Agora que se está banalizando o concepto de terrorismo e se pretende aplicalo a grupos e movementos tan pouco semellantes como son os CDR e o Tsunami Democràtic, ben vale a pena analisar se realmente estamos ante un fenómeno destas características, que sería moi grave ou, ben ao contrario, ante un uso espurio do concepto con finalidade moi diferente á inicialmente confesada.

 

 

Non calquera actividade, por moi organizada que pareza ou se presente, entra dentro do que na Europa se entende por actividade terrorista e, a respecto disto, resulta fundamental a Decisión Cadro 2002/475/JAI do Consello onde se establecen criterios comúns de loita penal contra o terrorismo. O Parlamento Europeo pronunciouse recentemente en contra da iniciativa dun partido político franquista que pretendía que fosen incluídos na lista de organizacións terroristas o Tsunami Democràtic e os CDR.

É esa mesma decisión-cadro a que delimita o alcance que poden ter as medidas de loita contra o terrorismo establecendo que a mesma “non pode ter como consecuencia a modificación da obrigación de respectar os dereitos fundamentais e os principios xurídicos fundamentais sancionados polo artigo 6 do Tratado da Unión Europea”.

Por que é tan importante ese límite? Basicamente porque o que vén garantir é que non se faga un uso indebido do concepto de terrorismo para xerar un cadro xurídico ou unha actuación represiva. Trátase de que a definición de terrorismo non se expanda ao punto de afectar determinados principios recoñecidos no Tratado da Unión, concretamente, os do artigo 6; estes dereitos constitúen un amplo catálogo, por remisión, a diversos instrumentos legais como, por exemplo, a Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea de 7 de decembro de 2000, tal como foi adoptada o 12 de decembro de 2007 en Estrasburgo.

Mais non só hai límites, tamén, hai unhas posicionamentos comúns que permiten a inclusión de calquera organización ou grupo terroristas, así como de individuos vinculados con eles, nunha lista común da Unión Europea tal como se estableceu na Posición Común do Consello de 27 de decembro de 2001 sobre a aplicación de medidas específicas de loita contra o terrorismo.

Non se corresponde co principio de cooperación leal nin co de seguranza común que un Estado membro investigue un suposto fenómeno terrorista e non partille eses datos cos seus socios

Nesta posición común establécese, entre outras cousas, o mecanismo de inclusión de datos sobre grupos e persoas vinculadas con actividades terroristas nunha lista común, e a respecto diso dise que a mesma “será elaborada sobre a base de informacións concretas ou de elementos do dossier que mostren que unha autoridade competente adoptou unha decisión a respecto das persoas, grupos e entidades mencionados, tanto se se trata da abertura de investigacións ou de procedementos en relación cun acto terrorista, como da tentativa de cometer, ou de participar, ou de facilitar ese acto, baseada en probas ou en indicios serios e verosimeis, ou se se trata dunha condena polos citados feitos”.

Quer dicir, “pode ser incluídos na lista persoas, grupos e entidades baseándose nas propostas presentadas por Estados membros ou terceiros Estados” mais existen uns inconvenientes que, certamente, son os que impeden as autoridades españolas dar ese paso: dunha parte, que as probas ou indicios han de ser serios e verosimeis e, doutra, “o Grupo para a execución da Posición Común 2001/931/PESC estuda e avalía a información con vistas á inclusión ou a retirada da lista” e “a seguir, fai recomendacións ao Consello”.

Dito máis claramente, non todo o que se queira denominar, polas razóns que for, terrorismo cabe nesa lista e, alén diso, a inclusión non é acrítica, senón que ha de pasar pola peneira da valoración do grupo encarregado da mesma.

Portanto, se nin Tsunami nin os CDR están incluídos nesa lista ben se pode chegar á conclusión da inexistencia de “probas ou indicios serios e verosimeis” e que quen os está investigando como grupos terroristas e por actos de terrorismo son perfectos coñecedores da imposibilidade de salvar o filtro do grupo para a execución da Posición Común 2001/931/PESC.

Non poño en dúbida a existencia dunhas concretas investigacións a respecto de Tsunami e os CDR como grupos terroristas nin por delitos de terrorismo, o que si poño en dúbida é a existencia de base suficiente como para entender que realmente estamos ante o citado fenómeno e, de o estarmos, o sorprendente é que non fosen alertadas as autoridades dos diferentes países da Unión Europea.

Non se corresponde co principio de cooperación leal nin co de seguranza común que un Estado membro investigue un suposto fenómeno terrorista e que non patille eses datos cos seus socios, especialmente cando se trata de socios cos que non ten ningún tipo de control fronteirizo. Se non se está compartillando a información as razóns poderían ser moitas, mais a principal é que sexa absolutamente inconfesábel a forma como se chegou á conclusión de estar ante un grupo ou actividades terroristas.

Se callar a resposta é máis sinxela que todo isto e consiste na banalización do concepto de terrorismo e o seu uso espurio para atraer a competencia para a Audiencia Nacional á vez que permitir, desa feita, acudir a medidas moi gravosas de investigación que autoricen facer unha auténtica prospección dentro do movemento independentista catalán coa escusa de estar a investigar unha actividade terrorista.

Como vén demostrandose de maneira reiterada, a partir da internacionalización xurídica do conflito, estar en Europa ten moitas vantaxes, mais, tamén, algunhas servidumes e unha das máis pesadas é que toca respectar o estado de dereito que, entre outras cousas, prohibe facer batota no solitario.

Gonzalo Boye

El Nacional