención ás diversas probas testemuñais alegadas pola recorrente” xa que este feito “impede” que as partes poidan coñecer a valoración completa do xulgador e “o valor asignado a estas probas, en absoluto insignificantes.”

O axente actuou na escola o Robledal de Sant Esteve Sesrovires (Baix Llobregat) e estaba acusado de dous delitos leves de lesións por bater en dous votantes cando se estaba celebrando o referendo de independencia. As pancadas producíronse no momento en que a Garda Civil quería abrir un corredor entre a xente para permitir a retirada das urnas. Durante o xulgamento celebrado nos xulgados de Martorell, o axente recoñeceu ter actuado no centro mais dixo non lembrar se golpeara as dúas persoas que presentaron a denuncia.

O acusado, procedente de Sevilla, admitiu ter mallado nalgúns votantes concentrados ás portas da mesma escola durante o referendo, argumentando que a multitude de xente impedía que a policía xudicial puidese acceder ao centro para confiscar as urnas en cumprimento da resolución do TSJC. Ao mesmo tempo, asegurou que algúns cidadáns agrediron varios axentes da Garda Civil, motivo polo cal, dixo, a policía acabou facendo uso lexítimo da forza.

No xulgamento de Martorell a acusación mostrou un vídeo en que se ve como un garda civil golpea unha das denunciantes na perna cando ela estaba de costas. A avogada da denunciante detallou que o impacto lle provocou un hematoma de 19 centímetros. O segundo denunciante recibiu pancadas en varias partes do corpo. Aínda que destoutros feitos non hai imaxes, a avogada subliñou que durante o xulgamento “ficou probado” que o axente acusado participou das cargas sen pedir previamente que se abandonase o espazo, e tamén se demostrou que estaba no mesmo lugar que os denunciantes.

El Nacional