Segundo o relato de testemuñas, dous coches patrullas da policía terían encurralado o vehículo en que viajaban tres adolescentes de entre 13 e 14 anos e outro de 20 (o condutor). A captura dunha cámara de seguranza mostra a silueta dun policía, coa arma desenfundada, asomándose pola xanela do furgón policial. A familia afirma que o axente disparou e o condutor do automóvel o control, o que provocou o choque frontal cun camión e a morte dos tres adolescentes.

 

 

 

Había pasar nalgún momento. E vai continuar pasando até que se entenda. Que o repitan e que o berren. Hai dereitos para todos ou non hai dereitos para ninguén. O masacre dos mozos en San Miguel do Monte e o incendio de dúas persoas sen abrigo representan a cara máis atroz da sociedade que crea o gatillo fácil e o discurso do egoísmo individualista que promoven o goberno e os medios e xornalistas que o apoian.

É un discurso que botou raíces con este goberno e non hai nin unha única estatística que demostre que o delito se reducise nos máis de tres anos que levan aplicándoo. Ben ao contrario, durante a xestión de María Eugenia Vidal na provincia de Buenos Aires, houbo dous masacres de presos en comisarías con 17 mortos e multiplicouse o número de vítimas da violencia policial, alén das que produce a delincuencia común.

Nin sequera poden exhibir índices inventados porque son temas moi visibeis para o cidadán común. Calquera número que tente suxerir que diminuíu o delito sería contrarrestado por unha realidade agravada por unha policía brava e unha crise económica que arrastra ao desespero.

A indignación sublévase polas circunstancias en que se produciron as mortes dos mozos en San Miguel del Monte e polas idades da maioría deles, de 13 e 14 anos. E tamén pola forma en que o goberno tratou de presentar os feitos, que nunca terían saído á luz se o pobo non se tiverse movilizado e non tivesen aparecido balas no corpo dunha das vítimas.

Dise tamén que o raparigo que conducía fora extorsionado por estes policías. A extorsión -aínda unha versión- evita que se diga que os policías confundiron os mozos con delincuentes e que por esa razón comezaron a disparar a matar, como aconteceu noutros casos. Está o vídeo exasperante que mostra o oficial asomado á xanela do móbil para facer puntaría. Non disparaba ao aire.

Se alguén pensa que só é motivo de indignación porque as vítimas eran menores inocentes de calquera delito ou porque os policías estaban a cometer un delito, entón estes masacres van seguir pasando. A indignación tería que ser a mesma se se trata de delincuentes que nunca dispararon ou se os policías se confundiron.

Porque se foi unha confusión, tería sido correcto disparar a eito crendo que eran delincuentes? A ministra de Seguranza da Nación, Patricia Bullrich, saíu a esclarecer que non era o mesmo caso que o do policía Chocobar que rematou no chan un delincuente ferido.

O discurso que promoveu este goberno ao redor dese incidente provocou estoutro. Ou polo menos foi un factor decisivo. A mensaxe cara ás forzas de seguranza foi que as autoridades ían encubrir calquera exceso no cumprimento do deber. Noutras situacións, podían verse como excesos ou excepcións, mais con esa mensaxe, pasaron a formar parte da política oficial. E o goberno provincial e nacional son aínda máis responsabeis.

Cada vez que pode, María Eugenia Vidal responsabiliza os gobernos anteriores. En parte ten razón, porque se trata dun problema que continúa sen ser resolvido. Mais a que está á fronte do goberno agora é ela e o único que fai é falar dos gobernos anteriores en tanto a situación empeora. É a responsábel dos efectivos que cometeron os crimes e até agora tentou non dar a cara, non falar aos bonaerenses ou ás familias dos mozos asasinados.

Cando foi detido o ex vicepresidente Amado Boudou mostroullo á prensa descalzo, en pixama e alxemado como se fose un asasino en serie. A fotografía divulgada dos primeiros policías detidos móstrao de costas, coas mans atrás, sen alxemas, coa marca dos celulares nos petos e sen as carapuchas regulamentares.

