O balance anual da organización de dereitos humanos Mwatana advirte sobre diferentes crimes perpetrados ao longo do ano pasado por parte da coalición liderada polo réxime que lidera Salmán bin Abdulaziz.

 

Niño yemeníUn neno iemenita sostén un xoguete nun campamento de persoas deslocadas internas perto de Sanáa, Iemen, o 25 de marzo de 2022. — Khaled Abdullah / REUTERS

 

A morte continúa a pairar sobre o Iemen. Segundo datos da organización de dereitos humanos Mwatana, durante 2022 foron rexistrados centos de crimes contra civís apesar da tregua que, polo menos sobre o papel, estivo vixente entre os meses de abril e outubro. Os asasinatos continuaron ao mesmo tempo que España mantiña o lucrativo negocio armamentístico coa ditadura saudita.

Segundo consta nun relatorio de Mwatana –que conta con investigadores e colaboradores en distintos puntos do territorio iemenita–, ao longo do ano pasado esta organización logrou documentar “polo menos 1066 incidentes” contra civís e bens de carácter civil, “algúns dos cales constitúen crimes de guerra”.

O documento subliña que polo menos 388 civís morreron, incluídas 134 crianzas e 19 mulleres, e non menos de 880 civís resultaron feridos, incluídas 383 crianzas e 70 mulleres. “Estes incidentes causaron danos xeneralizados á infraestrutura vital, incluídos hospitais, escolas e instalacións de servizos”, apunta o balance anual, que inclúe tanto crimes cometidos polas forzas lideradas por Arabia Saudita como aqueles perpetrados polos rebeldes hutís apoiados por Irán.

A organización subliña que as tropas lideradas pola Arabia Saudita e os Emirados Árabes Unidos “levaron a cabo repetidamente ataques ilegais” que provocaron mortos e feridos entre civís, así como “danos significativos á infraestrutura, incluídas as instalacións de atención médica e as vivendas”.

En 2022, Mwatana documentou 28 ataques aéreos a cargo da coalición encabezada pola Arabia Saudita e os Emirados en que morreron “polo menos a 110 civís, incluídos 14 crianzas e tres mulleres, e feriron polo menos a 175 civís, incluídas 19 crianzas e seis mulleres”.

Pola súa banda, os bombardeos terrestres en zonas poboadas “provocaron danos considerabeis a bens de carácter civil e numerosas vítimas civís”. A entidade iemenita documentou “53 ataques terrestres que mataron 43 civís, incluídas 15 crianzas e oito mulleres”, e feriron polo menos outras 150 persoas, entre elas 79 crianzas. Os hutís foron identificados como responsabeis de 23 destes incidentes, e os gardas fronteirizos sauditas estiveron por trás doutros dez.

Choiva de millóns

Estas graves violacións dos dereitos humanos non afectaron o negocio armamentístico entre España e a Arabia Saudita. De acordo co último relatorio da Secretaría de Estado de Comercio, o réxime de Salmán bin Abdulaz situose outra vez no primeiro semestre de 2022 como o principal cliente da industria armamentística española.

Nese período –o último sobre o que existen datos oficiais–, a Xunta Interministerial responsábel de supervisionar o comercio de armas autorizou 19 licenzas de exportación de material de defensa á Arabia Saudita por un montante de 994.651.527 euros.

O negocio irá en aumento. No fin de novembro, Navantia e o Ministerio de Defensa saudita rubricaron un memorando de entendemento que se traducirá nun contrato ao longo dos próximos meses para a construción doutros cinco buques de guerra para a Mariña dese país.

Trátase do segundo acordo destas características entre a empresa pública española e a ditadura saudita, que en 2018 encomendou outras cinco corvetas. O Goberno rexeitou facer públicos os documentos da Xunta Interministerial que permitiu eses contratos apesar dos ataques perpetrados no Iemen.

O Tratado de Comercio de Armas rubricado por España impide a venda de armamento a países inmersos en conflitos bélicos. Apesar diso, o Goberno apostou por manter ese tipo de acordos comerciais, á vez que asegura que tales operacións non vulneran este tratado.

As exportacións autorizadas pola Xunta Interministerial están rodeadas dun profundo hermetismo grazas a un decreto aprobado en 1987 polo Goberno de Felipe González, que catalogou as actas sobre esas operacións como secretas.

Pobreza e fame

O balance de 2022 elaborado por Mwatana subliña así mesmo que a intervención militar emprendida en marzo de 2015 pola Arabia Saudita e os Emirados contribuíu a situar o Iemen “entre os países máis pobres do mundo”.

“Millóns de persoas afectadas pola crise humanitaria no Iemen sofren inseguranza alimentar, propagación de doenzas infecciosas e exacerbación de cicatrices psicolóxicas, segundo estimacións de organismos internacionais”, subliña.

Segundo o último relatorio do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Refuxiados (ACNUR), estímase que máis de 23,4 millóns de iemenitas, o 73% da poboación, dependen de axuda humanitaria.

“Isto inclúe 4,3 millóns de deslocados internos, 102.000 refuxiados e 192.000 migrantes, á luz da escaseza de auga e o colapso do sistema de saúde, onde só funciona a metade dos aproximadamente 5.000 establecementos de saúde do país, cunha escaseza significativa de subministracións médicas”, sinala o relatorio de Mwatana.

Petición á ONU

No seu relatorio, Mwatana destaca que o conflito do Iemen “non conta cun mecanismo internacional independente de rendición de contas” desde que se disolveu o Grupo de Especialistas das Nacións Unidas, “o que está a consolidar aínda máis a impunidade dos infractores e facendo que a posibilidade de lograr xustiza e reparación para as vítimas pareza inalcanzábel”.

Por tal motivo, a organización de dereitos humanos insta os estados membro da ONU para “establecer rapidamente un mecanismo de investigación criminal internacional independente para o Iemen co mandado de documentar as violacións cometidas polas partes en conflito”.

Público