Concebido inIcialmente como un filme de ficción, que os problemas económicos e os derivados da axenda do actor que o protagonizaría acabaron converténdoa en documentario, Billy busca trazar a biografía do torturador Antonio González Pacheco a través dos relatos e declaracións das súas vítimas, vítimas que tiñan daquela en común o feito de seren estudantes e xente moi nova, mais non máis nova do que o propio torturador.
O filme nace da indignación que provocou aquel título de prensa que dicía que a Audiencia Nacional rexeitaba a extradición a Arxentina de Antonio González Pacheco, aliás “Billy el Niño”, argumentando que os delitos das súas torturas durante a ditadura xa tiñan prescrito.
Dende esta posición de partida e durante os 73 minutos que dura a fita, o seu realizador Max Lemcke constrúe un filme, un tanto linear na súa construción dramática, mais que sobrecolle pola súa crueza e nalgún momento especialmente forte pola súa terríbel verdade, como é o caso das declaracións da militante do FRAP Josefina Rodriguez, “Asturias, quen recoñece en primeiro plano que non foi quen de aguantar a tortura e acabou recoñecendo un compañeiro.
Sen ningunha axuda pública e financiada exclusivamente grazas ao mecenado de 1300 persoas polo sistema de crowfonding, en Billy asistimos non só a unha interpelación sobre o pasado para falar do presente, senón tamén á formulación dunha critica indisimulada da chamada Transición e do pacto de silencio e impunidade que trouxo consigo
En palabras dos seus produtores “As intencións do filme non son revanchistas. Ollar cara atrás para coñecermos a memoria, como unha ponte para seguirmos avanzando, un lugar de encontro co outro. (…) Billy imaxina unha historia empregando a crúa realidade. É o reflexo dun país cheo de contradicións. A transición española como un documento de traizón, culpa e sangue”