“Para ser atendido en gallego, llame más tarde”; “Le paso con alguien que pueda atender su solicitud”, ao tempo que colgan o teléfono. “Pero vamos a ver, ¿usted no entiende el castellano?”.  Son algunhas das queixas sobre o trato na administración pública tramitadas na Liña do galego da Mesa pola Normalización Lingüística e que demostran que aínda estamos lonxe de ter una situación de normalidade para o galego.

 

Delegación da Xunta en Lugo.                                                                                             Delegación da Xunta en Lugo

 

“A administración autonómica ten funcións e competencias para garantir estes dereitos e non só abdica da súa responsabilidade, senón que é a primeira en incumprir as súas propias normas en relación ao galego”, denuncian neste informe, presentado recentemente.

Das perto de 300 queixas tramitadas por este servizo, 56% corresponden á administración de institucións públicas. Delas, case a metade caen no saco da administración autonómica (47%), mentres que 31% corresponden a administración local e 22%, a estatal.

E, dentro desas case 300 queixas, cal é o principal obxecto de denuncia? Pois en 38% a discriminación e exclusión lingüística. “Cun compromiso claro da Xunta de Galiza a situación sería diferente como mostran a cantidade de servizos que teñen e ofertan atención e información en castelán, catalán e euskera, desprezando a existencia da lingua galega. Sobra explicar que a sensibilidade dos gobernos vasco e catalán cara ás súas linguas é diferente á do galego e como iso se traslada á actividade empresarial”, indícase no informe.

A Mesa denuncia que as escasas disposicións que amparan o galego non se cumpren “e vulnéranse con total impunidade”, o que contrasta, afirman, “co cumprimento rigoroso das 500 disposicións que obrigan ao uso do español, nalgún caso mesmo contra outras linguas oficiais”.

Fonte: Sermos Galiza