A defensa de 13 estudantes procesados por supostos delitos de desordes públicas e danos denuncia que as identificacións foron feitas seguindo un perfil ideolóxico. Algúns avogados sinalan que é preciso investigar con que marxe os Mossos d’Esquadra almacenan información sobre membros dos movementos sociais.

 

Capçalera de la manifestació d'estudiants passant pel carrer Pelai de Barcelona. Imatge del 13 de maig del 2021.Manifestación de estudantes no Carrer Pelai de Barcelona. Foto; María Belmírez – ACN

 

“De Irene dispuñamos de imaxes previas e por iso eu mesmo vou detela”. Así recoñecía un axente dos Mossos d’Esquadra que o corpo policial ten un arquivo de imaxes para comparar a identidade de 13 estudantes, procesados por supostos delitos de desordes públicas e danos nunha manifestación estudantil. Ningún deles foi identificado pola policía durante o protesto, convocado para pedir a rebaixa das taxas universitarias, polo que os avogados pregúntanse como chegaron aos seus nomes. Esta non é a primeira vez en que Mossos deixan entrever que teñen un banco de datos con nomes de activistas e militantes de organizacións políticas.

“Sorprendeunos o descaramento con que recoñecían que consultaran dilixencias policiais por ‘actos similares'”, explica un dos avogados dos estudantes, Xavier Monge, da organización anti-represiva Alerta Solidària. Referíanse os Mossos á ocupación da Secretaria d’Universitats meses antes polo movemento estudantil, mais tamén aos protestos veciñais contra o plano CAUFEC, as mobilizacións contra o autobús tránsfobo da ultra-dereitista Hazte Oir ou a entrada da sede do PP convocada pola organización Arran en 2017 en defensa do referendo do 1-O. Nunha ocasión un axente chegou xustificar o recoñecemento de dous acusados por televisión nun destes protestos.

 

“Sorprendeunos o descararamento con que recoñecían que consultaran dilixencias policiais por actos similares”

 

“Este concepto de ‘actos similares’ é peculiar. Que teñen a ver o CAUFEC ou o PP co protesto? Con que criterio gardas todo isto? Pois co de reprimir a disidencia política e unhas organizacións concretas”, opina Monge. O avogado explica que, para abrir dilixencias contra unha persoa nunha manifestación, o adecuado sería facer unha identificación no lugar dos feitos e mesmo tirar imaxes durante a mobilización. Dado que no caso dos estudantes non foi así, a defensa preguntou como chegaran aos seus nomes: “O Mosso instrutor sinalou que foran os seus subordinados que os identificaron, ao tempo que eles sinalaban o instrutor ou dicían non lembralo. Se foi o instrutor quen pasou os nomes, trátase dunha investigación prospectiva: non teño feitos delituosos que quero investigar, teño autores aos que quero encausar, e busco até achar”.
Unha práctica habitual.

 

“Temos a sensación de que nos perseguen por militar onde militamos”

 

Esta non é a primeira vez que activistas se dan de bruzos con identificacións que apuntan á almacenaxe de imaxes. Tamén aconteceu o mesmo a oito xovens que participaron dun primeiro de maio en 2016 e foron condenados por un delito de danos con multas que suman 24.000 euros entre todos. “Non nos identificaron durante a mobilización, mais din que nos monitorizaron nas redes sociais”, explica Salim B. Durante o xulgamento, máis unha vez, os Mossos afirmaron relacionar as imaxes dun dos acusados con outras anteriores, e que despois acharon o resto de procesados mediante os seus vínculos por redes sociais e likes en páxinas de contido político. “Temos a sensación de que nos perseguen por militar onde militamos”, di Salim.

Esta impresión é partillada polos estudantes, tal como explica Alba Monfort, unha das procesadas: “Parece que querían perseguir as nosas militanzas no Sindicat d’Estudiants dels Països Catalans (SEPC) e nas asembleas de facultade”. Monfort non entende como a identificaron a ela: “Din que accederon a un perfil de Facebook, mais tampouco especifican cal… E se me buscaron, é que tiñan o meu nome. Nin me identificaron, nin teño antecedentes penais. Non debo constar en ningún rexistro, en principio”.

