A participación é voluntaria e non implica ningún tipo de beneficio, aínda que é certo que son cuestións que as xuntas de tratamento teñen en conta nas súas análises. Os especialistas consideran decisivos a disposición e o recoñecemento dos delitos por parte do recluso, aínda que recoñecen que hai casos en que a rehabilitación resulta moi complicada.

.
Non é fácil recuperar un delincuente sexual antes de que pise de novo a rúa. É un proceso complexo, que pode prolongarse durante case dous anos e implica a descida aos infernos dos penados. Mais é posíbel. Sábeo por experiencia Josean Echauri, fundador de PSIMAE –Instituto de Psicoloxía Xurídica e Forense SLP–. A súa equipe é a responsábel de executar o programa de tratamento con agresores no Centro Prisional de Iruña. Terapias que, polo xeral, dan bos resultados. Segundo os datos manexados por Institucións Penitenciarias, apenas un 4,3% dos presos que atentaron contra a liberdade sexual e que se someten a estes programas voltan a cometer o mesmo tipo de delitos.
As rebaixas de penas ditadas ao abrigo da Lei de Garantía Integral da Liberdade Sexual, a popularmente coñecida como lei do só si é si, reavivaron os temores polo regreso á rúa de delincuentes sexuais. En concreto, as diminucións de condenas decretadas por algúns tribunais en aplicación da norma permitiron xa a liberación de aproximadamente trinta reos que cumprían castigo nos cárceres por este tipo de delitos. Liberdades que, nalgúns casos, foron acompañadas de alertas por alto risco de reincidencia. É o que ocorreu con Daniel P., que cometeu a súa primeira agresión sexual con catorce anos e que, desde entón, acumula máis dunha quincena no seu historial.
Unha reiteración delituosa que, contodo, non é excesivamente elevada neste tipo de reclusos. Ou, polo menos, non tanto como noutros. É o que decorre dun estudo recente que a Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias elaborou a partir dunha mostra de 19.909 persoas liberadas. Da análise dos datos decorre que, con carácter xeral, o 22% dos agresores sexuais que reincide na década posterior á súa saída de prisión o fai polo mesmo delito, o que significa que en case oito de cada dez casos conseguen desterrar este tipo de condutas. Unha cifra máis baixa que nos delitos contra os dereitos dos estranxeiros –27,27%–, contra a seguranza viaria –30,72%–, contra a saúde pública –42,48%– ou a violencia machista –41,6%–.
A posibilidade de rehabilitación, portanto, sempre está sobre a mesa. “Claro que é posíbel. De feito, é unha realidade en moitos casos”, apunta Echauri. Ora ben, e niso tratan de ser claros os especialistas consultados, non sempre se consegue. “Hai casos en que é moi difícil”, sostén Antonio Andrés Pueyo, catedrático de Psicoloxía da Universitat de Barcelona e director do Grupo de Estudos Avanzados en Violencia. No fin de contas, o grupo de delincuentes sexuais é “moi heteroxéneo”. E non é o mesmo un agresor “oportunista” que nun momento concreto e nun contexto determinado agride unha muller que aqueles con un instinto descontrolado ou que teñen este tipo de condutas integradas dentro do seu comportamento normal. “Estes últimos casos son os máis complexos”, di o psicólogo forense de Psimae.
Unha participación voluntaria
Na reinserción deste tipo de delincuentes poden xogar un papel moi importante os programas de tratamento de que dispoñen os distintos centros prisionais. A adhesión dos reos non se produce de forma automática. Cando alguén ingresa en prisión, o primeiro que se fai é estudar as súas características e necesidades até a Xunta de Tratamento determinar a súa clasificación de grao. A partir daí, os técnicos elaboran un programa individualizado de tratamento que pode ir variando a medida que cumpre condena. Porque nalgúns casos é necesario traballar desde diferentes ángulos. “Hai que buscar o momento oportuno para intervir nun sentido ou outro”, explican fontes de Institucións Penitenciarias.
Para os delitos contra a liberdade sexual, disponse dun programa de tratamento específico: o Programa de Control da Agresión Sexual (PCAS), que leva implantado desde finais dos noventa. É impartido por psicólogos sobre grupos que se reúnen tres horas á semana, aínda que é certo que tamén se utilizan sesións individuais se é necesario un reforzo sobre algúns reclusos. E a súa duración móvese entre un e dous anos. Un esquema parecido ao que segue Psimae. No seu caso, teñen un programa articulado en tres fases. Unha primeira de motivación, en que se avalía o estado de ánimo ou a personalidade do recluso. Unha segunda de grupo de traballo. E unha terceira de seguimento, que se tenta coincida no tempo coa concesión das primeiras licenzas de saída. “E tamén traballamos co mesmo tratamento no medio aberto, é dicir, fóra de prisión”, resalta Echauri
A participación neste tipo de programas é voluntaria e non implica ningún tipo de beneficio, aínda que é certo que son cuestións que teñen en conta nas súas análises as diferentes xuntas de tratamento. De feito, Institucións Penitenciarias e especiaistas consideran que esa voluntariedade é o que pode determinar o éxito do proceso. “Sempre axuda que haxa unha disposición forte. Ao final, o obxectivo é que alguén sexa capaz de autogobernarse”, trata de explicar Pueyo. É máis, o psicólogo de Psimae sinala que cando reciben unha instancia para o tratamento que eles executan no cárcere de Iruña o primeiro que avalían é, precisamente, a disponibilidade do recluso e o recoñecemento dos delitos cometidos.
Programas que fan caer a reincidencia ao 4%
E son eficaces estes tratamentos? “Unha parte importante dos que os fixeron non reinciden por estes mesmos delitos”, sostén o catedrático de Psicoloxía da Universitat de Barcelona. Hai diferentes estudos xa que apuntan nesta mesma dirección. Hai case unha década, unha análise realizada no Centro Prisional Brians 1, en Barcelona, concluíu que só un 6% dos reclusos que se someteron ao programa específico de intervención para agresores sexuais voltaban a cometer un delito deste tipo. Unha tendencia que coincide, máis ou menos, coa apreciada por Institucións Penitenciarias. Segundo os seus datos, apenas un 4,3% de quen realiza este tipo de tratamentos e os completa volta a atentar contra a liberdade sexual dunha persoa.
O Programa de Control da Agresión Sexual (PCAS) foi levado a cabo en 2021 en 40 penais. E participaron 457 internos, frente a unha poboación reclusa condenada por delitos contra a liberdade sexual que na altura ascendía a 3.746 persoas. Desde Institucións Penitenciarias, no entanto, insisten en que se trata dunha fotografía fixa, en que non se teñen en conta a aqueles reos que podían ter feito o programa con anterioridade. E tampouco consideran que o feito de que non se levase a cabo en todas as prisións poña de manifesto que o tratamento non chegue a toda a poboación reclusa condenada por este tipo de delitos. Neste sentido, explican que cada ano é aplicado nun ou outro centro segundo as necesidades que existan.
Os especialistas consideran que a baixa participación é debida a un factor duplo. Por unha banda, a falta de voluntariedade dos reos para participar nos programas, o que na práctica supón recoñecer que o que se fixo nin estaba xustificado nin entraba dentro da normalidade. E, por outro, a falta de recursos. “Non hai tantos lugares como reclusos condenados por estes delitos”, sostén Pueyo. “É importante facer un reforzo neste sentido. Nafarroa, por exemplo, tivo que externalizar o servizo en nós porque no cárcere de Iruña só hai unha psicóloga”, resalta Echauri.

