No Reino de España hai máis de 58.000 persoas presas. Moitas delas cun estado de saúde delicado. Países como Noruega ou Irán adiantan o fin das condenas ou permiten o arresto domiciliario para evitaren a diseminación do Covid-19.

 

La prisión de Bonxe usa ya pulseras con chips para controlar a los ...

 

“Sempre se dixo que a experiencia é un grao. Os que cumprimos penas punitivas de liberdade sabemos moi ben o que supón non saír á rúa e estar encerrado durante semanas, meses ou anos. Por iso podemos considerarnos especialistas en estados de alarma”.

Así termina a carta dun preso no Acebuche, Almería, enviada ao director dese centro e que Institucións Penitenciarias divulgou. Probabelmente escoitarían clamar pola prisión permanente revisábel ou considerar que unha condena de 13 anos é ‘moi pouco’ por tentar romper España. Probabelmente, en repetidas ocasións, embora máis nestes días, pasaríalles pola cabeza que talvez aquilo de non podermos saír de casa nin para abrazar os seus familiares, nin para ir ao cinema, nin para almorzar torradas nunha cafetaría, nin para camiñar pola rúa polo simples pracer de facelo, só talvez, non era tan fácil como parecía desde a nosa posición de liberdade.

No Reino de España, hai 58.369 persoas presas, tal e como apunta o recluso de Almería no seu texto ‘especialistas en estados de alarma’. Mulleres, homes, xovens, anciá/ns e tamén crianzas que pasan 24 horas cada día nos cárceres españois e que hoxe están máis presos, se posíbel, por causa do coronavirus.

As prisións divídense en módulos segundo as circunstancias das persoas internas: de isolamento, de reinserción…. Habitualmente, cada área ten un patio e unha zona común. Dentro da monotonía que, agora xa sabemos, supón soportar o día a día nun mesmo espazo, por moi grande que sexa, os reclusos normalmente empregan parte do seu tempo en actividades deportivas ou obradoiros de carpintaría, confección, electricidade, electrónica, etcétera. Agora xa non. Os obradoiros produtivos foron fechados. Agora, informa Institucións Penitenciarias, fabrican máscaras en obradoiros externos e, segundo sinalan a CTXT algúns funcionarios, nalgunhas prisións os internos saen aos patios apenas un momento e por turno para manter a distancia de seguranza obrigatoria. A biblioteca, iso si, mantense aberta e estes días foi facilitado o acceso a quebracabezas ou arxila para matar o tedio. Os módulos onde existen casos positivos por Covid-19 están en cuarentena.

Até o momento [a data 1 de abril], 111 funcionarios de Institucións Penitenciarias e sete internos son positivos por coronavirus. Hai dúas persoas falecidas: un funcionario de prisións do penal de Alacant I, en Fontcalent e unha reclusa de Estremera.

Cando pensamos en persoas que están encerradas nun cárcere, probabelmente á maioría nos virá á mente a imaxe dun home forte e máis ou menos novo. Mais a reclusa que levou o coronavirus a semana pasada chamábase Denis e tiña 78 anos. Entre penadas e preventivas, hai no noso país, segundo os datos oficiais, 2.784 persoas maiores de 60 anos.

 

Os obradoiros produtivos foron fechados e nalgunhas prisións os internos saen aos patios apenas un momento e por turno

 

Os funcionarios de prisións alertan de que o número de infectados, tanto de persoas presas como de traballadores ‘podería ser moito maior que o facilitado desde a organización’. Segundo Institucións Penitenciarias, hai a día de hoxe 245 internos e 870 traballadores en cuarentena. “Non se realizan as probas, cousa que me parece un problema de saúde a posteriori enorme porque, se non facemos test, imos acabar metendo o coronavirus dentro das prisións”, conta preocupada Elena Getino, traballadora do establecemento prisional de Alhaurín de la Torre (Málaga).

 

http://www.telemadrid.es/programas/de-todo-corazon/arte-Roberto ...

 

O protocolo a seguir actualmente, segundo informa a Secretaría xeral de Institucións Penitenciarias, é dar parte á autoridade sanitaria se un interno ou interna adoece e, a partir de aí, é preciso isolá/o nunha cela ou mandala/o ao hospital. Tamén hai módulos vacíos para aquelas persoas que teñan que pasar a cuarentena en prisión.

