O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia declarou nulos os procedementos que permitiron substituír por facultativos afíns ao PP a media ducia de xefes de servizo de varios hospitais mediante cesamentos ilegais e oposicións amañadas.

Alberto Núñez Feijóo, presidente de la Xunta de Galicia. EFE

O Goberno de Alberto Núñez Feijóo realizou unha auténtica purga na clase médica galega desposuíndo dos seus cargos media ducia de xefes de Servizo de varios hospitais que podían resultar incómodos para executar os seus plans de cortes e privatizacións na sanidade pública. Desde que o PP chegou ao poder no 2009, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou os procedementos polos que foron substituídos, declarando ilegais os seus cesamentos ou obrigando a realizar de novo as oposicións amañadas que permitiron colocar no seu lugar a persoas afíns a esa formación.

Resultado de imagem para victor pedreira psiquiatria compostelaVíctor Pedreira

A última sentenza é do pasado 26 de outubro, e anula o concurso que arrebatou a súa praza a Víctor Pedreira, xefe de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHOP) desde 1982, quen foi destituído o mesmo día en que cesou como subdirector xeral de Saúde e Drogas da Xunta que presidía o socialista Emilio Pérez Touriño. Tanto a xuíza de primeira instancia como o TSXG fallaron que aquela oposición estaba viciada cun evidente ‘desvío de poder’ destinado a entregar o posto ao doutor Isauro Gómez Tato. Consideran probado que o tribunal non era imparcial, senón hostil a Pedreira, e que a nova xerencia do CHOP modificou e ocultou os baremos de avaliación para que o primeiro obtivese unha puntuación superior.

A purga no CHOP comezou ás poucas semanas de que Feijóo gañase as eleccións autonómicas de abril do 2009 e comezase a aplicar unha drástica redución do orzamento sanitario. A Pedreira chegoulle a notificación do seu cesamento o 22 de maio, moi pouco despois de o Servizo Galego de Saúde (Sergas) nomear xerente do hospital José Manuel González, quen fora o último conselleiro de Sanidade da Xunta de Manuel Fraga.

Pedreira non foi a súa única vítima. Ese mesmo mes, vinte días antes, González destituíra Enrique Vázquez Astray, xefe do Servizo de Dixestivo, e pouco despois, tamén en maio, Enrique Temes, xefe de Pneumoloxía. En outubro do 2012, o TSXG anulou a destitución de Vázquez Astray, declarándoa contraria a Dereito e acusando a Xunta de actuar con ‘mala fe’ e de cuestionar inxustamente ‘a súa honra e prestixio profesional’. Un ano despois, o mesmo tribunal devolveu a súa praza a Temes e anulou a oposición que se dada ao doutor Antonio Pena, ao entender que tamén fora amañada para prexudicar o primeiro.

O proceso non se limitou ao CHOP. No Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC) a purga tamén desprazou José María Borro, xefe de Cirurxía Torácica, quen foi destituído por denunciar ante a xerencia do hospital que outros médicos do seu departamento estaban a derivar pacientes a clínicas privadas onde os operaban de cancro cargando a factura aos seus seguros privados. A Xustiza tamén revogou o seu cesamento. Como revogou o de Evaristo Varo, xefe de Cirurxía Dixestiva do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, quen foi cesado naquel mes de maio do 2011 noutra oposición que o TSXG considerou manipulada e que entregara a praza a Manuel Bustamante, o marido de Rocío Mosquera, a primeira xerente do Sergas de Feijóo e que sería nomeada conselleira de Sanidade poucos meses despois.

Sob o seu mandato estalou o escándalo pola negativa do Sergas a proporcionar o tratamento que necesitaban varios doentes de hepatites C, nun asunto motivado polos cortes, aínda pendente de resolución xudicial e polo que a Fiscalía acusa de homicidio imprudente dous altos cargos da Consellería de Mosquera. Feijóo negouse a destituílos e mesmo afirmou no Parlamento de Galiza que o proceso contra eles é ‘indigno’.

Todos os casos de médicos purgados teñen as mesmas pautas. Trátase de facultativos veteranos, cun elevado nivel de recoñecemento entre os seus compañeiros de profesión e que contribuíron a pór en marcha a sanidade pública en Galiza nos anos oitenta e noventa, cando algúns dos departamentos que xestionaban nin sequera existían. Algúns mesmo foron fichados polos gobernos de Manuel Fraga para que comezasen a aplicar en Galiza técnicas pioneiras que estaban a aplicar con éxito noutros hospitais do Reino de España. Era a época en que o exministro e extesorero do PP José Manuel Romay Beccaría ocupaba a Consellería de Sanidade. E Feijóo era a súa man dereita e secretario xeral.

