O Concello de Santiago aprobou multiplicar por cinco o número de cámaras de videovixilancia no centro antigo. En principio, o proxecto pretende mellorar o tráfico da cidade, mais algunhas partes da súa letra pequena levantan suspicacias. “Hai un choque con dereitos fundamentais, como a intimidade e a libre circulación”, sosteñen dende Compostela Aberta.

 

Cámara de seguridade

Cámara de seguridade | Fonte: Pexels – cottombro

 

 

Sen dúbida era fan do rock clásico a persoa que, na noite do 6 de agosto de 2018, decidiu pintar unha das figuras da fachada de Praterías, na Catedral de Santiago, co logo dos Kiss. O autor da “barrabasada” –palabras do concelleiro de Cultura, Román Rodríguez– continúa impune, mais o acto tivo consecuencias. A primeira foi o enfado dos composteláns. A segunda, o regreso á actualidade dun vello debate na cidade: as cámaras de vixilancia. Máis de dous anos despois, o son do rotulador anónimo contra a pedra románica da Catedral ainda se fai sentir na cidade. En particular no Concello, que no pasado mes de febreiro anunciou un plano para multiplicar por cinco–ou máis– o número de cámaras do centro antigo da cidade. E iso non é todo, porque este novo circuíto de ollos metálicos –a diferenza do actual–, poderá gravar imaxes, “caracterizar” persoas para “trazar” os seus percorridos e mesmo diferenciar veciños de peregrinos grazas a un sistema de intelixencia artificial.

A instalación das cámaras —xa adxudicada e en curso— é unha iniciativa do goberno municipal do PSOE . O actual alcalde de Santiago é un veterano loitador a favor da videovixilancia na cidade. As dez cámaras que hoxe espreitan a zona antiga da urbe datan da súa primeira etapa á frente do consistorio, entre 1998 e 2011. Xa nesa altura, o socialista natural de Teixeiro tivo que loitar contra a oposición dunha pequena plataforma, o Movemento polos Dereitos Civís, que chegou a conseguir que a xustiza tombara o circuíto de vixilancia; se ben o Concello recorreu con éxito e as cámaras ficaron.

“TRAZAR” O PERCORRIDO DAS PERSOAS

En realidade, o proxecto do Concello dá pé a contar con máis de 43 cámaras

Desta volta, o plano de Bugallo pasa por instalar un mínimo de 43 dispositivos por toda a zona vella da cidade. Destes, 38 estarían localizados na améndoa histórica; mais poderían ser máis. O obxectivo do circuíto, que virá acompañado dunha tecnoloxía de intelixencia artificial, pasaría por mellorar a xestión do tráfico na cidade, segundo o Concello. Mais o potencial de control desta nova tecnoloxía xera dúbidas en políticos e plataformas.

Segundo destacan desde o consistorio, as cámaras licitadas no pasado febreiro permitirán identificar os vehículos habituais do centro antigo para aprender as súas rotas e propor, por exemplo, melloras nos seus itinerarios. Ou iso farán unhas 31, porque as outras 12 van centrarse en controlar o tráfico das persoas, e é aí onde comezan a xurdir as suspicacias.

De acordo cos escritos do Concello, este sistema de intelixencia artificial é capaz de identificar vehículos grazas á matrícula, cor ou marca; todo co obxectivo de “predicir aglomeracións” ou “axudar na entrega de mercadorías”. O ollo non é menos agudo coas persoas, xa que –segundo a proposta– as 12 cámaras restantes poderán diferenciar peregrinos de veciños ou mesmo lograr a “caracterización de peóns e trazabilidade dos mesmos”; é dicir, documentar os seus percorridos ao longo da zona antiga despois de os identificar pola roupa ou outros trazos.

