Hai cousas que son prohibidas no xulgamento sobre os atentados do 17-A. E unha delas é preguntar sobre o papel que desempeñou a policía española, e mais concretamente os servizos secretos, tendo en conta que coñecían desde había anos Abdelbaki es-Satti, o cerebro dos atentados, porque era confidente seu. Se un avogado pretende explorar ese terreno e formula unha pregunta a unha testemuña, esta é logo vetada polo antipático xuiz Alfonso Guevara. Pasou na primeira xornada desta semana do xulgamento que ten lugar na Audiencia española, cando declararon testemuñas que coñeceran es-Satti, e que viran ou sospeitaran dos contactos do imán co CNI. Mais Guevara afastou rapidamente do foco o asunto para o deixar na sombra.

E, unha vez na sombra, de cuestións como estas apenas podemos distinguir os contornos, que é o que inevitabelmente acabou por sair á tona na última sesión. Mais, mesmo así, chega para ver que quen tería de encher os vacíos que fican sen resposta é certamente o estado español. Porque Abdelbaki es-Satti cumpriu unha condena de catro anos de cárcere por tráfico de drogas na penitenciaría de Castelló de la Plana. E cando saiu, en abril de 2014, é moi probábel que xa fose confidente da policía española. Hai diversos indicios que permiten sospeitalo, a comezar polo feito de, con diferenza a outros presos inmigrantes que acaban de cumprir a condena por un delito, es-Satti non ter sido expulso do estado español. E iso apesar de ter pendente unha orde de expulsión, que foi revogada a última hora por un xuiz co argumento de que non constituía unha ameaza real, que xa había anos que cometera o delito e que ‘demostrara un evidente enraizamento laboral e fixera esforzos de integración na sociedade española’. A avogacía do estado non recorreu contra esa revogación da orde de expulsión.

Os catro axentes que o visitaron no cárcere de Castelló de la Plana

Aquel 2014 é un ano decisivo para es-Satti, non só por saír da cadea, mais também porque sae cun discurso claramente radicalizado e con vontade de facer proselitismo, de apregoar a necesidade da jihad. E comeza con dous xovens conversos que coñece naquel ano, cando é imán en Castelló. Os dous declararon no xulgamento como testemuñas. Con un deles tivo relación e contacto físico pouco antes dos atentados. Es-Satti aproveitou a autoridade que tiña como imán para se aproximar dos xovens, que tiñan grande interese na relixión, e foi inculcándolles unha interpretación radical do Islam. Ao punto de, tal como declarou un deles, lles mostrar vídeos de propaganda do Estado Islámico e lles falar da posibilidade de cometeren atentados no estado español.

E no ano seguinte, 2015, cando por algún motivo es-Satti se muda a Ripoll, ofrécese como imán na mesquita de al-Fath e entra en contacto por vez primeira con algúns dos mozos que despois cometerán os atentados do 17-A. Meses despois, cando o contacto e a relación cos xovens xa ficaron establecidos, es-Satti deixará o oratorio e marchará a Bélxica, supostamente para traballar como imán. Concretamente na mesquita Ioussef de Diegem, onde traballa uns cantos meses como período de proba, porque non chega a presentar nunca a documentación que os responsabeis da mesquita lle peden. Entre estes documentos, un certificado de boa conduta que es-Satti nunca lles entrega. Por iso, en abril do 2016 prescinden del. E el volta a Ripoll.

Mais durante o tempo que estivo en Bélxica, o presidente da mesquita Ioussef Soliman Akaunchouh tivo tempo de observar o estraño comportamento do imán. Chámalle a atención o que explicou no seu testemuño no xulgamento: “Unha vez entrei no escritorio e encontreino falando [por teléfono] con persoas que el dicía seren do servizo secreto, españolas. -Díxome que eran axentes españois que querían saber onde estivera. Pareceume que non era normal. Despois púxenme en contacto coa policía de Vilvoorde para controlalo un pouco, porque case non o coñecíamos e para que nos falase da súa situación”. Cando Akaunchouh declarou diante da policía despois do 17-A, afirmou que es-Satti lle dixera que en España todos os imáns tiñan contactos cos servizos secretos. Mais hoxe, no xulgamento, negou que o imán lle tivese dito iso.

Durante os meses que es-Satti estivo fora, houbo dous atentados jihadistas, en novembro do 2015 en París e en marzo do 2016 en Bruxelas, que conmoveron Europa. E cando voltou a Ripoll, en abril de 2016, voltou como imán da nova mesquita Annour, cun discurso público nas oracións que non levantaba sospeitas, mais con outro discurso na sombra que fixo que surxise, primeiro, a idea de cometer os atentados, e, despois,  os primeiros preparativos, entre o outono daquel ano e a primavera de 2017. Na altura, es-Satti voltou fugazmente a Bélxica e, despois, ao Marrocos. O imán deixou a mesquita Annour, porque os seus responsabeis lle dixeron que non podían prescindir tres meses dun imán.

A volta a Ripoll e as tres visitas da policía española

Así o explicaron no xulgamento o presidente da comunidade, Ali Yassine, e o secretario, Hamid Barbach, que declaron en calidade de testemuñas. Ora, a parte máis inquietante que os dous coñecían e o xuiz Alfonso Guevara impediu que explicasen é que durante esta última etapa de es-Satti en Ripoll, o imán ainda recibiu outras tres visitas da policía española, a última das cales apenas un mes antes do 17-A. O avogado Agustí Carles formulou a pregunta a Ali Yassine: “A policía visitou es-Satti nalgún momento?”, mais Guevara cortou rapidamente a resposta cun ‘impertinente’ seco. En troca, o mesmo avogado aproveitou unha fenda no muro cando declarou Hamid Barbach como testemuña. Porque Barbach xa declarara publicamente na comisión de investigación do Parlament de Catalunya sobre o 17-A que a policia española fixera esas tres visitas. Carles mencionou esa declaración, e Barbach corroborouna. Mais o xuiz non permitiu ir alén diso e declarou impertinente calquera pregunta máis nesa liña.

Máis unha vez, o xuiz impediu puxar do fío da conexión que tiña es-Satti cos servizos secretos españois e averiguar até cando o tivo controlado o goberno español. O certo é que, tal como xa adiantara VilaWeb, a policía visitou tres veces o imán de Ripoll.

Contouno pouco despois dos atentados Ali Yassine aos Mossos d’Esquadra. E naquela altura, a policia catalá non sabía nada destas visitas da policía española a es-Satti. Yassine explicou que en abril de 2016 presentáranse na mesquita dous membros da policía española con base en Girona e preguntaran polos membros da xunta do oratorio. E deixaran un correo electrónico oficial ao que lles enviaron toda a documentación que pedían. Máis tarde, pasado o verán daquel ano, outros dous membros da policía española voltaron a Ripoll e exixiron os estatutos da xunta e preguntaron especificamente por Abdelbaki es-Satti. Nesa ocasión, as respostas foron orais. Finalmente, en xullo do 2017, funcionarios da policia española fixeron unha terceira visita e preguntaron se houbera algunha mudanza no organigrama do oratorio. Contestaron que es-Satti fora despedido e que dixera que marchaba a Marrocos. Os policías españois non fixeron ningún comentario.

As revelacións dos membros da comunidade Annour fan pensar que, como mínimo, a policía española lle seguiu a pista até ben pouco antes dos atentados. Mais, para a Audiencia española, esta información é impertinente. E, portanto, é prohibido levantar a cortina. E a cronoloxía dos movementos de es-Satti fica, así, incompleta.

Josep Casulleras Nualart – VilaWeb