Os maxistrados da Sala da Sección V da Audiencia Provincial de Barcelona consideran que no día do referendo do Primeiro de Outubro a actuación da Garda Civil no Instituto Quercus de Sant Joan de Vilatorrada foi ‘excesivo’.
O auto, un forte puxón de orellas tanto a actuación policial como a maxistrada instrutora de Manresa, titular do número 2 da capital do Bages, asegura que poderían ter sido evitadas lesions que sofreron varias persoas. Asi mesmo, segundo o auto, consideran que houbo ‘excesos policiais no uso de porras e as defensas golpeando cidadáns sen que houbese agresión física previa e sen finalidade aparente’.
Aliás, a Audiencia considera que a actuación policial non foi ‘proporcional’ e que terían de ter valorado o feito de poderen provocar feridos e un ‘deterioramento da imaxe das institucións’. Os maxistrados aseguran tamén que se se tivese deixado votar, o resultado non tería tido ‘ningunha consecuencia xurídica’ como se viu despois nos outros locais de Catalunya en que foi posíbel votar. ‘Iso era sabido pola forza actuante’, lembra a resolución. Con estes argumentos, a Sala requer á instrutora que sexan practicadas as probas pertinentes para esclarecer que axentes actuaron con exceso de forza.