 

“Temos a sensación de que nos perseguen por militar onde militamos

 

Monge lembra tamén o caso dos 16 procesados en 2008 por queimaren unha fotografía do rei en Girona, cuxas identificacións foron postas en dúbida, ou, o que foi aínda máis polémico, os mozos procesados na greve xeral de 2012, cuxas fotos foron expostas nunha web creada pola consellaria de Interior dirixida por Felip Puig para que a cidadanía os identificase. Outro episodio foi o de 2013, cando Anonymous filtrou 38 documentos elaborados polo Centre de Seguretat da Informació a Catalunya (CESICAT) onde estaban rexistrados os movementos dunha serie de activistas polas redes sociais, entre os cales estaba tamén Monge: “Mossos encarregou unha monitorización de perfís abertos nas redes sociais con criterios políticos”. Algunhas das persoas monitorizadas foron o ex deputado da CUP David Fernández, o foto-xornalista Jordi Borràs ou a ex membro da mesa por ERC, Anna Simó. Foi por causa deste escándalo que o actual vice-presidente do Govern, Jordi Puigneró, pasou a dirixir esta institución.

Un regulamento con moita marxe

Que información pode almacenar a policía? Segundo a IRP/435/2009 sobre ficheiros policiais “que conteñen datos de carácter persoal”, Mossos está autorizado para contar cun “sistema de información da policía da Generalitat de persoas físicas” (SIP FP) con finalidades tales como “xestionar as actividades relevantes para a seguranza cidadá” ou “prevenir as infraccións penais”. A lista de posibeis afectados é moi ampla, e non só cobre aquelas persoas incluídas en atestados policiais ou nun procedemento penal, tamén aquelas “sobre as que existan intereses policiais en vigor” ou “relacionadas con información de interese policial”. Ningún responsábel dos Mossos quixo comentar os feitos constatados nesta reportaxe, polo que Público non puido recoller a súa posición.

Fontes da Autoritat Catalá de Protecció de Dades (APDCAT) aseguran que a policía só pode recoller a información necesaria para a investigación dun delito ou cando “houber un perigo real para a seguranza pública”. No caso de “categorías especiais de datos”, como son a afiliación sindical ou a ideoloxía, fai falta que se trate de “unha investigación concreta”. Alén diso, os datos só poderán ser conservados en tanto foren necesarios para a investigación: “Deben ser cancelados se xa se esixiron responsabilidades, se houbo unha sentenza absolutoria ou se prescribiu o delito”. Este precepto mudará o próximo 17 de xuño coa nova lei orgánica 7/2021, que establecerá un período máximo de 20 anos de conservación, a menos que houber investigacións abertas.

Canto ás imaxes con sistemas de video-vixilancia, a APDCAT asegura que tan só poden ser conservadas durante un mes, a non ser que houber unha investigación aberta, algo que non casa co caso dos estudantes, así como tantos outros. “Debe xustificarse como se chega dunha imaxe a outra, e a un nome, e a unha identificación”, algo que segundo Monge non sempre se fai. Por iso, recomenda a todo o mundo tramitar a cancelación de rexistros policiais e penais, xa que o corpo policial non sempre cumpre coa obrigatoriedade de eliminar os datos tanto se se pasou por un proceso xudicial como se, simplesmente, algunha vez se recibiu unha multa.

Dificultades para identificar policías

A avogada do centro de dereitos humanos Iridia, Laura Medina apunta que durante os xulgamentos nunca se esclarece que datos conserva a policía: “Nin os avogados nin ninguén acaba de ter claro que información se almacena”. Esta avogada destaca o contraste que existe entre a facilidade para identificar activistas e o difícil que se fai para eles identificar Mossos d’Esquadra cando se investigan abusos: “Cando se trata de malas praxes, non saben nada. Non sei se é máis grave, que non queiran achegar a información ou que non a rexistren”.

Público