A decisión do Supremo de deixar como está a condena a Xabier Atristain, declarada inxusta por Europa, foi executada en menos de 24 horas. Atristain foi abordado na Parte Vella de Donostia e levado a Martutene. Todo iso despois de ter pasado xa máis de once anos e medio preso.

 

Atristain, encarcelado de modo fulminante tras el desacato del Supremo a Estrasburgo | Euskal Herria | Naiz                   Atristain, na Parte Vella de Donostia pouco antes de ser detido e encarcerado de novo. (NAIZ)

 

Ramón Sola

 

Xabier Atristain foi devolto a prisión na quinta-feira, apenas horas despois de que o Tribunal Supremo español rexeitase revisar a condena de 17 anos que lle impuxo e que o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos declarou inxusta.

Atristain foi abordado na Parte Vella de Donostia por axentes da Ertzaintza e conducido ao cárcere de Martutene, desde onde fora posto en liberdade en febreiro en cumprimento da sentenza europea.

O reingreso en prisión agrava o escándalo deste caso. A insólita decisión do Supremo no día anterior (terza-feira 1º de xuño), facendo ouvidos moucos ao ditame europeo firme, non debería levar automaticamente o ingreso en prisión, tendo en conta que Atristain cumpre as condicións para o acceso a terceiro grao. No entanto, os tribunais españois decididiron executar a súa decisión de modo fulminante, cun mandado de captura.

Dúas secuencias rocambolescas

A secuencia deste caso ten varios elementos notabeis. Polo que respecta ao encarceramento, compre lembrar que a excarceración de Xabier Atristain foi decidida polos tribunais estatais despois da primeira resolución europea que lle daba a razón, producida en xaneiro. Materializouse concretamente no 18 de febreiro e desde ese momento estivo en liberdade. Apesar de que posteriormente o Tribunal Europeo declarou firme a súa sentenza sobre o caso, rexeitando o recurso da Avogacía do Estado, o desenlace decidido polo Supremo é que Atristain volta a estar atrás das reixas.

Todo iso foi forzado pola Procuradoría, e aquí tamén convén reparar en como foron producíndose os feitos. Nun primeiro momento o Ministerio Público aceptou o lóxico pedido de Atristain para que fose revisada a condena no Estado español, mais hai unha semana mudou de posición para rexeitar esta opción, o que terminou sendo dado por bo polo Alto Tribunal español.

A virada do Ministerio Público produciuse, paradoxalmente, despois de a sentenza europea se ter convertido en firme. Con iso abríase a porta a revisar outros casos análogos en que as únicas probas existentes contra os presos foron arrancadas vía incomunicación (inculpacións ou autoinculpacións). De feito, a Audiencia Nacional ditou neste período dúas sentenzas absolutorias por similares motivos e subliñando a existencia dunha nova xurisprudencia europeas, nos casos de Gorka Palacios e Juankar Iglesias.

A diferenza a efectos prácticos consiste en que tanto Palacios como Iglesias ainda están presos por cumpriren outras condenas, en tanto que no caso de Atristain esa era a única existente e a negativa do Supremo a revisala desencadeou no seu retorno a prisión.

Tampouco temos de esquecer que Atristain pasou xa máis de once anos e medio no cárcere por este caso. Foi encarcerado en novembro de 2010 a seguir a súa detención pola Garda Civil. Seis meses antes presentouse voluntariamente e pasou pola Audiencia Nacional. Ficou libre por non haber probas en contra del. Estas foron «obtidas» na incomunicación sen defensa xurídica algunha, como remarcou o Tribunal de Estrasburgo.

Denuncia de Sare

Varias persoas concentráronse pola tarde no Boulevard de Donostia para expresar o seu rexeitamento ao reingreso en prisión de Xabier Atristain nunha mobilización convocada por Sare. A plataforma cidadá denunciou que a decisión do Tribunal Supremo español que contradi a sentenza europea é «inverosímil, incomprensíbel e, en particular, contraria aos dereitos humanos».

«A sentenza do Tribunal Supremo esixe garantir a indefensión xurídica, con todo o que iso supón. Apesar de presentarse como un Estado democrático e de dereito, este tipo de decisións continúan situando o Estado español moi lonxe desta realidade», subliñou.

Sare reafirmou que o fallo do TEDH «debería supor a reconsideración das sentenzas e sancións que consideren as declaracións sob incomunicación e tortura como proba principal», contodo, denunciou que o Supremo «optou pola súa autoprotección, rexeitando a xustiza».

Máis denuncias

EH Bildu subliñou ante esta noticia que «a detención e encarceramento de Xabier Atristain é un escándalo» e lembrou que a decisión do TEDH «é vinculante».

A reacción de Sortu foi moi gráfica: «A Xustiza española non pode facer o que lle peta». Por iso, fixo un chamamento a «os axentes vascos favorabeis á democracia» para que «levanten a voz. Xa chega».

Engade catro ideas: «O proceso xudicial contra Xabier Atristain foi inxusto na súa totalidade; esta inxustiza afecta todo o procedemento, portanto non hai que amañar nada. O Tribunal Supremo debe acatar a sentenza de Estrasburgo e non pode facer outra sentenza como lle dea na gana. A Xudicatura española ten que anular a súa sentenza porque Europa a desmontou, e non o fixeron, senón xusto o contrario, E Xabier Atristain está agora en prisión cumprindo unha sentenza inxusta».

A maioria do Parlamento Vasco tamén protesta

Portavoces de PNV, EH Bildu e Elkarrekin Podemos-EU, que conforman a maioría do Parlamento de Gasteiz, fixeron pública esta sexta-feira unha declaración en que sinalan que «acollemos con respecto a sentenza do Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos no caso Atristain contra España que estableceu a vulneración do seu dereito a un proceso xusto derivado da aplicación do réxime de incomunicación». Lembran que, «en aplicación desta sentenza, Atristain foi posto en liberdade».

Joseba Díez, Julen Arzuaga e Miren Gorrotxategi engadiron que «ante a clareza desta sentenza do alto tribunal dos dereitos humanos, un fallo preceptivo, de obrigatorio cumprimento e agora firme, mostramos o noso desconcerto pola recente decisión do Tribunal Supremo de non contemplala, decisión arbitraria que, alén do máis, xera unha profunda inseguranza xurídica».

Xunto con iso, estes grupos, que suman 58 dos 75 parlamentares, mostran a súa «preocupación porque, existindo outras alternativas, fose decretada a inmediata prisión para Atristain».

Naiz