A greve de fame indefinida que comezaron Jordi Sànchez e Jordi Turull permítelles denunciar desde o cárcere unha violación flagrante dos dereitos fundamentais de todos os presos politicos. Hai máis dun ano que o Tribunal Supremo español decidiu mantelos encerrados en prisión incondicional e preventiva á espera do xulgamento. Hai un precedente europeu que indica até que punto é unha violación de dereitos, o do deputado e dirixente curdo Selahattin Demirtaş, copresidente do Partido Democrático dos Pobos (HDP, as siglas en turco), que hai máis de dous anos que está encarcerado en Turquia. Por iso, o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos (TEDH), con sede en Estrasburgo, condenou ese país. E España procura evitar unha condena semellante pola represión contra os dirixentes independentistas bloqueando no Tribunal Constitucional a vía que permite chegar á xustiza europea.

O TEDH sentenciou hai dez días que Turquía vulnerara os dereitos de liberdade e de seguranza de Demirtaş, o dereito de ser presentado rapidamente diante dun xuiz, de revisión rápida da legalidade da detención e de eleccións libres, alén de ter limitado restritivamente todos os outros dereitos. Mantivo a acta de deputado na Asemblea Nacional da Turquía e presentouse ás eleccións seguintes, mais non puido participar no parlamento. O paralelismo que pode ser establecido é evidente, porque o TEDH tamén considera que o encarceramento de Selahattin Demirtaş durante dúas campañas electorais cruciais (das presidenciais e do referendo de reforma constitucional turca) perseguira o propósito ulterior predominante de sufocar o pluralismo e de limitar a liberdade de debate político.

Récord de recursos

Que pasará cando as demandas dos presos politicos cataláns podan chegar a Estrasburgo? Precisamente o Tribunal Constitucional impede que se saiba, porque deixa os recursos na gabeta. A doutrina do Tribunal Constitucional español di que os recursos de amparo contra a situación de prisión preventiva han de ser resolvidos nun prazo máximo de trinta días despois de teren sido admitidos a trámite. O primeiro que presentaron os presos políticos cataláns no TC foi admitido hai 374 días, no 22 de novembro do ano pasado. Este caso tan flagrante de dilación á hora de pronunciarse sobre unha situación como esta impeliu Jordi Sànchez e Jordi Turull a comezar hoxe mesmo a greve de fame indefinida porque a actuación política do TC bloquea o acceso de todos ao Tribunal de Estrasburgo para denunciar que España vulnera os seus dereitos fundamentais.

De momento xa son vinte os recursos de amparo que o Tribunal Constitucional, a última instancia xudicial interna no estado español antes de poderen recorrer ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos. Estatisticamente, segundo o avogado Jordi Pina, pouco máis dun 1% dos recursos de amparo que se presentan ao TC chegan a ser admitidos a trámite. Quer dicir, só se estuda o contido dun 1%. É o caso que todos os recursos presentados polos presos politicos cataláns foron admitidos a trámite. Absolutamente todos.

Agora están pendentes de que o tribunal os resolva. Cando se tiver pronunciado, por exemplo denegándoos, os presos xa poderán dirixirse a Estrasburgo, que, á hora de decidir se foi vulnerado un dereito fundamental, ten presente o el Convenio Europeo dos Dereitos Humanos. Un destes dereitos é precisamente o da liberdade, que os presos hai meses denuncian terlles sido vulnerado.

A afirmación feita amiúde sobre o moito tempo que leva á xustiza europea pronunciarse sobre unha denuncia ten de ser matizada. Porque, polo menos nos casos relacionados co estado español, é o Tribunal Constitucional quen prolonga o procedemento. Houbo casos en que demorou ben cinco anos en pronunciarse sobre un recurso de amparo previamente admitido a trámite. Denegándoo, é claro. E é nesa altura que comeza a vía de Estrasburgo, que pode demorar un par de anos máis en ser concluida. Vexamos os prazos dun caso recente, como o da sentenza contra o estado español por ter vulnerado o dereito de liberdade de expresión de Enric Stern e Jaume Roura e os ter multado porque queimaren fotografías do rei español. A demanda en Estrasburgo foi interposta no outono do 2015, a admisión a trámite foi en abril do 2016, e a sentenza foi emitida en marzo deste ano.

 

Josep Casulleras Nualart