O desafio tecnolóxico e ético das apps para axudar a combater a Covid-19 foi o obxecto dun dos debates do último plenario no Parlamento Europeo. Aínda que este debate non transcendeu moito en Catalunya, políticos e especialistas europeos levamos meses reflectindo sobre como compatibilizar que as apps sexan efectivas sen seren invasivas.

En tanto o coronavirus viraba do aveso as nosas rotinas e todos nos reformulábamos as nosas prioridades, o estado español aproveitou para apertarnos aínda máis co seu autoritarismo. Desde a confusión e a incompetencia propias dun estado errado, dinamitaron o pouco que restaba das administracións autonómicas. Lonxe de promover a solidariedade e a responsabilidade colectivas que hai que esperar nunha sociedade democrática, optaron polo menosprezo á cidadanía, os uniformes, a narrativa de guerra, e a represión policial -selectiva, iso si. Agora corremos o risco de que tamén aproveiten a pandemia para dotarse de ferramentas tecnolóxicas con que controlaren os cidadáns; a tentación é irresistíbel. De feito, a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do ministro Marlaska insinuou que rastrearía o GPS dos cidadáns para controlar que non trocasen de comunidade autónoma.

 

Políticos e especialistas europeos levamos meses reflectindo sobre como compatibilizar que as apps sexan efectivas sen seren invasivas

 

Por sorte, porén, o debate europeo sobre a tecnoloxía para combater a Covid-19 e axudar os departamentos de saúde pública, deixou as formulacións españolas nun canto e fóra do carril central europeo. Moitos eurodeputados, como Sophie in ‘t Veld ou eu mesma, xunto co MHP Puigdemont e o eurodeputado Toni Comín, enviamos cartas e preguntas parlamentares á Comisión Europea cuestionando as intencións autoritarias dalgúns gobernos europeos -algúns deles en mans de partidos progresistas, obreiros, e que todo o poden, tal como eles mesmos anunciaban á prensa. Nestas preguntas dirixidas á Comisión preguntamos se a UE promovería a tecnoloxía DP-3T. Esta tecnoloxía permite avisar o cidadán se estivo en contacto cun positivo de Covid-19 sen ter que rastrear ninguén.

Porque si, a tecnoloxía para axudar á saúde pública sen crear bases de datos centralizadas que controlen a cidadanía como en 1984 xa existe.  Transmítese mediante o Bluetooth dos móbeis dos usuarios que voluntariamente acepten informar se son portadores da Covid-19. Desta feita, o Bluetooth dun usuario san pode recibir a alerta cando entrou en contacto cun usuario positivo. A vantaxe desta tecnoloxía é que o historial de localizacións do cidadán non é relevante para facer o servizo que lle pedimos, que é simplesmente informar os usuarios se estiveron en contacto con alguén con Covid-19. Alén diso, non é preciso que esta información sexa armacenada nunha base de datos centralizada susceptíbel de ser utilizada para outras finalidades; é suficiente con que a información estea no teléfono do usuario, e que se envíe de maneira anónima (con códigos autoxerados e mutabeis) o cruzamento de Bluetooth, para facer o seguimento epidemiolóxico da doenza.

 

A tecnoloxía para axudar á saúde pública sen crear bases de datos centralizadas que controlen a cidadanía como en 1984 xa existe

 

Na Europa, parece que esta tese se imporá. Apple e Google adoptaron esta abordaxe a escala mundial e pactuaron por primeira vez unha app conxunta, que porán ao servizo dos sistemas sanitarios e que, din, non rastreará o cidadán en ningún momento: só apuntará anonimamente que números de Bluetooth estiveron perto doutros (e sempre voluntariamente). Evidentemente, será preciso vixiarmos mediante auditorías constantes que Apple e Google non viren a súa perspectiva sobre a app, e estarmos atentos aos desenvolvementos e usos futuros que estas compañías farán con ela.

É precisamente en épocas de catástrofes e de crises, en tempos de emerxencia nacional, cando as institucións e os líderes políticos demostran o respecto que lles merecen os dereitos fundamentais. Dá medo ver como analistas e opinadores que até hai catro días eran os máis antisistema agora aprésanse a defender calquera medida autoritaria do goberno de PSOE e Podemos. Os dereitos fundamentais, como o dereito á intimidade, non son un luxo que nos podamos permitir só en tempos de bonanza, algo que está ben reclamar para gañar votos desde a oposición. De feito, non son dereitos se apenas serven para enfeitar un estado autoritario cando non o cuestionamos, e nunca están cando ese estado é posto a proba.

Hai unha vía europea, e catalá, que permite que a tecnoloxía sexa efectiva e respectosa cos dereitos fundamentais: demostrámolo no Parlamento Europeo. Seguiremos atentos, denunciando calquera abuso, porque en tanto os cataláns non formos independentes, o Reino de España, sexa cal for o seu goberno, aproveitará calquera oportunidade como coarctada para socavar os nosos dereitos.

Clara PonsatíClara Ponsatí

El Nacional