O 28 de abril, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza ditou sentenza en que desestima o recurso contencioso-administrativo interposto pola Central Unitaria de Traballadore/as (CUT) contra a resolución de 21 deste mes da Sub-Delegación do Goberno en Pontevedra que prohibía a celebración dunha manifestación, en forma de caravana de vehículos, o próximo 1º de maio. O TSXG mantén así a prohibición e impón ao sindicato o pagamento dos custos procesuais.
Tribunal Superior de Xustiza de Galiza
Evidentemente a celebración dunha manifestación, formando caravana a bordo de vehículos, conmemorativa do día 1º de maio como día da clase traballadora, non se encontra entre as actividades autorizadas no art. 7.2 do RD 463/2020, argumentan os maxistrados, “polo que a aplicación daquel preceito outorga título xuridico para a resolución ditada” (pola Sub-Delegación do Goberno en Pontevedra).
E, embora o pasado 25 de abril teña decorrido en Ourense unha manifestación similar a que pretende realizar o sindicato -caravana de camións escoltados, nese caso, por vehículos da Policía Municipal e o Corpo de Bombeiros da localidade-, os maxistrados recorren a contrapor “a necesidade de evitar a diseminación do virus e salvagardar o dereito á vida e integridade física do resto da cidadanía” frente ao exercicio do dereito de reunión e manifestación que, afirman, pasa a ser secundario. E acrecentan despois que as precaucións ofrecidas polo sindicato demandante non implican garantía suficiente, apesar de o exemplo da caravana de camións de Ourense, que decorreu coa anuencia das autoridades sen impedimento nin incidente algún, mostra todo o contrario.
Finalmente, os tres maxistrados afirman na súa resolución que “han ser impostos os custos ao recorrente, por teren sido recusadas todas as súas pretensións, e non se apreciar no caso serias dúvidas de feito ou de dereito”. Unha afirmación sorprendente por canto até agora non hai sentenzas no estado español que confirmen esa ausencia de dúvidas e, alén das fronteiras estatais si houbo xa resolucións, o Tribunal Constitucional de Alemaña, por exemplo, que mostraron explicitamente as súas reservas sobre esta cuestión.