Uns días antes de ser decretado o estado de alarma, Institucións Penitenciarias comezou a tomar medidas para prevenir os contaxios, como prohibir os vis-à-vis e as entrevistas presenciais. Días despois, foron prohibidas todas as visitas e ordenouse pór en cuarentena de 14 días aos novos internos. Tamén foron suspendidas todas as saídas.

“Os psicólogos en prisión seguimos traballando, aínda que evidentemente o tipo de traballo muda”, conta Zoraida Estepa Carmona, psicóloga no Centro prisional Madrid VIN. “O noso traballo é no ti a ti. Agora, para evitar contagios, atendemos en ocasións vía instancia (mándannos un papel coa consulta e através del contestamos), mais se hai unha urxencia a persoa ten que ser atendida fóra do módulo (no exterior) e temos que manter dous metros de distancia”. Non é o ideal, mais é o que teñen que facer para evitar os contaxios.

Fóra das prisións, as familias das persoas internas tamén enfrentan un virus que cobrou xa máis de 9.000 vidas no noso país. O dó pola perda dun ser querido ten un impacto diferente cando estás encerrado. “No outro día morreu a nai dun interno e tivemos que ir a traballadora social e mais eu comunicarllo”, ilustra Zoraida. “Claro, el preguntaba se podía saír. Após dúas horas de conversa en que lle explicamos que tería que pedir unha autorización extraordinaria e que, caso lla concederen, do que non tíñamos a certeza, á volta tería que estar 14 días en cuarentena, só, con toda esa tristeza despois de perder á nai e tendo tamén el un problema de mobilidade… finalmente el mesmo decidiu non saír”.

Unha decisión realmente dura despois de non poder recibir visitas dos seus familiares e seres queridos desde hai máis de 15 días. Agora, só restan os teléfonos. As autoridades ampliaron o número de chamadas telefónicas permitidas para paliaren, dalgunha maneira, esa falta de contacto directo co exterior. Durante estes días van ser distribuídos algo máis de 200 móbiles (sob control) entre as diferentes prisións, que permitirán aos presos e presas facer vídeo-chamadas cos seus familiares e amigos. “As vídeo-chamadas dan aos internos e internas a posibilidade de comprobar que o que lles contan por teléfono é verdade”, afirma Zoraida. “Porque, cando estás en prisión, é habitual que ás veces os teus familiares che oculten a realidade para non preocuparte máis. Unha vídeo-chamada daríalles tranquilidade emocional”, engade.

Máis do 30 % dos internos padece doenzas infecto-contaxiosas. Hai hepatite e sida, o que faría aínda máis dramática unha posíbel entrada do coronavirus

“A verdade é que o ambiente está moi enrarecido”, observa Nacho López, educador na prisión de Alhaurín de la Torre. “Os educadores normalmente informamos e reconfortamos en moitos casos os internos, mais nestes momentos non somos capaces de transmitir esa tranquilidade, porque non a temos. As datas importantes para eles, as dos beneficios prisionais como saídas e terceiros graos son incertas, eles agora mesmo non poden conseguir certezas e están impacientes. Nestes momentos non podemos facer actividades como antes, non poden relacionarse con internos doutros módulos, etc. e todo iso fai moi difícil noso labor”.

Nas prisións, moitos dos internos sofren patoloxías previas, en ocasións derivadas do consumo de drogas, mais tamén por outras circunstancias. En total, máis do 30% padece doenzas infecto-contaxiosas. Hai hepatite -a prevalencia do virus de Hepatite C é do 20%- e sida, o que faría aínda máis dramática unha posíbel entrada do coronavirus. “Se o coronavirus se diseminase nas prisións, a mortalidade podería ser superior á dos anciáns porque están moito máis debeis, o consumo de medicación en prisión é moito máis elevado que na rúa e o índice de patoloxías tamén é superior. Se o Covid entra nos cárceres será un drama humano e tamén podería afectar a conduta do resto de internos non infectados”, advirte un funcionario dun establecemento prisional de Madrid que prefire ocultar o nome. Alén diso, pon en dúbida as cifras de positivos xa que, sinala, habería que sumar todas aquelas persoas contaxiadas a que aínda non foron feitas as probas.

Ás doenzas físicas hai que engadir as mentais. En 2016, en torno ao 40% dos presos padecía algún trastorno mental e da personalidade e un 8% doenzas mentais graves, segundo as cifras recompiladas pola Asociación Pro Derechos Humanos de Andalucía no seu relatorio ‘Sanidade en prisión: a saúde roubada entre catro muros”.

Do artigo de Mariña Lobo: ‘Encarcelados dos veces’

CXTX