Mais tampouco se trata de máis ou de menos castigos aos policías ou aos delincuentes, senón de entender que tamén sería incorrecto atacar a eito o vello Fiat se levaba delincuentes no seu interior. Non existe liña divisoria entre: ‘cos larápios está ben e cos rapaces non’. A liña divisoria real, como o demostra este horríbel masacre, é dereitos e garantías para todos ou para ningún. E o país que está a formar Cambiemos con ese discurso violento é: dereitos e garantías para ninguén.

Na persecución interviron tres patrullas policiais. Parece demasiada mobilización se se crese a versión de que se trataba dun presionar un mozo de 20 anos recentemente chegado de Misiones. Esa versión sitúa os policías nun accionar delituoso e non como un abuso do gatillo fácil a partir dunha confusión.

A gobernadora Vidal non compareceu apesar de ser a xefa política da bonaerense, a que define os eixos do seu accionar. A que monopolizó o tema foi a ministra Bullrich que aproveitou esa versión para separar este masacre doutros crimes institucionais, como os de Santiago Maldonado, Rafael Nahuel e Luciano Arruga.

Dixo que todos eles foron ‘unha construción política’ para acusar as forzas de seguranza, mais que os policías de San Miguel del Monte ao contrario, eran delincuentes, segundo a versión de que extorsionaban o mozo que conducía o vello Fiat. O paradoxo é que, mesmo apoiándose nesta versión, o asunto aseméllase moito ao crime de Luciano Arruga, cuxa familia sempre afirmou que a policía quería obrigalo a roubar para eles.

En forma case simultánea ao horror que se estendía na sociedade a medida que ían sendo coñecidos os detalles do masacre de San Miguel del Monte, un energúmeno subiu ás redes un vídeo onde outra persoa filmaba a súa acción en canto derramaba gasolina e prendía lume a dúas persoas sen abrigo que durmían baixo unha ponte.

Non pode ficar nas páxinas policiais. Hai un transfondo de valores e principios que son divulgados e amplificados polo goberno e os medios e xornalistas oficialistas, que adoitan referirse a traballadores e desocupados como ‘negros de merda’ ou a os equiparar coa delincuencia cando cortan unha rúa ou instalan un acampamento.

A comunicación de Cambiemos busca saturar con ideas como que os pobres merecen selo por non se esforzaren por saír da pobreza, ou que as persoas que perderon o traballo son preguizosos e parasitas dos que traballan.

O avogado Alejandro Fargossi, que foi representante do PROL no Consello da Magistratura, chegou mesmo a dicir que as persoas sen abrigo estaban pagadas polo kirchnerismo. Dixo que tiña probas, mais nunca as mostrou nin fixo a denuncia, limitouse a divulgalo nas redes. Non lle importou o contido violento e despreciativo das súas acusacións contra esas persoas que non poden defenderse, que están nunha situación de extrema vulnerabilidade fronte á sociedade.

Son valores mesquiños e violentos que despois se escoitan en comentarios dun veciño na verdulería, ou na sobremesa con compañeiros de traballo ou na ignorancia dun taxista ou unha xubilada que non chegan a comprender a dimensión do dano que producen e se producen. De repente hai unha parte da sociedade que se asaña co indefenso, co vulnerábel, en lugar de sensibilizarse e reaccionar dunha forma solidaria.

O tipo fíxose filmar cando prendía lume aos indixentes e subiu o vídeo brutal nas redes porque se sente apoiado por esa parte da sociedade que non chega a decatarse de que ese comentario estendido é cómplice e causa do ataque incendiario. Unha parte da sociedade neste país despexa a súa rabia contra os indefensos e vulnerabeis e non pode reaxir contra o sistema que os encurrala tanto a eles como aos agredidos.

É o tipo de reacción que buscan o oficialismo e os seus aparellos de difusión e propaganda.sementando estes contidos na sociedade. Quen os elabora e divulga son os únicos que se favorecen neste modelo de país con grande desigualdade e concentración da riqueza. É incribel, mais os ricos logran facer crer a grande parte da sociedade que os pobres son a causa das inxustizas e non a súa consecuencia.

Hai dous planos para a vida nese modelo de país. Un para os ricos. E para os demais unha selva con gatillo fácil e guerra entre pobres.

Luís Bruschtein

Página 12