Máis unha vez, todo ficou en nada. Case tres anos despois de producirse a detención de quince persoas no cadro da Operación Piñata (marzo de 2015), o Xulgado Central de Instrución n.º 6 da Audiencia Nacional arquiva a causa, como pedían as defensas das persoas investigadas e a propia Fiscalía. Desta feita, a Operación Piñata acaba no arquivo como acabaron antes as outras dúas grandes causas contra o chamado ‘terrorismo anarquisa’: a Operacións Pandora e Pandora II.

 

Operación Piñata en Vallecas                                          Detencións en Vallecas (Madrid) no cadro da Operación Piñata (ano 2015)

 

No total foron 33 detencións, con entradas e revistas en locais e domicilios particulares de Palencia a Granada. Despois de máis de tres anos de instrución en que foron analisados centos de documentos,revisadas horas e horas de intervencións telefónicas, en que foron bloqueadas contas bancarias solidarias e en que, peor ainda, algunhas persoas padeceron meses de cárcere espalladas por distintos penais do estado español, finalmente a propia fiscalía da Audiencia Nacional considera que non existen elementos suficientes para poder levar a xuízo ningunha delas. Parece que a contundencia dos informes policiais nunca foi acompañada de indicios ou probas obxectivas.

Cinco das doce persoas que ingresaron en prisión preventiva durante uns meses fixérono como consecuencia da Operación Piñata. O auto de prisión fixo referencia no seu día á produción de sabotaxes, á tenza de explosivos e mesmo a ‘posibeus ilícitos penais relacionados co tráfico de substancias estupefacientes ou psicotrópicas’.

A pesar diso, na causa en ningún momento esas persoas aparecen vinculadas con acto violento algún, alén dunha explosión no interior da Basílica do Pilar. Con todo, a Sala do Penal da Audiencia Nacional, en sentenza ratificada posteriormente polo Supremo, concluíu que esa acción fora levada a cabo por dous individuos de nacionalidade chilena que actuarían de maneira individual, sen coordinación algunha coas persoas detidas nas operacións Pandora, Pandora II e Piñata. Quer dicir, estas 33 persoas terían sido detidas por suposta comisión dun delito de pertenza a unha suposta organización terrorista que non tería cometido ningún tipo de atentado, senón que se limitou a distribuír propaganda anarquista e a publicar textos ou editar libros como o ensaio titulado Contra a Democracia.

Aliás na propia sentenza en que eran absolvidos os dous chilenos do delito de integración en organización terrorista, sinalábase en referencia á suposta organización terrorista que realmente ‘estabamos ante unha organización a nivel mundial carente de ‘organización’ (sic), sen estrutura, sen mando, polo que non estamos ante unha organización criminal, nin ante grupos criminais aos que se refire o noso Código Penal’. E chegábase a afirmar que ‘unha organización de estrutura horizontal non é organización’ (sic).

Evidentemente, falar de terrorismo sen violencia é unha extensión inaceptábel do concepto, que vacía de contido outros tipos penais e non cuantifica, no seu xusto termo, a auténtica entidade das infraccións que se din cometidas, nin as tipifica adecuadamente. Por iso, foi un alivio, aínda que non unha sorpresa, que en xuño de 2016 a Audiencia Nacional arquivase a causa pola Operación Pandora II e en maio de 2017 fixésese o mesmo coa primeira das Pandoras.

Os autos de arquivo destas operacións criticaron no seu día que as persoas anarquistas tivesen sido detidas sen ‘indicios racionais da comisión dunha acción delituosa’, nin a ‘comisión de accións terroristas de ningún tipo, non constando eses supostos ataques indiscriminados nin se produciu unha situación de grave alteración’. Ambos os autos concluíron que ‘a escasa intensidade dos feitos atribuídos pola Policía impide falar da existencia dunha organización terrorista xa que non existe un grupo coordinado, hierarquizado e estruturado; nin as accións que lles son atribuídas teñen finalidade terrorista, senón que, normalmente, adoitan responder a protestas concretas’ e que ‘as súas actividades eran absolutamente legais e non tiñan nada que ocultar, como o demostra o feito de coñeceren que eran obxecto de investigación policial’.

Ademais do paso por prisión de cinco persoas, a Operación Piñata tivo outras consecuencias negativas para algunhas das persoas investigadas, como a publicación dos seus nomes e apelidos nosmedia, vinculados a actividades terroristas, o que evidentemente a longo prazo tivo consecuencias nas súas vidas persoais.

Decorreron máis de tres anos desde que Ignacio Cosidó, na altura director da Policía Nacional, anunciou que ‘o terrorismo anarquista se implantou en España’, sen que tal afirmación achase finalmente acollida nos tribunais.

O punto final xudicial á Operación Piñata supón o fin da ofensiva máis virulenta que sufriu o anarquismo ibérico probabelmente desde o ‘caso Scala’ (1978). Sen esquecer, iso si, que aínda continúa en instrución outra operación, denominada ICE, levada a cabo contra o movemento anarco-vegano Straight edge mais que polas súas características e distinto fío condutor temos de a situar fora do cadro das operacións aquí comentadas.

Con todo, a existencia do proceso xudicial resultou ser, máis unha vez, a condena. Con independencia de que se consiga, ou non, levar a xuízo as persoas procesadas neste tipo de procedementos, o que si se logra sempre é desmantelar centros sociais, xerar inquietude e desconfianza entre militantes, desarborar redes de apoio e criminalizar unha ideoloxía que, pola súa propia esencia, está en contra do Estado como institución, e precisamente por iso sempre, como dicía Shlomo Vlascov, vai ser un comodín que vai encaixar para o sistema no caso de este querer achar culpabeis de algo, e é posibel que volva necesitalo máis cedo que tarde.

Por sorte, as investigadas estiveron acompañadas durante todo isto tempo por persoas que axudaron a seguir avante. E agora é a vez de escoitar estas persoas. Hoxe, a conta de Twitter da campaña Colze a Colze anunciou que nuns días publicarán un comunicado coas súas valoracións. Estaremos atentos á súa web.

Fonte: El Salto