Os axentes de policía foron a un establecemento onde se producira un roubo e, aproveitando a desorde que había no lugar, un deles colleu un aparato por valor de 722 euros.
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña celebrará o día 23, ás 10,00 horas, o xulgamento contra un axente da policía española como suposto autor do furto dun móbel na cidade herculina, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
En xullo de 2017, axentes da PN dirixíronse a un establecemento de venda de móbeis despois de recibiren a chamada da encargada polo aviso dun roubo.
“Os dous axentes dedicáronse a inspeccionar o establecemento para descubrir os vestixios que puidesen ter deixado o autor ou autores do feito e constatar o elevado número de teléfonos móbeis subtraídos de entre os que alí había depositados ou expostos para a venda, así como os que deixaran preparados”, sinala a Procuradoría.
Tamén engade que nese momento un dos axentes “fíxose” cun móbel, cun prezo de 722 euros, “aproveitando a desorde xerada no comercio e que a encargada, pola condición de policías nacionais do acusado e do seu compañeiro, estaba convencida da súa honestidade, de que non ían aproveitarse da situación e de que non facía falta vixiar os seus pasos polo establecemento”.
“Ocultouno ao saíren do local e quedou con el convencido de que, tendo en conta a cantidade de aparatos aparentemente subtraídos, a responsábel do comercio pensaría que formaba parte dos que inicialmente levaran o autor ou autores do roubo”.
Contodo, engade o Ministerio Público, “as investigacións policiais que levadas a cabo con autorización xudicial permitiron, semanas despois, localizar este terminal en poder doutra persoa, da que non existe constancia que coñecese a súa orixe ilícita ao recibilo”.
“Até ela chegou despois de o acusado o usar durante uns días e desfacerse finalmente del por medios que non puideron ser concretados”, indica o escrito de cualificación de Fiscalía, que pide para o axente 15 meses de prisión.