A emerxencia sanitaria está a orixinar abusos policiais en varios puntos do país. O goberno reaccionou con forza e coordenou coas provincias. A visión dos especialistas.

A entrada en vigor do DNU 297/2020 que estableceu o Isolamento Social, Preventivo e Obrigatorio para frear o avance do coronavirus deu lugar á intercepción e detención de numerosas persoas que imcumpriron a normativa. A medida que os arrestos comezaron a crecer de maneira exponencial, as redes sociais reflectiron casos de violencia institucional ocorridos por todo o país por parte de membros de distintas forzas policiais, cuxas principais vítimas son integrantes dos sectores máis vulnerabeis da sociedade. O Ministerio de Seguranza da Nación pasou a disponibilidade aos efectivos sob a súa órbita involucrados en feitos dese tipo e exhortou os seus pares provinciais a daren unha resposta categórica aos abusos policiais.

 

Abuso policial en Avellaneda coa escusa de facer respectar o isolamento | Uniformados aplican a Doutrina Chocobar

Segundo datos oficiais, desde o 21 ao 30 de marzo as forzas de seguranza interceptaron 544.153 persoas que foron liberadas despois de se lles notificar que ficaban sometidas a unha causa penal. Outras14.849 permanecen detidas. As organizacións de dereitos humanos reciben diariamente unha infinidade de testemuños acompañados de vídeos sobre abusos das forzas federais e provinciais contra persoas de bairros populares.

Algunhas imaxes mostran efectivos disparando balas de goma e balas de chumbo contra os veciños, espancando persoas sen abrigo, perseguindo mozas en moto, obrigando os detidos a ‘danzar’ en plena vía pública, ameazando con bater e matar os que non cumpren coas normas, e mesmo inventando toques de recoller inexistentes para que a xente fique na casa.

A resposta do Goberno
A ministra de Seguranza da Nación, Sabina Frederic, presidiu na pasada cuarta-feira a Reunión Extraordinaria do Consello de Seguranza Interior coas autoridades de todas as carteiras do país. Alí transmitiu a súa preocupación polos casos de abusos policiais e explicou que foron pasados a disponibilidade os que tiveron un comportamento fóra da lei. “O presidente expúxoo o domingo: aínda que estamos nunha situación excepcional, isto non debe dar lugar a atropelos das forzas”, explicou Frederic e sinalou a necesidade de instruír a policía para que teña coidado de non lesionar dereitos e garantías constitucionais.

Fontes do Ministerio de Seguranza afirman que se ‘actuou rapidamente’ nos primeiros casos que recibiron e resaltan que ‘de ningunha maneira vai ser tolerado ningún abuso de parte das forzas’. Entre os casos que mencionan, inclúese a suspensión de catro xendarmes que emitiron un audio do filme ‘A Purga’ cando patrullaban polas rúas da Matanza, en lugar de comunicaren as medidas preventivas polo Covid-19. Tamén foron expulsados outros tres xendarmes que obrigaron un grupo de mozos a realizar exercicios físicos similares ao servizo militar obrigatorio en Isidro Casanova, da mesma localidade bonaerense.

No entanto, compre esclarecer que a carteira dirixida por Frederic non ten capacidade para sancionar as forzas das provincias que teñan incorrido en feitos de violencia institucional. É o caso dun axente da policía de Córdoba que disparou unha bala de chumbo por detrás a un adolescente que fuxía despois de ser detido por violar a cuarentena. Segundo o diario La Voz, o mozo está ben, en tanto o efectivo policial foi posto en situación pasiva por orde do Tribunal de Conduta Policial da provincia que lle secuestrou a arma regulamentar e abriu un sumario.

O Ministerio de Seguranza habilitou a liña aberta 134 para dar conta de calquera feito de violencia institucional. A provincia de Buenos Aires, pola súa banda, conta coa liña gratuíta 0800-999-8358 da Auditoría Xeral de Asuntos Internos onde tamén se reciben este tipo de denuncias.