Talvez porque coñecía persoalmente moitos deles, e porque sabía que o seu prestixio os situaba nunha posición de relevancia social entre pacientes e profesionais sanitarios, cando Feijóo chegou ao poder en abril do 2009 xa intuía que podían resultar moi molestos á hora de aplicar os cortes que planeaba.

‘Un bo xefe de servizo nun hospital é o que esixe medios, o que reclama máis persoal, o que che pide mellorar as cousas, porque esa é a forma de aumentar a calidade asistencial’, explica Pedro Adoitar, ex xerente de Primaria en Mallorca e tamén, por esta orde, dos hospitais de Burgos, Pontevedra, Ourense e O Salnés (Vilagarcía). Chegou a Galiza no ano 1994, logo após a transferencia á Xunta das competencias de sanidade. Fichárono Romay e Feijóo e mantívose á fronte do hospital do Salnés durante o Goberno bipartito do PSOE e o BNG até o Sergas o destituir, tamén, en maio do 2009.

Coñece ben o presidente da Xunta, quen, asegura, ‘non cre na Administración pública. Pensa que o sector privado é máis eficaz e funciona mellor’. E lembra que ter ‘comisarios políticos’ nas xerencias dos hospitais e nas xefaturas de Servizo facilita tamén facer un uso incontrolado do orzamento sanitario. Adoitar é delegado en Galiza da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos e fundador con varios dos galenos purgados da Asociación Batas Brancas, que acaba de denunciar ante o Consello de Contas de Galiza que o CHOP continúa pagando facturas millonarias a firmas privadas por valor moi superior ao custo real e cuxa concesión xa expirou.

No ano 2009, o orzamento da sanidade galega era de 3.766 millóns de euros. Feijóo reduciuno no 2010 a 3.728 millóns, excluíndo o investimento en prevención en materia de drogadiccións que a Xunta incluíu entón como investimento sanitario para camuflar os cortes, que continuaron nos anos seguintes e que non se recuperaron desde entón (no 2017 o Sergas contou con 3.558 millóns de euros).

Víctor Pedreira, el enésimo médico purgado por Feijóo.Víctor Pedreira, o enésimo médico purgado por Núñez Feijóo.

Esas cifras quizá explican por que os médicos que defenden a sanidade pública resultan incómodos para a Xunta de Feijóo. ‘Practicamente xa non resta nin un só daqueles xefes de Servizo. É unha verdadeira desfeita, porque son xente extraordinariamente preparada e formada que levou Galiza a ser unha das comunidades punteiras en atención sanitaria’, engade Pedro Adoitar.

Víctor Pedreira levaba á fronte da unidade de Psiquiatría do CHOP desde 1982. El fundouna, e foi a primeira de Galiza que comezou a rexistrar ingresos hospitalarios de pacientes afectados por patoloxías psiquiátricas. Até entón, eran estigmatizados, e con eles á psiquiatría como ciencia médica, e enviados directamente ao manicomio sen se ter en conta que alguns transtornos podían ser síntomas dunha doenza física, como un tumor cerebral, ou que ambas podían revelarse simultaneamente.

Pedreira móstrase moi sorprendido polo feito de a pesar de o TSXG ter anulado a oposición que o desposuíu do seu lugar, a Xunta non cesase o médico que a ocupa. El xa está xubilado, mais asegura que pelexará para incorporarse de novo, non só para facer efectiva a ‘reparación moral’ que a Xustiza lle reportou cinco anos despois, senón tamén como acto de ‘reparación social’, porque os seus compañeiros lle aseguran que o seu substituto botou por terra o traballo de anos: ‘Volveuse estigmatizar os pacientes obrigándoos a vestir pixama, cando non é necesario, tíranlles as súas pertenzas e aplícanlles medidas de contención física con moita máis frecuencia”.

Resultado de imagem para jose maria borro médicoJosé María Borro.

