No que vai de ano o Goberno español aprobou a adquisición ou modernización de seis Programas Especiais de Armamentos (PEA) pola importante cifra de 6.840 millóns. Foi o 29/06 cando o Consello de ministros aprobaba o inicio de tres novos PEA cun custo de 3.488 M€, os tres asignados á empresa Airbus Defence España. Tratábase da segunda fase de desenvolvemento do programa do futuro avión de combate europeo Sistema de Combate Aéreo (FCAS), en que xunto con España participan Francia e Alemaña por un montante de 2.500 M£; a adquisición de tres avións A330 multipropósito de reabastecimento no ar (MRTT) cun custo inicial de 810 M€; e de helicópteros H135, un programa conxunto co Ministerio de Interior, dun custo de 178 M. En posteriores consellos de ministros, o 14/10, encarregábase a Navantia a construción dun Buque de acción marítima BAM-IS por un montante de 166,46 M€; o 14/12, a construción de 20 novos avións de combate EF-2000 por un montante de 2.000 M€; e por último a pasada terza-feira 20/12 a modernización do helicóptero de combate Tigre por 1.185 M€.

 

Jorge Peteiro – Europa Press

 

 Pere Ortega

 

Uns PEA que iniciaron a súa andaina en 1996 coa chegada ao goberno de José María Aznar do Partido Popular, e que foron e son o elemento máis definitorio para explicar a tendencia armamentista do Estado español dos últimos 25 anos e, por súa vez, os causantes do importante aumento que sufriu o gasto militar neste país. Uns PEA que desde o seu nacemento até este ano 2021 atinxiron o número de 34 grandes programas que ultrapasaron a colosal cifra dos 50.00 millóns, boa parte dos cales están en fase de fabricación até 2035 e dos que aínda se deben ás industrias militares 31.490 millóns.

Son cifras arrepiantes que explican por que o orzamento do Ministerio de Defensa previsto para 2022 destina a investimentos en armamentos 4.581,5 millóns, un 16,2% máis que o ano anterior e que supón o 21,3% do total de investimentos (os investimentos reais máis os créditos en I+D) do Estado Central con excepción das transferencias de capital ás comunidades autónomas. Un considerábel aumento que induce a pensar que o Goberno do PSOE, co apoio ou silencio do seu socio Unidas Podemos, continúa apostando por investir na industria de armamentos como se este fose un sector chave para o desenvolvemento da economía e o benestar da poboación do país.

É, por esta razón, que hai que mostrarse moi críticos con estes investimentos en armamentos que permitirán, grazas ás axudas europeas, que recursos do Estado español sexan destinados a continuar con investimentos militares e que xogan como un factor determinante na militarización do Estado e da sociedade, pois se acaba aceptando a utilización da forza militar como o mellor sistema de proporcionar seguranza desestimando recursos de índole política. Unha militarización onde se conxugan os intereses dos accionistas e directivos das empresas militares porque extraen plusvalías, o da corporación militar que xustifica a súa existencia e o dos políticos ligados aos departamentos de defensa que mediante as súas influencias sobre os gobernos obteñen prebendas das empresas militares onde algúns deles acaban chegando (Eduardo Serra, Julián García Vargas, Pedro Morenés…). Unhas xentes que lanzan discursos mentirosos sobre as bondades da industria militar que crea postos de traballo, axuda ao desenvolvemento tecnolóxico do país através da I+D+i e fortalece o crecemento e enriquecemento da economía. Cuestións que foron analisadas e expostas por analistas da economía crítica que sinalan que os investimentos na industria militar destinadas á economía produtiva civil xerarían máis emprego, entre outros o do premio Nobel, Wassily Leontief, que afirmaba que todo o conglomerado económico militar dos Estados Unidos necesitaba até tres veces máis recursos para desenvolverse que no ámbito civil. Algo que se pode facer extensíbel á I+D militar, cando existe a experiencia de que a Alemaña e o Xapón despois da Segunda Guerra Mundial foron impedidos de ter exército e industria militar e toda a investigación foi desviadas á produción na industrial civil e conseguiron un enorme desenvolvemento económico poucos anos despois dunha guerra que devastara os seus países.

Ante a imperiosa necesidade de dar resposta ás incertezas en saúde, vivenda, emprego, educación e coberturas sociais dunha grande parte da poboación española, que viu como as crises financeiras de 2008 e despois a posterior producida pola pandemia da Covid-19, á que se debe engadir a crise climática que xa mostra os seus efectos en España, é necesario mobilizar cuantiosos recursos públicos para abordar as mudanzas profundas que o noso país necesita, para que a poboación poida cubrir as súas necesidades máis perentorias e non son as de adquirir novos armamentos.

Público