As redes sociais comezan a facerse eco dunha das grandes incoherencias que chaman a atención nas medidas adoptadas polo Goberno español: a imposibilidade de pasear coa túa filla ou fillo e poder facelo co teu can.

 

Parque infantil precintado en Compostela (Riobó Prada)Parque infantil precintado en Compostela (Riobó Prada)

 

“Comprendo saír con cans, pero e os nen@s? Non son tanto coma os cans? Isto si merece unha explicación argumentada”, escribía o día 18 de marzo na súa conta de twitter o profesor da USC Lourenzo Fernández Prieto. O Goberno español declaraba días antes o estado de alarma pola emerxencia sanitaria do coronavirus e deixaba pechadas nas súas casas a milleiros de nenas e nenos sen posibilidade de saír ao exterior.

Posteriormente, nunha segunda normativa, rectificaba, en parte e de maneira cativa, esta prohibición aclarando que “durante a vixencia do estado de alarma as persoas só poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización das seguintes actividades, que deberán realizarse individualmente, salvo que se acompañe a persoas con discapacidade, menores, maiores, ou por outra causa xustificada”. Abría a porta a que as nenas e nenos puideran saír para acompañar a nais ou pais que tiveran que ir á compra ou a outra actividade considerada “esencial”.

Medidas en Europa

Noutros estados europeos as medidas tomadas nos confinamentos non coincidiron coa aprobada polo Goberno español. En Bélxica as autoridades acordaron permitir a actividade física ao aire libre como saír a correr ou montar en bicicleta, coa posibilidade de ir acompañadas por outras persoas coas que convivan no mesmo domicilio, incluídas nenas e nenos.

En Francia aconteceu algo semellante aínda que nos últimos días o Goberno endureceu a norma e agora só permite “saír a pasear ás nenas e nenos ou facer deporte coa limitación de, como máximo, un quilómetro do domicilio habitual, unha hora como máximo e unha vez ao día”.

Un caso singular é Noruega, onde o Goberno realizou unha rolda de prensa especial para nenas e nenos para explicar a situación e ás súas preguntas.

Petición en Change.org
A filósofa e pedagoga Heike Freire abriu o pasado 16 de marzo unha petición na plataforma Change.org que xa acadou máis de 17.000 sinaturas. Nela que denuncia que as medidas contra o coronavirus que adoptou o Goberno español “ignoraron a infancia por completo”.

Afirma que “aínda que son cidadáns de pleno dereito, as nosas nenas e nenos non só están confinadas nas súas casas, senón que as súas necesidades e dereitos desapareceron do debate público en torno a esta crise”.

Lembra que “polas súas características especiais, polo feito que están en período de crecemento, as nenas e nenos forman parte das persoas máis vulnerábeis que necesitan especial atención”. Por este motivo demanda “que se recoñeza ás nenas e aos nenos como cidadáns de pleno dereito” e que “se preste especial atención ás súas necesidades vitais na xestión do confinamento, e que se estudien as posibilidades de ofrecerlles a todas e todos, calquera que sexa a súa procedencia social e o seu lugar de residencia, a posibilidade de estar ao aire libre, recibir a luz do sol, moverse e xogar, de maneira ordenada e sen poñer en perigo a saúde pública”.

Na petición explica o respecto a eses dereitos que tiveron países como Francia, Bélxica, Holanda ou Alemaña.

Da proposta de Heike Freire resultaron unha serie de achegas con ideas para mellorar a actual restrición. Entre as máis directas estaría a posibilidade de que nenas e nenos saíran do domicilio acompañadas dunha persoa adulta por zonas concretas, tendo prioridade aquelas que vivan en vivendas de espazo reducido ou mesmo dedicar unhas horas do día para este tipo de actividade. Estas medidas presentáronse ás autoridades e aínda non obtiveron resposta.

A. ESCUREDO

Nós Diario