Hai que chegar até o final do voto particular formulado polos maxistrados do Tribunal Constitucional Juan Antonio Xiol Ríos e María Luisa Balaguer Canellón á sentenza condenatoria de Jordi Cuixart e Jordi Sànchez de nove anos de prisión e outros tantos de inhabilitación emitida polo Tribunal Supremo para achar o miolo da que, sen dúbida, acabará sendo tamén a tese das instancias xudiciais europeas.

 

Tribunal Constitucional (@TC_Esp) | Twitter

 

Di así a posición de Xiol e Balaguer: “A resposta penal, especialmente coa severidade imposta ao recorrente, frente á mera convocatoria de actos que, aínda que o fosen para oporse á execución de resolucións xudiciais, tiñan como obxectivo último presionar o Goberno en favor dunha negociación política que posibilitase abordar a cuestión da independencia de Catalunya, supón unha inxerencia no dereito de reunión, cun devastador efecto desalentadror sobre este dereito, que ameaza con empobrecer a nosa democracia, con aliñarnos con sociedades disciplinadas polo abuso de sistema penal na represión de condutas que se desenvolven no ámbito material de dereitos fundamentais e con afastarnos, en definitiva, da necesidade dunha interpretación e aplicación progresiva daqueles dereitos que posibilitan a normal participación da cidadanía nas democracias plenas”.

Certo que só son dous membros do TC frente á maioría de sete maxistrados que deron por boa a condena do Supremo de Cuixart e Sànchez. Mais que haxa dous maxistrados do Constitucional que falen dun devastador efecto sobre o dereito de reunión, de empobrecer a democracia coa sentenza, a comparación con sociedades represivas en dereitos fundamentais e o afastamento de sociedades que son unha democracia plena e consolidada, son catro elementos punitivos contra España dunha gravidade colosal. O lembrete permanente do que di o Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos é unha constante ao longo da vintena de páxinas, así como o lembrete da doutrina xurídica europea.

Non encontro en todo o voto particular unha fenda pola que poidan librarse na xustiza europea os membros da Sala Segunda do Supremo. Hai moito tempo que iso se fai evidente cando falamos de cal está a ser a xustiza dos diferentes países da Unión que tiveron que abordar casos relacionados cos políticos exilados. Negativa a aceptar as ordes de extradición que decaeron en casos como, por exemplo, o conseller Lluís Puig, elección como euro-deputados de Carles Puigdemont, Toni Comín e Clara Ponsatí e, máis recentemente, a recuperación da inmunidade total que lles retirou o Euro-parlamento após as presións dos grupos políticos españois ás familias políticas socialistas, conservadoras e liberais.

Non é un aspecto menor como dan a volta os dous maxistrados do TC ao que é unha democracia plena e consolidada, algo que costuman repetir Felipe VI, o goberno español, o PP, os medios de comunicación do réxime e porta-voces varios ao se referiren a España. Farían ben Cuixart e Sánchez en enviar a todas as autoridades españolas o voto particular. En Madrid terá doído mais abre a porta de Luxemburgo de par en par.

José Antich

El Nacional