Como Pedreira, José María Borro, o exjefe de Cirurxía Torácica do CHUAC, móstrase doído polo trato recibido. A Xunta de Fraga fichouno en 1998 para que comezase a aplicar na Coruña as técnicas que empregaba con pacientes de cancro de pulmón en Valencia. Após quince anos de traballo, e por denunciar que outros médicos se lucraban enviando pacientes do Sergas á súa clínica privada, o Colexio de Médicos chegou a sancionalo cunha multa de 2.000 euros e suspensión de colexiación, unha medida que foi revogada o ano pasado polos tribunais nunha sentenza que asegura que aquel castigo foi inxusto e carente de fundamento, xa que Borro se limitou a cumprir a súa obrigación. ‘É un funcionamento mafioso. Ao que non se amolda, córtanlle a cabeza, como castigo e como advertencia ao resto’, sostén Borro, hoxe presidente de Batas Brancas.

Resultado de imagem para evaristo varo cirugía digestiva compostelaEvaristo Varo

Tamén foi unha fichaxe Evaristo Varo, xefe de Cirurxía Dixestiva en Santiago, quen chegou a Galiza en 1994 desde o hospital Reina Sofía de Córdoba, con Romay e Feijóo na Consellería de Sanidade, para pór en marcha os programas de transplante de fígado, ril e páncreas na capital galega. Varo tamén é profesor da Universidade de Santiago, mais nin iso nin a súa experiencia profesional impediron que fose cesado para que o seu cargo o ocupase un adxunto ao que formara e que estaba casado coa xerente do Sergas de Feijóo. O TSXG anulou a oposición que lle arrebatou o lugar porque o tribunal non era imparcial e tiña o ‘designio’ de ‘postergar un candidato e primar o outro’.

Varo atende ao teléfono sábado pola mañá, despois dunha noite enteira no quirófano para un dobre transplante de fígado, e asegura que a Xunta do PP quere nos hospitais ‘persoas que poidan manexar, que non sexan críticas’. E lamenta o que aconteceu a el e aos outros médicos purgados, aos que tentaron ‘arruinar os seus últimos anos de carreira profesional’ e aos que continúan perseguindo. A el chegaron a abrirlle expediente por operar unha paciente de nacionalidade portuguesa, un suposto máis do que habitual en Galiza.

Esa persecución tamén a sufriu Enrique Vázquez Astray, o xefe de Dixestivo do CHOP cesado polo ex conselleiro José Manuel González. Cre que o xerente do CHOP emprendeuna con el porque lle advertiu que non se axustaría ás medidas que quería impor para cumprir cos obxectivos económicos após os cortes orzamentarios, e por cuxo cumprimento obtiña un plus económico. ‘Era o único que lle importaba e todo o supeditaba a iso’, sinala.

Entretanto, quen colabora na carnificina é premiado, como o substituto de Vázquez Astray, o doutor Juan Turnes Vázquez, que acaba de ser nomeado membro do Consello Asesor do Sistema Público de Saúde de Galiza, ou José Manuel González, que se mantivo á fronte do CHOP até febreiro deste ano, cando a presión de sindicatos, colexio de médicos e asociacións de pacientes e de profesionais sanitarios obrigou a Xunta a destituílo. Segundo Batas Brancas, continúa cobrando o seu soldo a pesar de non se ter sometido ao preceptivo período de reciclaxe para voltar á práctica médica despois de anos dedicado a unha xestión hospitalaria completamente politizada.

Máis exemplos: o primeiro xerente do CHUAC nomeado por Feijóo foi Alfredo García Igrexas, coordinador do programa electoral do PP en materia sanitaria e que figuraba nas listas desa formación nas últimas municipais. Quen hoxe o substitúe, Luís Verde, forma parte da executiva do PP de Pontevedra. E a xerente do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) é Eloína Núñez, curmá carnal do presidente da Xunta, quen ocupaba até febreiro pasado a xerencia do complexo hospitalario de Ourense.

A purga que levou por diante a algúns dos médicos máis prestixiosos da Galiza comezou hai anos, cando Feijóo chegou ao poder, mais mantense con el a pesar de a Xustiza ter fallado unha e outra vez en contra da Xunta, e de seren os contribuíntes galegos os que asumen o pago das costas xudiciais e das indemnizacións que poidan derivarse. O proceso non terminou. Hai tres semanas, o catedrático Arturo González Quintela foi afastado da xefatura de Medicamento Interno do CHUS, e o seu lugar, asignado a un médico con moita menos experiencia, méritos e prestixio profesional. A súa única opción foi recorrer aos tribunais. A súa vantaxe, talvez, é que estes xa deixaron sobrada xurisprudencia a respecto diso.

Juan Oliver

Fonte: Público.