“PERDEMOS O DEREITO Á INTIMIDADE”

Por outro lado, o alcance potencial do sistema podería ir alén das 43 cámaras anunciadas polo Concello. O prego de adxudicación fala de puntos a controlar –eses 43–, mais non de cantos ollos serán precisos para vixiar cada un destes lugares. No propio documento contemplan a posibilidade de a cifra acabar sendo maior, sen especificar límite. O Comité Antifascista de Compostela acaba de protestar contra a medida pegando cartaces nas rúas da zona histórica; un recurso que, segundo eles mesmos recoñecen, poderían ter os días contados a raíz do movemento do administración socialista. Rebeca Castiñeiras, integrante do Comité, expresa o “rexeitamento total” da plataforma ás cámaras; que, segundo destacan, derivarán nunha “perda absoluta do dereito á intimidade”. “Perdemos o dereito a camiñar pola cidade sen sermos controladas e vixiadas”, subliña.

A grande voz crítica contra o proxecto de Bugallo vén de Compostela Aberta, agora na oposición aos socialistas con cinco escanos. Foi precisamente durante o goberno de Compostela Aberta que o Concello conseguiu a subvención europea coa que hoxe o consistorio procede á instalacións das cámaras, incluídas nun proxecto cun custo de 2.146.000€.

GRAVACIÓN DE IMAXES

 

As cámaras do proxecto poden gravar e almacenar as imaxes durante un mes

 

Xan Duro, que na altura lideraba a carteira de Mobilidade, considera que o actual consistorio “desvirtúa” o proxecto Smartiago, polo que a UE achegou máis de 5 millóns de euros ao Concello. “O goberno do PSOE tirou esa  da cartola que o proxecto de innovación acabe convertido en 43 cámaras máis de vixiancia”, valora. O ex-edil ve inxustificada a medida, á par que incide na suposta colisión con dereitos fundamentais: “non é cuestión do que teñamos que agochar, senón de como son usadas as cámaras”, e pon de exemplo o polémico caso da romaría da Maruxaina, en San Cibrán, na que varias mulleres foron gravadas ouriñando para logo colgar as metraxes en webs porno.

Neste momento só hai dez cámaras con gravación de imaxe en Santiago, as dez situadas no túnel subterráneo do hórreo. O circuíto planificado polo Concello estaría dedicado, en principio, á retransmisión en directo do captado; mais na páxina 16 do prego contémplase a posibilidade de gravar e conservar escenas cando o sistema de IA detecte un “evento”; iso si, sempre que difumine as persoas detectadas. Os vídeos, segundo o mesmo documento, poderán permanecer almacenados até 30 días antes de seren apagados “automaticamente”. Nese período, os “usuarios” do sistema poderán acceder ás imaxes; e os usuarios, segundo o que se decorre do que se afirma na páxina 25, non son outros que os xestores municipais. 

“É POLA NOSA SEGURANZA”

Na propia zona vella, o anuncio das cámaras recíbese con resignación ou apoio expreso. Este último é o caso de José Manuel Bello Rey, presidente da asociación de comerciantes Compostela Monumental; que xa nas primeiras etapas da polémica –“hai 15 anos”– era favorábel á implantación. Bello Rey non ve intromisión de dereitos: “para nada. Cremos que é pola nosa seguranza, e canta máis seguranza mellor”, explica.

A melodía é un pouco máis cauta no caso de Roberto Almuíña, presidente da Asociación de Veciños de Fonseca, que congrega habitantes do centro histórico. “A xestión do tráfico vai por aí nas cidades máis avanzadas”, subliña, antes de precisar que a abordaxe da mobilidade require dun confronto máis completo, cunha renovación do vetusto plano para evitar aglomeracións e outros problemas habituais nas rúas empedradas. Sobre os dereitos, incide: “o tema está en como é xestionada esa información”.

CONTROLAR O VANDALISMO

Ese viría sendo o temor das voces máis decididamente críticas co proxecto. Galicia Confidencial non conseguiu obter unha versión directa do responsable de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños; mais, nos documentos oficiais, non se recolle que as cámaras teñen outros obxectivos de control alén do tráfico. O prego de adxudicación, á hora de falar de “necesidades non cubertas”, refire tan só cuestións relativas á mobilidade. Porén, no corpo do texto, contémplase a posibilidade de as cámaras serviren para apreciar “maletas ou mochilas abandonadas no espazo público” ou mesmo “detectaren situacións de vandalismo”; esta última potencialidade no cadro das “funcións de autodiagnose” do sistema.

Galicia Confidencial