La Justicia belga rechaza la extradición de Valtònyc a España

 

“Tiven a desgraza de ser condenado por unha colección de poesías chamada ‘Les fleurs du mal’ da que a horríbel franqueza do título non me protexeu.”

Baudelaire a Eugenia de Montijo

 

 

Confeso que me gusta o rap e case todos os integrantes de Sexion d’Assaut, sobre todo Maître Gims e Black M, mais tamén Lefa e Maska. Por iso non creo que o de Boye onte fose unha piada: a Valtònyc ainda lle falta aprender a rapear e creo que Bélxica é bo lugar para iso. Falo a serio. Xa lles dixen noutras ocasións que non é un tipo de que eu guste especialmente, porque a provocación da arte é fixe, mais ficar en artista da provocación menos, mais iso non impede que eu non defenda a liberdade de expresión nas súas máximas expresións e a dos artistas con maior razón. A diferenza entre Baudelaire e Valtònyc é que o primeiro era un xenio. Aínda así foi acusado por Pinard, o mesmo procurador que levou Gustave Flaubert ante os estrados xudiciais por Madame Bovary, e condenado. Só a intervención da mesmísima emperatriz de Francia, a española Eugenia de Montijo, a quen o poeta pediu clemencia por carta, conseguiu rebaixar a condena de 300 francos de multa a 50 e, iso si, tivo que retirar os poemas da edición. Ollen que nin en 1857 se lles ocorreu metelo no cárcere.

O certo é que alén das vicisitudes xudiciais que en tantas columnas e artigos fomos relatando, a decisión final pola que Bélxica non entregará o rapper a España, coñecida onte, vén deixar moi claros algúns funcionamentos anómalos do sistema xudicial español e do noso propio estado de dereito. O primeiro deles será a raiba e o desprezo que a xustiza española, na súa maioría máis conservadora, e os propios medios máis de dereitas, correrán a ignorar a xustiza belga, os seus xuíces, as súas leis e acabarán case chamándolle estado falido. Non teñan dúbida. Esquecerán que neste caso concreto entraron en xogo outras moitas instancias e que máis valería recoñecer que estamos facendo mal, que hai unha involución evidente, que están a aplicar a lei como non ousarían facelo hai 15 anos e que nese camiño imos deixando pitadas de democracia e de liberdade, sen por iso a sociedade ser ‘mellor’ nin máis ‘ordenada’ como pretenderon sempre os censores.

Valtònyc foi condenado por tres delitos: enaltecemento do terrorismo, inxurias á Coroa e ameazas, e por cada un deles o pasar pola xustiza belga deixou vergoñas viradas para o ar. A brisa das interpretacións abertas e democráticas mostrou como a inquisición española resulta inaceptábel dentro dun territorio de liberdades e dereitos comúns como é Europa.

A primeira das vergoñas é que fose condenado por un tribunal formado claramente por persoas super afíns a un partido concreto, o Partido Popular, Concepción Espejel, Enrique López e Juan Pablo González, todos eles chegados á Audiencia Nacional ou con manobras ou como refuxio, e sendo que ningún deles pertencía a ela cando esta xulgaba terrorismo de verdade e que todos foron vogais do CGPJ. Así foi que o enaltecemento do terrorismo, desaparecida ETA, creceu exponencialmente e en 2017 un terzo dos casos da AN foron por ese delito. Un tribunal especializado non pode converterse nun niño de cuñas e pagamentos políticos. A diferenza é tan substancial que en 2006 era absolvida a Soziedad Alkoholika por ese mesmo órgao considerando que o seu “Estoura porco / algún día has reventar” / “Cheira a escravo da lei, zipaio, servo do rei” estaba ao límite da liberdade de expresión mais aínda amparada por esta. A dereita colonizou a Audiencia Nacional e iso nótase.

 

Bélxica deunos un bo baño sobre liberdades e sobre garantías do estado de dereito e non o vermos é contribuír a que a situación continúe deteriorándose

 

A segunda é o feito de o Tribunal Constitucional despachar cun modeliño de oito liñas a inadmisión a trámite do recurso de amparo afirmando que non se xustificou a especial relevancia constitucional do caso. Frente a ese capotazo dun TC dominado polos conservadores, temos de lembrar que o Constitucional francés examinou a Constitución belga a conta dos recursos de Valtònyc e chegou á conclusión de que se esas inxurias á Coroa que condena España tamén existían na Bélxica, entón o que había que corrixir era a lei fundamental dos belgas. Até aí chegaron, até emendaren a si mesmos á luz dos resultados absurdos que produce esa ultraprotección dos monarcas. Na sentenza manifesta o tribunal: “O rei debe soportar as críticas no exercicio das súas funcións oficiais e como representante do Estado do que é símbolo, especialmente de quen cuestiona lexitimamente as estruturas constitucionais do Estado, incluído o seu sistema monárquico”. Aprendan, maxistrados conservadores, algo que é obvio: están protexidos nas súas críticas os que cuestionan a propia institución, porque é lexítimo facelo.

A terceira é que os xuíces non poden facer batota, que é unha vergoña impropia que tenten enganar os estados socios para conseguiren que lles entreguen os requisitoriados. Que a súa misión non é seren o vingador xusticeiro senón respectar as normas, a verdade e a confianza mutua. Tivo que ser o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) o que dixese á Audiencia Nacional que non se pode aplicar de maneira retroactiva o Código Penal para reclamar unha extradición pola vía rápida. O TXUE determinou que a lei de referencia ten de ser a do momento en que foron cometidos os feitos e non outra posterior. Esa manobra foi innobre, mais o xuíz que a fixo, Ángel Hurtado, o salvador de Rajoy, está no Supremo.

A cuarta, sobre o contido puníbel dun delito de ameazas nunha canción, porque cando nos din que isto na Bélxica non sería delito, están a marcar tamén onde está unha fasquía que en España se está baixando moito para uns e nada para outros. Que a ultradereita nunca ameaza, mais se ti es “dos malos”, aínda que non haxa posibilidade de cumprir o que dis ou nin sequera o pretendas, estás aviado. Isto das ameazas aínda non terminou para Josep Miquel Arenas. Están a piques de sinalar data para un xulgamento por ameazas á Garda Civil en Sevilla, por unha denuncia presentada polo sindicato AUGC, en que o procurador pede para el até 7 anos de prisión entre unhas cousas e outras. Sete anos por algo que dixo nun escenario en Mairena, protestando pola súa condena, por moito que iso fose “Matade un garda civil!”. Sete anos de prisión.

A quinta é, desde logo, que após esta posición clara da xustiza belga e do TXUE, o Goberno debe estudar o indulto para que poida voltar cando desexe. O propio Sánchez díxoo nas súas redes sociais e sería coherente que se comezasen a emendar os despropósitos represivos que os xuíces conservadores e ultraconservadores están a perpetrar coa liberdade de expresión. Debe ser prioritario para o Goberno ‘máis progresista da historia’ voltar aos tempos en que Kortatu, La Polla Records, Rúa 13, Albert Pla ou Los Violadores del Verso cantaban a vontade. Se Eugenia de Montijo puido, Sánchez e Díaz tamén.

Bélxica deunos un bo baño sobre liberdades e sobre garantías do estado de dereito, e non velo é contribuír a que a situación continúe a deteriorarse. E isto vale aínda que non gustes de Valtònyc ou che pareza un rapper de eme.

Isto é cuestión de principios e de ver a pendente pola que escorregamos.

Porque á xustiza española deixárona co cú virado para o ar. E eu alégrome.

El Nacional