Volunteers undergo weapons’ training outside Lviv, Ukraine.

 

As armas enviadas á Ucraína despois da invasión rusa en febreiro acabarán na economía subterránea global e en mans de criminosos, afirmou o xefe da Interpol.

Jürgen Stock afirma que unha vez acabado o confito, unha vaga de fusis e armamento pesado vai inundar o mercado internacional e urxe os estados membros da Interpol, nomeadamente aqueles que están fornecendo armas á Ucraína, a cooperar no seguimento destas armas.

“Unha vez calen as armas, comezará o mercado ilegal. Sabemos como funciona isto polo que aconteceu en numerosos conflitos. Os criminosos xa están atentos agora mesmo a situación deste armamento”, explicou Stock.

“As bandas criminosas tratan de aproveitar estas situacións de caos e a disponibilidade de armas, incluídas as utilizadas por militares e o armamento pesado. Estarán disponibeis no mercado ilegal e suporán un serio desafío. Ningún país nin rexión pode facer frente ao problema sen axuda internacional porque estes grupos operan no ámbito global”.

E acrecenta: “Temos que prever que haberá un fluxo de armas a Europa e a outras zonas. Teríamos que preocuparnos e estar preparados para a chegada destas armas non só aos países europeos, tamén a outros continentes”.

Neste sentido, urxe os estados membros a utilizaren as súas bases de datos para axudar a “rastrear e trazar o itinerario” das armas. “Estamos en contacto cos estados membros para animalos a usar estas ferramentas. As organizacións criminais están interesadas en todo tipo de armas… nomeadamente naquelas que podan ser transportadas facilmente para ser utilizadas con propósitos delituosos”..

Os aliados occidentais da Ucraína enviaron cargamentos de armas de alta calidade. Na pasada terza-feira, o presidente americano, Joe Biden, anunciou que enviaría sistemas de miseis avanzados e munición a Kiiv. Após a saída de Afganistán en 2021, despois de 20 anos de guerra, os EUA deixaron atrás de si montes de equipamentos militares, en moitos casos moi sofisticados, que caeron en man dos Talibán.

Stock, o secretario xeral da organización internacional da policía, en declaracións a Anglo-American Press Association de Paris, afirmou que o conflito na Ucraína levou a que se producisen roubos a grande escala de fertilizantes e a un aumento no mercado de falsos agroquímicos. Tamén aumentaron os roubos de combustíbel. “Estes produtos son agora moi valiosos”, afirmou.

A preguntas dos xornalistas sobre posíbeis violacións das sancións e lavaxe de diñeiro dos oligarcas rusos para esquivar as restricións impostas, afirmou que a Interpol non investiga estes nin outros supostos crimes de guerra, xa que a constitución da Interpol prohibe á organización envolverse en actividades políticas e obrígaa a permanecer neutral.

No entanto, acrecentou que a organización recibira un pedido de axuda da Ucraína para colaborar na identificación dos que morrren no conflito. “Non estamos na Ucraína, mais niso podemos axudar. Trátase dun traballo clásico de identificación”, explicou Stock.

Outros pedidos terán que ser examinados pola Interpol “caso a caso”, tendo en conta a “estrita neutralidade” da organización, engadiu. “Os nosos canais de comunicación están abertos (aos estados membro) para troca de información sobre crimes de guerra. Mais non investigamos crimes de guerra. A Interpol non ten competencia en investigación”.