O populismo punitivo que recorre á prisión para resolver calquera problema social non quere pensar que alén de non resolver os conflitos o cárcere ten uns custos económicos e sociais que deberían ser considerados.

 

imagen

 

As estatísticas institucionais costuman calcular os gastos directos que supoñen a administración das prisións e non sempre se dá importancia aos ingresos perdidos, quer dicir, o que deixan de contribuír ás economías as persoas presas.

Do que non se ocupan nunca estas estatísticas, é das perdas económicas que supoñen para as familias o encarceramento dun dos seus membros. Ao encarcerarse un componente da familia, non só se perden os seus ingresos, tamén é preciso manter esa persoa que está en prisión. Isto significa máis gastos que non se contabilizan. En moitos cárceres, a administración prisional non fornece os bens básicos para subsistir ou apenas fornece unha parte e son as familias e achegadas quen ten que facerse cargo de proporcionalos. Roupa, mantas, alimentos, produtos de hixiene, limpeza e medicamentos son parte dos bens que se fornecen desde fóra das prisións. A iso hai que engadir o prezo do transporte cando se realizan as visitas e das chamadas telefónicas.

Sen dúbida, un dos gastos maiores que enfrentan é o pagamento dos trámites legais e de defensa, apesar de unha parte das persoas presas, por teren baixos recursos, teren defensa de oficio. Todo iso implica un grave endebedamento que pode significar a perda da vivenda ou os mínimos aforros, caso existiren. Que o cárcere empobrece, é unha realidade e se as persoas que entran nel xa eran pobres (como é na maioría dos casos), veranse condenadas a unha espiral de pobreza de que dificilmente poderán saír.

Mais claro, todo este gasto, non é repartido de maneira equitativa senón que son as mulleres as que se fan cargo diso, as que continúan sostendo a vida (material e emocionalmente) dentro e fóra das prisións. Son sobre todo elas, pobres e racializadas, as que aturan as horas de filas á intemperie para entrar nos cárceres e proporcionar estas atencións. Todo isto foi posto en evidencia por Catalina Pérez Correa nunha investigación realizada en México e que é extrapolábel á maioría dos países1.

Tamén é importante ter en conta o custo social diferenciado por xénero. Aínda que o custo financeiro de encarcerar homes, mulleres e disidencias é case similar, os custos e consecuencias sociais de encarcerar as mulleres son moito máis daniños. A comezar polo coidado da prole. Cando son encarceradas nais, unha parte das crianzas ficarán ao coidado doutras mulleres (avoas, tías, irmás) e outra parte será entregada a institucións cos conseguintes custos e danos sociais que contribuirán á exclusión social destas crianzas. Debido á súa especial posición como coidadoras primarias, os custos de encerrar as mulleres tamén teñen consecuencias a longo prazo que serán sentidas polas xerazóns futuras. Desta forma, a prole de nais encarceradas teñen máis probabilidades de ser encarceradas no futuro en comparación cos fillos e fillas de pais encarcerados, segundo suxiren outras investigacións2.

Por outra parte, estudos realizados en Gran-Bretaña destacan que unha de cada tres mulleres perden as súas casas cando están presas e que un 40% non pode voltar á súa vivenda despois de saír de prisión. O cárcere é pois a causa de estaren en situación de rúa dun número significativo de mulleres. Alén diso, un 30% das reclusas perden o emprego ao saíren da cadea, coa consecuente perda de ingresos e dificultades de sobrevivencia.

Por outra banda, a deterioración da saúde física e mental e o aumento dos intentos de suicidio e depresión que provoca a prisión nas reclusas, teñen un custo financeiro de saúde engadido para o estado. Os estudos conclúen que se ás mulleres que actualmente están condenadas a penas de prisión curtas, lles fosen impostas sancións comunitarias en beneficio da comunidade ou outras medidas alternativas, todas as consecuencias e custos sociais prexudiciais mencionados anteriormente poderían ser evitados. Por outra parte, sería unha opción máis rendíbel para as arcas do estado que a privación de liberdade por delitos non violentos nas mulleres delincuentes.

Sen dúbida, a economía feminista foi de grande axuda neste campo para visibilizar o traballo das mulleres no coidado e manutención da vida, tamén nas prisións. Tamén axudou a ter en conta o traballo doméstico e de coidados que se deixa de realizar cando as mulleres son encarceradas e os custos da súa tercerización ou externalización.

Portanto, o feminismo tamén ten moito que dicir da lóxica prisional e populismo punitivo patriarcais que se serven do traballo e coidados das mulleres (sobretodo pobres e racializadas) e que as empobrece aínda máis.

Alicia Alonso

Coordenación Baladre