O que foi de Abdelbaki es-Satti, ex-imán de Ripoll e cerebro do grupo de xovens que planearon e perpetraron os atentados de agosto do 2017? Que teña realmente morrido, como sostén o relato oficial, resulta cada vez máis dubidoso no xulgamento que comezou a semana pasada na Audiencia española. Porque aparecen máis pezas do quebra-cabezas que non encaixan. Por exemplo: como é posíbel que a furgoneta do imán fose encontrada intacta no 21 de agosto en Sant Carles de la Ràpita, a unha decena de quilómetros da casa de Alcanar onde supostamente es-Satti morrera na explosión do 16 de agosto pola tarde?

Se ben é verdade que no xulgamento, tal como foi enfocado e de acordo co escrito da procuradoría, non se pon en causa que es-Satti teña morrido, a acusación que representa os pais de Xavi, o neno de tres anos morto na Rambla, si que vai ao fondo da cuestión. Os avogados Agustí Carles e Jaume Alonso-Cuevillas conseguiron traer á tona pormenores importantes nos depoimentos de axentes dos Mossos d’Esquadra que testemuñaron estes días.

Se es-Satti foi na furgoneta, ou se esta foi conducida por outros membros do grupo, que facía estacionada en Sant Carles de la Ràpita? Ainda máis, segundo as declaracións dos mossos que fixeron a primeira inspección ocular da carriña unha vez localizada, esta estaba en perfecto estado, sen golpes nin danos, e non estaba cuberta de pó. Non parece posíbel portanto que tivese estado diante da casa cando se produciu a primeira explosión. E, segundo os testemuños dos axentes que inspeccionaron o entullo da casa máis tarde, non viron ningunha furgoneta como aquela, unha Mercedes Sprinter branca, estacionada alí.

En troca, hai veciños que declararon aos Mossos d’Esquadra que viran a carriña branca de es-Satti circulando cando xa se tiña producido a primeira explosión da casa. E ainda hai outra testemuña, segundo salientan os avogados, que dixo ter visto es-Satti falando cun carniceiro da Ràpita. A furgoneta foi encontrada moi perto dese local. Estas testemuñas declararán en xornadas posteriores do xulgamento, e os avogados tentarán respigar máis pormenores destas afirmacións que os que recollen os atestados policiais incluidos no sumario.

 

Todos estes testemuños non fan senón abrir máis interrogantes. Que facía a carriña do imán estacionada na Ràpita, cando se tarda máis dunha hora en chegar andando á casa de Alcanar? Se alguén a levou alí antes ou despois da explosión e non foi o imán, quen foi? E por que? E se foi o imán, por que a deixou alí, que camiño seguiu despois? e como o fixo?

 

Mais a furgoneta tamén achega outra información que, por un lado, consolida as dúbidas sobre se es-Satti estaba na casa de Alcanar cando esta estourou e, por outro, torna máis evidente o desleixo da policía española na hora de confirmar se, con efecto, o imán de Ripoll era un dos mortos na explosión. Na carriña, os Mossos encontraron un pasaporte a nome de es-Satti, un iPhone e o soporte dun cartón microsim correspondente a outro móbel, un Nokia. Segundo a investigación, este teléfono foi activado o 9 de agosto, o día que es-Satti voltara de marrocos, era seu e era un móbel conspirativo, quer dicir, pensado para ser utilizado só para comunicacións referidas ao planeamento dos atentados. Mais este móbel non foi encontrado, nin nos escombros de Alcanar nin dentro da carriña. O documento de identidade de es-Satti, o NIE, tampouco foi localizado nin en Alcanar nin na furgoneta.

E dentro do vehículo os Mossos tamén acharon facturas de luz e agua dun período entre mediados de xuño e mediados de xullo que correspondían a un enderezo de Tetuán, no Marrocos. O enderezo é o do domicilio dun familiar da muller de es-Satti, onde é posíbel que tamén vivise ela. O imán enviáralle diñeiro había pouco, e tamén á súa filla máis vella. Por iso é difícil entender por que cando unha comisión rogatoria da policía española foi a Marrocos, nos finais do 2017, para obter mostras do ADN da familia de es-Satti, e lle respondensen que había sete anos que ninguén sabía nada del, se conformase con esa resposta. Porque desde o mes de agosto tiñan un enderezo concreto en Tetuán con facturas ben recentes onde podería ter ido pedir explicacións.

A medida que pasa o tempo, a investigación policial parece ir perdendo interese en es-Satti e a información sobre o que aconteceu con el faise máis confusa e contraditoria. O que, a pouco e pouco, vai ficando evidente no xulgamento.

Josep Casulleras Nualar – VilaWeb