Un problema de longa data
Desde a volta da democracia en 1983 até fin do goberno de Cambiemos en 2019, 7093 persoas foron asasinadas polo aparello represivo do Estado, segundo rexistra a Coordinadora contra a Represión Policial e Institucional (Correpi). O saldo máis criminal foi durante o mandato de Mauricio Macri. Aínda que todos estas mortes se orixinaron en casos de violencia institucional, a organización non utiliza este termo porque entende que, entre outras cousas, dilúe as responsabilidades políticas.

“Así que foi anunciado o operativo das forzas de seguranza, a partir da sanción do decreto 297/2020, dixemos que isto ía ocorrer”, resalta María del Carmen Verdú, titular da Correpi. Explica que as forzas actúan desta maneira na cotidianeidade, mais que se exacerban cando lles son outorgadas facultades extraordinarias no cadro dunha situación de excepción como a actual emerxencia sanitaria.

Matías Busso, Presidente de Asociación contra a Violencia Institucional, advirte: “O máis preocupante é que isto é avalado por grande parte da poboación e son os mesmos veciños os que denuncian. Ese distanciamento, que parece sanitario, xa se está levando a un distanciamento social, de falta de empatía co outro”. Aínda que a consigna ‘fica na casa’ é dirixida a todos, o especialista lembra que hai xente que non pode isolarse, como as persoas sen abrigo e os traballadores da economía popular.

Seguindo esta liña, todos os especialistas coinciden en que nesta situación de excepción sae á tona o carácter de clase que sempre tiveron os uniformados á hora de seleccionar, deter e tratar unha persoa que incumpre unha norma. As persoas que dependen de saír á rúa para soster a súa economía sempre foron o albo da policía para cometer abusos. “A un dos directivos de Vicentín pedíronlle por favor que baixase do iate e despois do Mercedes Benz, e non está preso. Calquera rapaz de bairro que é parado por segunda vez tórnase reincidente e fica dentro”, apunta Verdú.

Manuel Tufró, director da área de Xustiza e Seguranza do Centro de Estudos Legais e Sociais, expón que “temos que evitar caer na falsa dicotomía de que se deixa á policía  facer o que quere ou que non lle é posíbel facer nada porque ten as mans atadas. A policía ten que poder facer os operativos necesarios para que se cumpra a cuarentena sen caer nos abusos de autoridade”. Do mesmo xeito que Trufó, Busso cre que o goberno nacional está a facer un esforzo para que os abusos policiais non fiquen impunes nin se marxinalicen, aínda que adianta que van continuar ocorrendo a medida que avance a cuarentena.

Debido a isto, Busso propón que en lugar de endurecer os controis da policía, debería irse a un proceso que os vaia alivianando cunha atención sanitaria paralela. Esta flexibilidade no control debería estar contemplada para os sectores de baixos recursos que teñen múltiplas dificultades para cumprir a cuarentena obrigatoria. “Unha cousa é unha persoa de clase media que ten acceso a Internet e pode tramitar a autorización de circulación como debe ser. Mais outra moi diferente é unha persoa que está afeita á irregularidade e ten que deslocarse para coidar un adulto maior”, precisa o especialista.

Tufró rescata que o Ministerio de Seguranza da Nación emitise unha serie de recomendacións para as forzas federais co obxectivo de que fagan cumprir o Decreto 297/2020. No entanto, sinala que estas deberían ser retomadas polas autoridades das provincias para que poidan alcanzar ás forzas policiais de todo o país. “A situación máis complicada dáse coas forzas provinciais e non vexo que os gobernos das diferentes provincias actúen cunha ollada integral sobre a problemática”, acrecenta o especialista.

Por último, Tufró suxire que os organismos de control interno dos distintos ministerios ou secretarías de seguranza axilicen os canais para recibir denuncias e informar das investigacións internas que se inician. En calquera caso, aclara: “Os problemas estruturais que arrastran desde hai anos algunhas forzas policiais non van resolverse neste contexto, senón que hai que pensar en políticas de máis longo prazo”.

Página 12