Segundo unha ONG local, polo menos 57 menores de 13 anos foron asasinados polos militares desde o golpe de 2021, do total de case 2.300 civís mortos.
Foto: Twitter @cdm
Outras crianzas feridas na mesma escola foron detidas pola Xunta Militar despois dos ataques aéreos e agora están desaparecidas.
Polo menos 11 crianzas morreron e outras resultaron gravemente feridas cando helicópteros de ataque da Xunta Militar atacaron unha escola na pasada sexta-feira. A escola está situada nun mosteiro na parte oriental de Leyet Gone, localidade de Dei Paying, confirmou hoxe a Organización de Nacións Unidas (ONU).
Nun principio, o porta-voz da Xunta Militar, no poder hai máis dun ano, xeneral Zaw Min Tun, negou que un helicóptero do exército tivese matado crianzas na aldea de Leyet Gone.
De acordo coa versión do exército, a operación militar produciuse cando tivo noticias da presenza de grupos insurxentes na zona, aos cales os militares myanmas acusan de levaren os aldeáns ao mosteiro como escudos humanos.
A xunta militar non mencionou o número de mortos, aínda que dixo que só dúas crianzas resultaron gravemente feridas, mais testemuñas dixeron que na noite da sexta-feira, cando ocorreu o tiroteo, as tropas levaron os corpos das crianzas mortas a Ye Oo, a 10 km de distancia e tentaron enterralos durante a noite no cemiterio.
Así mesmo, transcendeu a preocupación polas crianzas feridas da escola que foron detidas pola Xunta Militar despois dos ataques aéreos, e aínda non hai un contacto preciso sobre o seu paradeiro.
De acordo á versión da Asociación para a Asistencia dos Presos Políticos (AAPP), unha ONG local que solicita información sobre os ataques da xunta, polo menos 57 menores de 13 anos foron asasinados polos militares desde o golpe de 2021, do total de case 2.300 civís mortos a mans das forzas de seguranza myanmas.