A Audiencia Provincial da Coruña acaba de ditar sentenza en que absolve quince persoas do delito de inxurias contra a Garda Civil pola que foran condenadas en primeira instancia. O pasado mes de novembro o Xulgado do Penal nº1 da Coruña condenara as persoas chamadas as “15 de Arteixo” como responsábeis dun delito de “inxurias á Garda Civil”, con condenas de seis meses de multa a unha cota de catro euros diarios.

Os feitos aconteceron no proceso de criminalización do movemento de apoio á familia de Diego Viña, morto no cuartel da Garda Civil en Arteixo en estrañas circunstancias o 22 de setembro de 2004. O xoven fora denunciado polo seu pai, tamén garda civil, por unha suposta agresión no domicilio. Horas despois de ter sido prendido apareceu esganado nos calabouzos do cuartel, supostamente, co seu propio pantalón. Porén, após a investigación iniciada a instancias da familia de Diego Viña, que non acreditaba no relato policial, descubriuse –porque así o recoñeceu o sarxento– que o pantalón, a proba fundamental, fora atirado “ao lixo” polos axentes e que as cámaras de vixilancia instaladas na cela, que podían revelar as circunstancias da morte, estaban apagadas. No cadro da investigación desenvolvida polo Xulgado de instrución nº5 da Coruña o propio pai de Viña foi imputado por procedemento de denuncia falsa sendo que non existían indicios de que a agresión formulada tivese acontecido cando Diego foi detido.

Desde 2005, familiares e colectivos sociais, xunto con outras persoas solidarias, viñan concentrándose todos os anos o 12 de outubro (día en que a comunidade católica festexa a Virxe do Pilar, Patroa da Garda Civil) perante o templo parroquial de Santiago en Arteixo para reclamaren o esclarecemento das obscuras circunstancias que levaron á morte o xoven Diego Viña. Ao longo deses anos, as concentracións foron obxecto de varias denuncias da Garda Civil (por desordes publicas , ofensa aos sentimentos relixiosos….) mais até 2012, cando a xuiza Pura Caaveiro, titular do Xulgado Penal núm. 1 da Coruña, procedeu a instruir a abertura de xuizo oral por inxurias ao corpo armado como institución na concentración celebrada nese ano, as denuncias sempre tiñan sido arquivadas.

A Audiencia Provincial revoga a sentenza condenatoria

Agora a sentenza do tribunal colexiado declara que expresións como as coreadas na concentración (” A Garda Civil tortura e asasina”, “Aquí se tortura como na ditadura”…) deben ser impunes por estaren amparadas no especial contexto de protesta e reinvidicación en que son vertidas. Sinala as serias dúbidas que as persoas acusadas podían ter en relación á version oficial da morte de Diego por feitos acreditados como non teren aparecido os pantalóns cos que se produciu teoricamente o suicidio ou non existiren grabacións, apesar de haber cámaras instaladas na cela. Entende a Sala da Audiencia Provincial que con esta base fáctica, debe prevalecer o dereito fundamental á liberdade de expresión .

Porén, a sentenza amosa outras faces nidiamente preocupantes de cara á consolidación dunha doutrina garantista. A Sala acolle a tese da sentenza de instancia que dá por probada a co-autoria das quince persoas acusadas, ainda que non houbo individualización de condutas, asumindo unha especie de responsabilidade colectiva obxectiva e atribuindo presunción de veracidade as inconcretas e dubitativas declaracións dos gardas no plenario. Dá por boas as grabacións realizadas polos membros da benemérita ainda que non consta que contasen coa autorizacion ou convalidación que esixe a lei orgánica en materia de videovixilancia.

E por último, confire excesiva importancia a que a causa polo homidicio impurdente de Diego ainda non estivese arquivada na altura (outubro de 2010). Como se os acusados non pudesen albegar dúbidas a respecto da versión oficial e exercer a liberdade de expresión unha vez que recaese auto de arquivo e como se esta resolución pudese mudar a realidade obxectiva : que persisten serias dúbidas -acreditadas por feitos obxectivos (como a desaparición das pezas de convicción)- sobre a bondade da versión oficial en relación ás obscuras circunstancias en que morreu Diego Viña e que a verdade xudicial formal non pode marcar unha liña no exercicio dun dereito fundamental cando a realidade material continúa a darlle carta de natureza.

Após trece anos de calvario, a familia merece algo máis que unha sentenza absolutoria que recoñece parcialmente a lexitimidade de exercer a liberdade de expresión. merece, no mínimo, unha explicación das circunstancias da morte de Diego.

Ver aquí a sentenza.